Opinión

Confluencias: mitos e realidades

O debate sobre a fórmula de concorrencia do BNG ás vindeiras eleccións galegas, non debera ser nin o único, nin o principal debate desta Asemblea Nacional

O debate sobre a fórmula de concorrencia do BNG ás vindeiras eleccións galegas, non debera ser nin o único, nin o principal debate desta Asemblea Nacional. Porén, gustaríame, como @s que me precederon, compartir con vós, a miña opinión ao respecto. En primeiro lugar, negando a maior. Creo que a confluencia en pé de igualdade con En Marea é máis un desexo ca unha posibilidade real. Desexo que non comparto, pero que entendo.

No proceso vivido nas pasadas Eleccións Xerais non houbo vontade real por parte de En Marea (e os partidos que a manexan) de chegar a ningún acordo que non pasara pola integración do BNG nunha papeleta co logotipo de Podemos, con todo o que iso significaba e implicaba. Algo deberamos ter aprendido colectivamente dese proceso: das papeletas, da promesa incumprida (a sabendas) de constituír grupo parlamentar propio, da integración submisa no grupo de Podemos ou do feito de que estes días saíran á luz pública acordos asinados coa máxima opacidade entre Podemos/IU/Anova xa no mes de maio…

Non interioricemos cousas que obxectivamente non son certas e que retratan a quen as enuncia. Se non houbo unha candidatura galega sen dependencias alleas e con entidade xurídica propia (que si que podería ter grupo propio), non foi por culpa do BNG. Todo o contrario. Fixemos un sobreesforzo en acadala, excesivo en tempo e enerxía, mesmo cando xa era máis que evidente que non existía vontade algunha de chegar a un acordo. A inxenuidade en doses pequenas pode até ser sa. En doses grandes, pódese converter nunha síndrome de Estocolmo, letal. Aínda que nunca se verbalizou nestes termos (nin se verbalizará), desde o meu punto de vista, nin había nin hai vontade real de confluencia. Nin tan sequera, de OPA hostil. Ao sumo, dunha absorción parcial, consecuentemente coa opinión dunha parte importante desde entorno que parte de que o nacionalismo hoxe, lonxe de sumar, resta e que o que representa o BNG como proxecto é parte do problema, non da solución.

Todo o dito até o de agora poderíase considerar un xuízo de valor, unha opinión persoal non verificábel que prexulga as intencións doutros. Acéptoo. Por ese motivo, a pesar de que entendo que ese escenario non se chegaría a verificar nunca, non fuxo de dar o debate de fondo.

A pregunta non é, que hai que facer para alcanzar a unidade, senón: unidade con quen e, para que?

No hipotético caso de que houbese unha vontade sinceira por confluir co BNG, só existirían dúas posibilidades: ou confluir coa Marea en calquera das súas variantes (no caso de que se presentaran como tal) ou impulsar unha candidatura netamente nacionalista en calquera das formulacións posíbeis. Non hai terceiras vías. Quen dubide entre cal das dúas opcións sería a “boa”, que deixe de dubidar. Non se trata de escoller entre a boa e a mala, senón a correcta.

Non serei eu quen minimice a importancia da unidade para calquera proxecto político. Todo o contrario. Mais, coido que a unidade non é boa ou mala en si mesma. Para min, a pregunta non é, que hai que facer para alcanzar a unidade, senón: unidade con quen e, para que? Se a resposta é: “unidade para derrotar ao PP”, non será a primeira vez que o nacionalismo galego se atopa nesa disxuntiva. Para a esquerda española era inconcebíbel que non houbese “unidad de la izquierda” para derrotar ao franquismo. Ocórrenseme poucos obxectivos máis nobres que xustificasen cesións, que desbancar unha ditadura fascista. Afortunadamente, o nacionalismo galego, basco e catalán, non erraron. O nacionalismo interpretou correctamente o momento histórico que estaban a vivir. Non quería unha transición fraudulenta, quería unha ruptura democrática que garantise o dereito á autodeterminación dos pobos. O resto da historia xa a coñecedes, incluído o pacto dos herdeiros do Réxime co PCE para reinstaurar, entre outras, a monarquía, o actual sistema económico e a autoamnesia para non condenar os crimes do franquismo, vaia, para avalar o Réxime do 78 que aparentemente algúns hoxe tanto deostan. Daquela, para o nacionalismo, derrotar a Franco era condición necesaria, mais non suficiente. Para nós, hoxe, derrotar ao PP (en Galiza e no estado), igualmente, é condición necesaria, pero non suficiente.

Se politicamente nos comportamos como unha provincia, non podemos pretender que nos traten coma unha nación

No debate ideolóxico de fondo, non todo vale. A autorganización non é unha posibilidade. Para un proxecto nacionalista como o noso, é unha necesidade.  Trátase dunha forma de actuar e de estar no mundo, consubstancial a un movemento de liberación nacional. Se do que só depende de nós, non funcionamos como unha nación libre, non teremos ningunha credibilidade nin lexitimidade para esixir que se trate a Galiza como a nación que é. Se politicamente nos comportamos como unha provincia, non podemos pretender que nos traten coma unha nación.

Sobre o papel (outra cousa é na práctica), existen en diferentes ámbitos coincidencias programáticas con Podemos, Izquierda Unida ou mesmo co PSOE. Iso permite partillar espazos comúns en mobilizacións sociais, plataformas e até chegar a acordos puntuais ou estábeis en ámbitos institucionais. Iso non plantexa problema ningún, sempre que se faga con rigor e en base a compromisos programáticos claros. Porén, a ninguén se lle escapa (a eles os primeiros) que o BNG non defende para Galiza o mesmo que defende Podemos, Izquierda Unida ou o PSOE. Máis alá dunha retórica formalmente favorábel ao “dereito a decidir” e dunha ambigüidade calculada sobre o caso catalán (nunca o galego), nin Podemos nin Izquierda Unida recoñecen no plano práctico a condición nacional de Galiza e os dereitos que, consecuentemente, lle resultan inherentes. Ese, é para min, motivo fundamental polo que, aínda que existira a posibilidade, non deberiamos compartir candidatura electoral con forzas políticas de ámbito estatal. A alternativa política que representan IU ou Podemos é tan galega como a do PSdG ou a do PPdG. Non menos, pero tampouco máis. Por moi plural que sexa o centralismo, segue a ser centralismo; tanto en Galiza, Euskadi como en Cataluña, a máis Podemos, menos nacionalismo e a menos nacionalismo, máis España. Non se pode avanzar cara á soberanía compartindo proxecto con forzas políticas que en Galiza non son soberanas.

Por moi plural que sexa o centralismo, segue a ser centralismo; tanto en Galiza, Euskadi como en Cataluña, a máis Podemos, menos nacionalismo e a menos nacionalismo, máis España

Unha cousa é chegar a acordos postelectorais. Outra moi distinta é integrarse nunha mesma candidatura. As implicacións son moi diferentes. No plano teórico, ao asumir de facto unha coincidencia na estratexia política de fondo e ao facer  renuncia á autorganización. No terreo práctico, asumindo que até o de agora estabamos errados respecto a nosa política de alianzas e sendo, posibelmente, a primeira vez, que un galego ou galega que quixera votar a unha forza galega e nacionalista, en exclusiva, non o puidera facer.

Non me cabe a menor dúbida de que ao día seguinte das eleccións, haberá unidade de acción para mandar a Feixóo e ao Partido Popular á bancada da oposición do Pazo do Hórreo. Mais, para derrotar ao PP e avanzar nun camiño de autogoberno real, o noso mellor contributo non será unha unidade artificial da esquerda baixo premisas ideolóxicas contradictorias, senón ofrecerlle ao pobo galego unha opción política nacionalista, renovada e mellorada. Unha opción galega, autónoma, sen inxerencias nin subordinacións a ningunha forza política de ámbito estatal, nin a ningún poder económico e/ou mediático. Unha opción libre, sen ataduras, cos centros de decisión en Galiza e só subordinada aos intereses do seu pobo.

Non será doado, é obvio. Mais, cando o tivo doado o nacionalismo en Galiza?

Se escollemos ese camiño, fagámolo conscientemente do que implica. Non nos autoenganemos. Será moi díficil. Non estará exento de riscos importantes e non será apto para impacientes. Mais, desde o meu punto de vista, con todas as limitacións que teña, é o único camiño que  pode garantir, agora e no futuro, que Galiza conte cun instrumento político propio que a faga avanzar como nación. Non será doado, é obvio. Mais, cando o tivo doado o nacionalismo en Galiza?

Debatamos todo o que teñamos que debater, sen tabús nin conclusións preestablecidas. Cambiemos todo o que creamos que temos que cambiar. Todo

Se de algo ten dado mostras o nacionalismo en Galiza nos últimos cen anos, desde as Irmandades da Fala ao BNG, é da súa capacidade de se reinventar e de actualizar nos momentos máis difíciles, para seguir ofertándolle á nación galega, unha esperanza en forma de expresión política propia, que defenda o dereito deste pobo a decidir libremente o seu futuro. Renovemos e melloremos a ferramenta, actualicemos e pulamos as nosas análises e o noso discurso. Debatamos todo o que teñamos que debater, sen tabús nin conclusións preestablecidas. Cambiemos todo o que creamos que temos que cambiar. Todo.

Toca mudar moito do que facemos. Mais non o que somos, galegas e galegos de nación. Fagámolo.

Comentarios