Opinión

Máis que palabras

A criminalización do nacionalismo como ideoloxía e a caricatura que se fai dos seus postulados son unha constante en todos os medios de comunicación e foros políticos

 

A maioría das e dos profesionais da opinión sitúan o nacionalismo no ámbito da irracionalidade e do anacronismo histórico. Outras persoas equipárano coa fe relixiosa: algo místico e mobilizador de masas manipuladas mediante a apelación a sentimentos primarios. A maioría, caracteriza o nacionalismo como un movemento político egoísta, insolidario, intolerante, excluínte e contrario a unha sociedade igualitaria, cando non directamente como unha ideoloxía racista, portadora de patoloxías xenófobas e cun substrato violento contrario aos dereitos humanos.

A maioría deles entenden que as nacións non xeran o nacionalismo, senón ao revés, que é o nacionalismo quen artificialmente crea nacións e, a raíz diso, a necesidade de se constituíren en estado. Ven o nacionalismo como algo primitivo, un fenómeno reaccionario e atávico que implica a proliferación de integrismos e de irredentismos fanáticos. Unha reclamación artificial (e irracional) que só pode conducir a unha balcanización do planeta, antitética á verdadeira irmandade entre os homes e mulleres de todo o mundo e entre os pobos que o compoñen, polo que descualifican como infundada, irracional e perniciosa calquera reivindicación da nación cando esta xa forma parte dalgún estado.

A criminalización do nacionalismo como ideoloxía e a caricatura que se fai dos seus postulados son unha constante en todos os medios de comunicación e foros políticos. Deste tipo de análises non escapa nin a dereita nin a esquerda. Do fascismo máis reaccionario ao marxismo dogmático e esquemático. Ambos chegan á mesma conclusión: o nacionalismo é “malo” ou, no mellor dos casos, “non é bo”.

Toda esta introdución vén a conto de que hai anos, unha persoa -ben intencionada- recomendábame que debiamos deixar de nos definir como “nacionalistas” pola confusión que xeraban todos os usos anteriormente mencionados. Hai uns días, outra persoa, -novamente ben intencionada- dicíame que había que comezar a fuxir do termo “soberanista” porque o estaba empezar a empregar Salvini en Italia e, no futuro, poderíase asociar con actitudes xenófobas e fascistas... Estou convencido da boa intención de ambas persoas. Igualmente, estou convencido de que sería un profundo erro seguir esas recomendacións.

As palabras nunca son neutras e a “besta” non se calma dándolle de comer. Simplemente engorda. Hai batallas que é preciso dar e unha delas é a da conceptualización do nacionalismo. Non hai ningunha idea ou proposta política na historia da humanidade que teña avanzado sen defendela. Moito menos sen mencionala.

O nacionalismo é unha ideoloxía de progreso social que combate unha das maiores inxustizas do noso tempo: a opresión nacional. Non é un movemento agresivo nin chovinista (iso é o fascismo ou imperialismo) senón un movemento de autodefensa que persegue o dereito á existencia; un mundo en paz, onde as diferentes nacións do planeta poidan convivir en paz e en pé de igualdade, sen inxerencias nin subordinacións. Defende que o mundo é plural e diverso e que iso, lonxe de ser un problema, é unha riqueza que non só hai que preservar senón que hai que apoiar de xeito decidido. A ideoloxía nacionalista non é un vestixio do pasado. Ten demostrado ser unha das ideoloxías máis duradeiras é un dos movementos políticos, hoxe en día, máis importantes do planeta. Foino no século XX e, con total seguridade, seguirao a ser no século XXI.

Palabras como “nacionalismo” poden ter significados antagónicos segundo quen e como as empreguen. Porén, por enriba do significante está o significado. Aínda que algunhas palabras están prostituídas e manipuladas até a saciedade, iso non debe facer que as abandonemos. Facelo sería a nosa primeira derrota. A de asumir como propio o marco teórico e conceptual do inimigo. Debemos dar a batallas das palabras que, no fondo, é a batalla das ideas e de diferentes concepcións do mundo e da sociedade. E a do nacionalismo é unha batalla de xustiza, liberdade e Democracia. Unha batalla que sempre pagará a pena dar.

Comentarios