Opinión

A Marca España e a Catalunya do procés

Baixo a sombra, a historia de España conserva un perfil represor, autoritario e dado ao emprego da forza.

Desde hai anos toda a impresionante mobilización política e social que os cataláns emprenderon para conquistar o autogoberno foi mediada por un intenso debate ideolóxico, de narrativas contrapostas. Así, desde os estamentos oficiais do Estado Español insistiuse no enorme prestixio que acadara España coa súa transición democrática e a imaxe de modernidade e tolerancia cultural que se lograra transmitir. Fronte a esta interpretación, Catalunya adoitou insistir en temas como liberdades, democracia e nos dereitos dos pobos para definir o seu futuro. Día tras día, semana tras semana, esta dialéctica básica instalouse nas nosas vidas. Por iso, é bo botarlle unha ollada desde unha certa experiencia viaxeira e internacional.

Por unha banda, hai uns anos o goberno español creou unha responsabilidade para xestionar a Marca España no exterior e lanzou a súa maquinaria xudicial para prohibir e combater as denominadas embaixadas de Catalunya (como se Lombardía, Bretaña ou Galiza non tivesen oficinas en Bruxelas). A Marca España sempre estivo en mans de persoas de orde, como C. Espinosa de los Monteros co PP e I. Lozano (procedente de UPD) co PSOE. A pesar de que non simpatizamos con estes perfís, cómpre lembrar que algúns aspectos como o turismo, a atracción de investimentos ou a promoción de industrias acadan certo senso na acción de calquera goberno estatal. De feito, a imaxe turística e tolerante no social de España é boa, mentres que noutros aspectos como a seriedade no traballo, nos negocios ou na política, aínda persisten numerosos aspectos de lenda negra, impulsada por lecturas prexuizosas de alemáns, británicos ou franceses desde hai séculos.   

A respecto da lenda negra pouco se fixo desde as instancias oficiais. Así, eu aínda me lembro cando un colega da Universidade de Amsterdam nun bar no medio dunha excursión chamoume asustado porque viña de ver unha botella de brandy chamada Gran Duque de Alba. Para a memoria colectiva dos holandeses o Duque de Alba e Hitler foron os maiores asasinos da súa historia, os que procuraron rematar coas súas liberdades. Entón, el estaba a ver un produto que nunca en Alemaña se chamaría A. Hitler ou HH, porque está penado, pero en España si. O Pazo de Meirás roubado que non se devolve, a idea de que botamos estranxeiros no fin da Idade Media, cando a poboación islámica e xudía era tan ibérica como a cristiá, e un longo etcétera. En moitas partes do Estado segue a transmitirse unha historia imperial, que non resiste un mínimo control de veracidade científica. E logo, moitos estráñanse de manter unha lenda negra colectiva. É certo que algúns produtos culturais como Lorca ou Almodóvar branquearon isto e que o progreso económico recente é moi considerado. Pero non o esquezamos, a Marca España segue a manter menos luces que sombras, aínda hoxe.

E, entón, que pasa con Catalunya? Co conflito político e a independencia, porque así ven o procès. Aquí a imaxe moderna de España non é tal. Só se construíu unha mentira ou unha verdade a medias. Como unha vez nos lembraba en televisión O. Junqueras, moitas nacións actuais foron dominadas por Reis de Castela (na lingua popular, ocupadas por España). Isto resulta evidente en Portugal, Holanda, parte de Italia, Arxentina e boa parte de América Latina. Cando falo cos meus colegas deses países preguntan sobre Catalunya, polos presos políticos, e moi poucas veces observei esas posicións tan pro-españolas que se publicitan. Moitos portugueses seguen expresando medo respecto ao Estado veciño da Iberia. En todos os casos adoita defenderse que os pobos teñen dereito a decidir, que os cataláns (e os vascos) si son nacións recoñecibles en calquera parte e que só dialogando se resolven os problemas políticos. Gastouse moito na Marca España, difundiuse por todas partes que a posición do goberno central no caso catalán era entendida, pero eu iso vino en moi poucos lugares (quizás na Francia) e sempre baixo a sombra de que a historia de España conserva un perfil represor, autoritario e dado ao emprego da forza.

Comentarios