Opinión

Xa está aquí

Tras dous anos moi duros de pandemia, que nos afectou no económico mais tamén no psicolóxico, a maioría da sociedade precisaba dun verán de descanso e desconexión das malas novas e agoiros económicos. Mentres no mental unha parte da sociedade fixo un reset, no económico só houbo un punto e seguido.

A inflación segue descontrolada (os últimos datos na Galiza son alarmantes: un IPC do 11,5% e un 43,3% de aumento dos prezos industriais con respecto ao ano anterior). Isto implica un rápido empobrecemento xeneralizado da poboación -que se ceba coas máis vulnerábeis e aumenta as desigualdades sociais- e unha contracción do consumo interno (motor da nosa economía). Sería posíbel que a inflación deixase de subir no curto prazo, porén, de facelo, sería para se estabilizar nuns niveis aínda inaturábeis. Dificilmente na Galiza teremos taxas de inflación interanual por baixo do 9% no que resta de ano.

É previsíbel que o BCE volva subir os tipos medio punto o vindeiro 8 setembro e outro tanto en outubro, o que elevará os custos de acceso ao crédito. Tamén seguirá a subir o euribor, que podería chegar ao 2% no vindeiro ano, o que encarecería aínda máis as hipotecas da maioría da poboación. Ademais, un debilitado euro (en agosto chegou cotizar por debaixo do dólar) aumentará o custo de boa parte dos produtos importados que consumimos.

Está por ver o comportamento das primas de risco e o funcionamento do mecanismo de "antifragmentación" aprobado polo BCE para conter a súa escalada (especialmente en Italia e no Estado español). O BCE está a transferir diñeiro -de momento sen condicionalidade- da débeda vencida de Alemaña, Países Baixos e Francia para mercar débeda de Italia, España, Grecia e Portugal co obxectivo de conter as súas primas de risco.

Mentres a presión sobre os bonos do sur de Europa non sexa excesiva, pode funcionar. Se a presión aumenta, non será suficiente. Máxime para unha economía como a española cunha débeda pública no seu máximo histórico (1,46 billóns de euros, un 117% do PIB) e que ten que refinanciar máis de 70.000 millóns de euros antes de final de ano.

O fin da temporada estival porá, negro sobre branco, o alcance real da reforma laboral de Yolanda Díaz. Alén dos cambios nas denominacións e os seus efectos estatísticos, comprobaremos que hai realmente de "fixos" nos contratos "fixos descontinuos". Así mesmo, veremos tamén se se produce ou non unha repunta significativa na morosidade e quebras empresariais.

A conxuntura global previsibelmente tampouco axudará. Nin a que ten que ver cos efectos do cambio climático, coa maior seca en Europa nos últimos 500 anos (e o que pode afectar á produción alimentaria e hidráulica) nin a que ten que ver coa conxuntura económica cos países da nosa contorna como EUA, Reino Unido, Francia ou Alemaña, nunha profunda desaceleración e ao borde da recesión. Tampouco no relacionado coa xeopolítica, onde existen moitos elementos que poderían agravar a situación económica mundial: a recrudescencia do conflito con Rusia e posíbel corte do subministro de gas, novas tensións comercias EUA-China ou UE-Alxeria son algunhas delas.

Ante esta situación o goberno español tivo unha fase inicial de "negación" na que empregou como "brotes verdes" os datos de paro e turismo e o "maná europeo" en forma de fondos Next Generation. Ante a presión social tivo que comezar a tomar unha serie de medidas -máis cosméticas que eficaces- que nunca foron á raíz do problema nin puxeron realmente en xaque os intereses dos oligopolios enerxético e bancario. Na práctica, o pretendido "escudo social" tornaríase nun escudo de papel ante a maza de ferro que supón a inflación.

Hai uns meses escribía no Sermos Galiza sobre a inminente entrada nunha fase de estanflación (convivencia de baixas taxas de crecemento con altas taxas de paro e inflación). Lamentabelmente, xa está aquí. Tras a desaceleración, virá a recesión e con ela os "recortes". Para o debate dalgún deles (aumento do período para o cómputo das pensións, pacto de rendas para non subir os salarios, peaxe nas autovías gratuítas, etc.) non haberá que agardar moito, tamén xa están aquí.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios