Opinión

Os novos (vellos) pactos da Moncloa

O pasado 9 de abril, o Presidente do goberno español, solicitaba no Congreso dos Deputados, uns “Novos Pactos da Moncloa”. Convocaba partidos políticos, axentes sociais e Comunidades Autónomas a unha rolda de xuntanzas para abordar un grande “pacto nacional” pola “reconstrución e recuperación económica e social”.

A escolla do nome non é casual. Os Pactos da Moncloa son parte do mito fundacional do Rexime do 78, do relato idealizado da Transición e foron tomados nun momento, ao igual que o actual, de profunda crise económica, social e institucional.

Os Pactos da Moncloa permitiron o branqueamento do rexime e, en grande medida, evitaron unha ruptura democrática coa ditadura. Grazas á claudicación da maioría da esquerda española (PSOE-UGT / PCE-CCOO) diante das principais demandas dos sectores “renovadores” do franquismo, os poderes fácticos da ditadura convertíanse nos poderes fácticos da nova democracia. Tan só se mudaban algunhas cousas para garantir que o fundamental (unidade de España e control económico por parte da mesma oligarquía) seguira igual.

Do asinado, cumpriríanse, basicamente, aquelas medidas de “contención” de salarios e gasto público e de “flexibilización” do mercado laboral. A maioría das limitadísimas “contrapartidas” sociais, non se chegaron a cumprir.

Só o nacionalismo cuestionou aqueles acordos e puxo en xaque ao vello, mais tamén, ao incipiente novo status quo. A pesar da desmobilización e domesticación da resposta social que os Pactos da Moncloa levaron parellos, o nacionalismo galego manifestaría o seu total rexeitamento mediante diferentes mobilizacións que se converterían nunhas das máis importantes do estado español.

Hoxe, nun contexto onde os grandes partidos españois están especialmente preocupados (e ocupados) polo relato postpandemia, a proposta duns “Novos Pactos da Moncloa” é, no plano táctico, intelixente. Aparentemente, para o PSOE, unha estratexia win-win. Presenta a un Pedro Sánchez Sánchez proactivo e disposto a facer cesións en base a un grande consenso para reconstrución económica e social. Se o consegue, preséntase como un estatista capaz de liderar un país nun momento crítico e ter a suficiente cintura política para chegar a acordos coa maior parte do arco parlamentario. Se non o consegue (o máis probábel), a culpa é dos extremos. Dunha dereita sen escrúpulos que prefire que a xente sufra antes de lle dar osíxeno ao goberno e das forzas nacionalistas, “sempre egoístas” e para as que para o seu obxectivo político último “canto máis debilitado estea o goberno español, mellor”. En calquera caso, sempre serán os outros os que terán que dicir non á suposta “unidade” no combate á pandemia.

Porén, a dicotomía unidade si/non é falsa se non se contesta antes a unha pregunta: unidade, para que?

É posíbel pasar do slogan “non deixaremos a ninguén atrás” ao plano real da man do PP, Cs e VOX? É posíbel con eses compañeiros de viaxe blindar a sanidade e o resto de servizos públicos das privatizacións e os recortes? Pódese pactar con eles e a patronal que esta crise non a pagarán as mesmas persoas que pagaron a anterior? Evidentemente, non. O pactismo entre dereita e a esquerda españolas non rescatará ás clases populares, nin blindará os nosos servizos públicos nin moito menos avanzará no recoñecemento do dereito de autodeterminación das nacións sen estado.

Que é o que pode pactar o PSOE/Podemos con PP, Cs e VOX? Basicamente o mesmo que se pactou en 1977 adaptado ás novas circunstancias de depresión económica que provocará esta pandemia. Co agravante para a esquerda española de reincidencia (agora xa nin coa a escusa do medo a un golpe de estado).

Non teño claro o percorrido real desta proposta. Coido que o máis previsíbel é que non se chegue a materializar. Entre outras razóns, porque a dereita española non está polo labor. Cando menos, de facelo gratis e neste momento. O que si que teño claro é que no caso de que ese pacto fose posíbel, nunca sería bo para as clases populares nin para os dereitos dos pobos. A saída “natural” do estado español ás crises sempre é a mesma: recortes en dereitos e liberdades e máis centralismo. Se non o evitamos, esta non será unha excepción. Os novos Pactos da Moncloa tan só serían o envoltorio do que realmente está por vir.

Comentarios