Opinión

O capital non ten patria (nen corazón). Apontamentos desde o cotián

Estaremos de acordo en que J. Biden é outra cousa en relación a D. Trump. En 100 días recuperou a imaxe dos Estados Unidos, aplicou políticas máis respectuosa e lanzou unha proposta claramente keynesiana de rearme do público fronte aos excesos do neoliberalismo. Tamén podemos dicir que Biden está de novo a lavarlle a faciana ao capitalismo. Porque como se di desde o rap feito en galego “o capitalismo forma parte do organismo”. E unha maioría de concidadáns foron e son felices por gañar para aforrar algo, manter unhas contas nutridas nos bancos. Tamén por acumular propiedades, que “sempre son un investimento seguro”. Acumulación como paradigma dunha xeración de galegos e galegas que o pasaron moi mal nos primeiros anos de vida, que en numerosos casos deberon emigrar e que se senten triunfantes tendo pisos para alugar ou eucaliptos para vender, e unha boa conta corrente.

Este modelo foi incuestionable até 2008. Había que ter, que acumular e que gardar. Pero a burbulla inmobiliaria mostrou daquelas que posuír pisos e casas xa non era un investimento tan seguro. O prezo do edificado baixou moito máis do que nos contaron e penso (con algúns datos de respaldo), que aínda non se recuperou. E ter varias casas para alugar, para que os fillos as herdasen deixou de ser tan rendible, xerou perdas en tempos de crise. Pero o peor chegou dos aforros, aqueles que moitos pensaban que os bancos e as caixas gardaban escrupulosamente a prazo fixo e na realidade eran accións preferentes dun mercado descoñecido. Un mercado que se derrubou deixándoos sen os seus cartos ou cunha compensación demorada. “Todo o sólido se desvanece no ar” é unha expresión de K. Marx para referirse aos avatares nos que se move o sistema capitalista. E semellou que isto acontecía, máis paseniñamente todo volveu á normalidade e retornamos a confiar no mercado.

Os nosos maiores sufriron desenganos até 2014, pero logo todos esqueceron, ou quixeron esquecer. E agora volta a crise, baixo a forma de pandemia sanitaria. Ficamos na casa, moitos deixaron de traballar e asistimos a un empobrecemento xeneralizado, que se palía coa intervención desde o público (os ERTE, algunhas moratorias e axudas, etc.). Aquí os que gardan poderían sentirse satisfeitos coa súa estratexia persoal de aforro. O de 2008-2010 foi un accidente no sistema bancario, polo menos coas miñas contas correntes teño un colchón, un colchón que a moitas persoas lle serviu para resistir longos meses de peche ou semiactividade no seu comercio ou no seu local hostaleiro. Pero no capitalismo as cousas non son nin doadas nin están humanizadas. 

A proposta de Biden xorde do convencemento de que ou existe un rearme do público ou o capitalismo estadounidense perderá a súa hexemonía global

Agora que a gran banca, despois dos seus sufrimentos e provisión de recursos, volve gañar moito diñeiro, explícanos o seu novo mantra: o modelo de negocio con presenza na rúa non vai, cumpre pechar centos de oficinas de proximidade e despedir a miles de traballadores. Hai diñeiro para universidades privadas, para a superliga de fútbol, pero non para atender directamente as persoas que levan toda a vida sendo fieis á entidade, confiándolle o seus aforros e nóminas. Se non fósemos un país de vellos, co hábitat disperso, seguramente a miña preocupación sería menor. Pero, como lle digo agora a miña nai que aprenda a manexarse en internet para rastrexar onde están os seus amados cartos, para saber canto lles cobra un banco por ter aberta a conta ou como poderán garantir que os seus desexados aforros non desaparezan no medio dunha aplicación cando morran, se non deixan testamento ou van legando en vida. Cantos aforros se perderán e serán absorbidos polo seu banco. Para os bancos todos estes cartos non suporán moito, para o capitalismo demostrar que “todo o sólido se desvanece no ar” menos as desigualdades sociais e económicas implícitas do sistema, si é importante.

E retornamos ao comezo. Está claro que a proposta neokeynesiana e sensible no social de Biden xorde do convencemento de que ou existe un rearme do público na economía ou o capitalismo estadounidense perderá a súa loita pola hexemonía global. Isto será bo para millóns de traballadores e de persoas pertencentes ás minorías do país. Pero todo isto non oculta que se trata dunha decisión táctica, estratexicamente o capitalismo segue a ser máis de Schumpeter, necesita destruír, acaparar, desposuír, para continuar coa súa implacable lóxica. 

Comentarios