Opinión

Rescate

O Estado español vai recibir unha importante suma de diñeiro procedente da UE. Para  facelo terá que cumprir unhas condicións marcadas desde Bruxelas e controladas polo conxunto de Estados da UE.

A dulcificación terminolóxica ou unha condicionalidade —aparentemente— menos draconiana, non poden ocultar que o Estado español está a ser “rescatado” e que non será barato nin indoloro. Non haberá “homes de negro” mais o control será maior que o da Troika (desde fóra con 25 Estados vixiando/paralizando e, desde dentro, con Nadia Calviño ao servizo de Bruxelas/Berlín).

A UE nunca deu pesos a catro pesetas. Esta non será a excepción. Unha parte devolverase mediante a amortización dos empréstitos. Outra, a través do incremento das achegas ao orzamento comunitario e a diminución de diferentes programas e axudas das que o Estado español era beneficiario neto. Ademais, imporanse “reformas” que, no argot comunitario non é outra cousa que “recortes” en servizos e prestacións públicas.

A UE está a abordar a crise da Covid-19 dun xeito diferente a como o fixera na anterior crise financeira. Mais só parcialmente. A austeridade como tótem desaparece (temporalmente), mobilízase unha cantidade de recursos sen precedentes mediante o endebedamento da propia UE e, parte deses recursos, non serán préstamos senón subvencións condicionadas. Porén, a UE non muda a súa posición respecto dos coronabonos (o que hai son emisións de débeda a cargo do marco financeiro plurianual dos orzamentos, non unha emisión do BCE de débeda mutualizada por todos os países da UE), nin do rol do BCE, nin a respecto de eventuais quitas ou conversións en débeda perpetua. Non hai un cambio de paradigma senón cambios parciais para que o fundamental continúe igual.

O “Fondo de Recuperación” estará dotado con 750.000 millóns de euros. Deles, 360.000 millóns serán préstamos e 390.000 (inicialmente ían ser 500.000) subvencións condicionadas. Está previsto que o Estado español reciba 140.000 millóns. O fondo é grande mais, o burato é maior. Será insuficiente para facer fronte á crise de liquidez que viviremos nos vindeiros anos. Ademais, as axudas non se comezarán a efectivizar (por tramos) até mediados de 2021. Para quen non sabe se o mes que vén poderá abrir a persiana, este fondo chegará tarde.

Se o Estado español é o segundo Estado europeo que vai recibir máis axudas non é froito dunha boa negociación, senón dunha situación económica calamitosa, que viña de atrás e a pandemia agravou moito ao ser unha economía excesivamente tercializada e hiperdependente do turismo. Aínda así, no medio prazo non serán España nin Italia os grandes beneficiados deste acordo, senón a gran banca europea e os países do norte porque esta non é unha actuación solidaria, senón o intento de salvar o mercado intraeuropeo. O norte non pon diñeiro para reindustrializar o sur ou mellorar os seus servizos públicos. Faino para que se lle siga a mercar e a roda non pare.

Estanse a evidenciar, máis aínda, a natureza e limitacións da UE. A liberdade de circulación de mercadorías, persoas, servizos e capitais, facilitou a concentración da riqueza e a actividade económica en detrimento da periferia europea o que ten agudizado desigualdades e asimetrías. Impuxo un determinado modelo de distribución do traballo e de especialización dos Estados no que a principal exportación do Estado español é o sol e a praia e, no caso da Galiza, nin iso.

Galiza é unha nación europea. É unha obviedade xeográfica, histórica e cultural. O problema para Galiza non é Europa, senón unha UE profundamente antidemocrática e radicalmente contraria aos intereses do noso país é que nos nega como pobo. Unha UE que, coa subscrición de débeda conxunta ou a creación de impostos europeos, segue a avanzar na súa “federalización” sen control democrático real. Esa Europa (a da UE e a OTAN) non é a miña Europa.

O nacionalismo galego foi moi crítico co modelo de integración do Estado español na CEE, con Maastrich, co tratado de Lisboa ou máis recentemente con tratados como o TTIP ou o CETA. O tempo deunos a razón. Coido que, lamentabelmente, en breve, nola volverá dar.

Comentarios