Opinión

Desconfinamento ideolóxico

O impacto económico da COVID-19 estenderase á totalidade do planeta e o Estado español será un dos máis damnificados. E isto será non só por un maior impacto directo da pandemia, senón porque xa se atopaba nunha acusada desaceleración económica e ás portas dunha nova recesión. Choverá sobre mollado. Tampouco axudará o feito de que ningún dos problemas estruturais da economía española e do seu modelo produtivo foran debidamente abordados, a comezar polo sobredimensionamento do sector servizos (especialmente o turismo) ou a elevadísima eventualidade e precariedade laboral.

O FMI estima un repunte do paro de até o 21% e unha caída da economía española para este ano dun 8% (segundo o BE podería chegar ao 13,6% e para Morgan Stanley até o 22,6%). Prevé que a débeda pública suba un 95,5% até chegar ao 113% do PIB e que o déficit supere o 9,5%. Nesta conxuntura, a ansiada volta á normalidade será, para unha parte importante da poboación, a volta á incerteza laboral, ao paro, á precariedade, á explotación e, en moitos casos, á pobreza. O problema non desaparecerá con só levantar a persiana. Abrir sen clientes empeorará a situación a moitas persoas.

Ninguén discute hoxe a magnitude económica e social desta crise. Máxime co agravante de que unha xeración que aínda non se recuperara das consecuencias da anterior crise padeza outra en pouco máis dunha década. O que si se discutirá (e moito) é sobre como se debe afrontar por parte dos poderes públicos.

A COVID-19 está a pór en cuestión os principais dogmas neoliberais e as supostas bondades da globalización: redución do papel do estado na economía, privatizacións e empeoramento dos servizos públicos, redución de impostos, supremacía da economía financeira sobre a produtiva, destrución das estruturas produtivas tradicionais e abandono de sectores estratéxicos, falta de soberanía alimentar e deslocalización de moitos sectores, a explotación salvaxe de recursos e maltrato do medio, a eficiencia do centralismo en realidades plurinacionais, a opacidade e ineficacia das institucións de organismos supranacionais, os oligopolios en materia de comunicación e redes sociais como amplificadoras de fakenews, ou valores como o individualismo ou o consumismo.

Tamén evidencia a natureza da UE. Ver inicialmente en Italia máis axuda procedente de Moscova, Pequín ou La Habana que de Bruxelas é significativo. O tipo de política que está a seguir o BCE e a negativa á mutualización da débeda a través da emisión de “coronabonos” é a antítese dunha unión solidaria, incapaz, nin tan sequera nesta situación, de facilitar a acollida de emigrantes e refuxiadas amoreadas ás portas da UE.

Neste contexto, revalorizase socialmente o papel do público non só como garante da orde senón como axente económico imprescindíbel ao se evidenciar que nas grandes crises sanitarias e económicas non hai man invisíbel que solucione os problemas da xente. Só desde o público existen os recursos económicos suficientes, lexitimidade social e medios cohercitivos para abordalas.

Hoxe é posíbel abrir debates tabú. Hai novas oportunidades para superar socialmente os marcos teóricos e simbólicos que o capitalismo e o españolismo impoñen. Nalgún caso será así pola vía dos feitos como no das nacionalizacións, hoxe bendicidas até polos máis neoliberais. Outros, como a virtualidade do euro ou mesmo a pertenza á UE, non se deberían deixar monopolizar á extrema dereita. A historia demostra que a miseria da clase traballadora e a falta de alternativa por parte da esquerda é o caldo de cultivo natural do fascismo. Tamén a xestión desta crise evidencia con crueza as consecuencias da falta de soberanía para Galiza e desbarata a falacia de que o Estado español é dos estados máis descentralizados do mundo.

É máis entendíbel hoxe que hai meses falar de banca pública, nacionalización de empresas estratéxicas, fixación de prezos ou condonación de débeda que hai uns meses. É o momento de nos desconfinar tamén mentalmente e facer propostas máis avanzadas e de maior impacto real. Para a batalla das ideas, inasociábel a calquera avanzo social, a COVID-19 pode ser unha oportunidade. Non a desaproveitemos.

Comentarios