Opinión

Next Generation

O orzamento a longo prazo da UE e o Next Generation–UE son o maior paquete de estímulo xamais financiado desde Bruxelas: 1,8 billóns que -en teoría- deberían contribuír a paliar as consecuencias económicas da pandemia e camiñar cara a unha UE máis “sustentábel, dixital e resilente”. 

O Next Generation-EU está dotado con 750.000 millóns de euros dos que o Estado español será o segundo maior beneficiado con aproximadamente 140.000 millóns (72.700 en forma de transferencias e 67.300 en forma de créditos). Porén, son moitos os elementos que fan dubidar do seu impacto real na Galiza: 

Centralismo. Galiza non ten voz na negociación destes fondos. Será unha convidada de pedra que xogará un papel subsidiario como parte dunha arquitectura institucional de descentralización administrativa mais non política. A pesar de que competencias como educación, sanidade, servizos sociais, industria ou políticas activas de emprego son exclusivas da Xunta de Galiza, unha parte importante dos fondos Next Generation estarán fortemente centralizados mediante macroproxectos impulsados e dirixidos desde Madrid. Ademais, na distribución autonómica non terán en conta as nosas especificidades (avellentamento, dispersión, fenda dixital, emigración xuvenil etc.).

Grandes empresas. O gran beneficiado do Next Generation será o Ibex-35. O groso dos fondos, e a totalidade dos denominados “grandes proxectos tractores”, estarán nas súas mans. A nova figura xurídica de Perte podería ser unha oportunidade para a creación de empresas mixtas de maioría de capital público. Porén, tamén poden ser unha grande estafa se só valen para inxectar cantidades inxentes de diñeiro público en empresas privadas.

Non resolverán os problemas máis urxentes nin a maioría dos estruturais

Estes fondos atacan problemas importantes da nosa economía (falta de I+D+i, escasa dixitalización etc.); porén, non atacan os problemas máis urxentes. Para quen ten un bar ou unha zapataría que non sabe se terá que pechar o mes que vén, estes fondos serán de pouca ou nula axuda. 
A maioría dos proxectos que se están a coñecer non son intensivos na creación de emprego, non responden a unha estratexia de país nin abordan os principais problemas da economía galega. 

Incapacidade de xestión. Se a negociación dos fondos foi complexa, a súa execución serao máis. O 70% dos mesmos terá que estar consignado entre 2021 e 2022, o 30% restante en 2023 e a súa execución non poderá ir alén do ano 2026. Nese sentido, o Goberno español tomou dúas medidas: 

1) Recoller nos Orzamentos Xerais do Estado de 2021 partidas por importe de 27.000 millóns para adiantar parte deses fondos sen agardar á súa transferencia efectiva.

2) Aprobar un Real Decreto-Lei que permitirá unha maior axilidade e simplicidade nos procedementos administrativos para acceder a estes fondos. 

Decisións insuficientes se temos en conta que entre 2014 e 2020 o Estado español foi o que menos fondos comunitarios executou (o 39%), e que agora tería que multiplicar por 7 ese ritmo.
Endebedarse para cousas accesorias. A anterior crise financeira deitou importantes ensinanzas respecto das consecuencias das políticas de “austeridade”. As administracións públicas deben endebedarse cando a situación o require. Este é o caso. Porén, sería un erro caer nun endebedamento excesivo, que condicionaría vindeiras xeracións, se é para gasto accesorio. A austeridade está aprazada, mais non derrotada. Volverá. E canto maior sexa o endebedamento presente, maiores serán os recortes futuros.
Condicionalidade. Supostamente, estes fondos son incondicionados. Porén, a Comisión Europea xa comezou a ensinar a patiña dunha condicionalidade indirecta en forma de “recomendacións” de “reformas estruturais”, en ámbitos como as pensións ou flexibilidade laboral que, no plano real, serán de obrigado cumprimento.
Falta de transparencia. A axilidade na xestión destes fondos non ten que ir en menoscabo da transparencia. Mais non está a ser así. Tanto o Goberno de Pedro Sánchez como o de Alberto Núñez Feixoo están a caracterizarse por unha grande opacidade nos criterios e procedementos seguidos para escoller proxectos.

Comentarios