Opinión

Ucraína

Ningún país pode invadir outro porque decidira independizarse

No século das crises que nos está tocando vivir, a pandemia deixou paso á guerra. Neste caso, a provocada pola agresión rusa a Ucraína, lembrando o peor das invasións e procesos de anexión contemporánea do século XX (Alemaña en Polonia, Estados Unidos en Panamá e Cuba, etc.), pero que non viramos desde había decenios. Ademais, este crise afectoume directamente. Como escribín en Nós Diario, visitei Odessa en setembro, son amigo do gran xeopolítico ruso V. Kolosov e na Unión Xeográfica Internacional da que son Vicepresidente decidimos suspender provisionalmente a Rusia como membro, xa que o Presidente da Sociedade Xeográfica Rusa é o Ministro de Defensa dese país. Coñezo Rusia e Ucraína e este conflito estouno a vivir día a día.

En primeiro lugar, a agresión rusa debe ser condenada enerxicamente. Ningún país pode invadir outro porque decidira maioritariamente independizarse. Para o pobo e os dirixentes rusos a separación de Ucraína supuxo un desgarro enorme, mentres que os ucraínos asumiron en oito anos esta ruptura emocional, transformada en divorcio, como puiden apreciar en directo. Por iso, semellaba lóxica a petición do Kremlin de que Ucraína firmase un compromiso de non adherirse á OTAN, como mantén Finlandia desde 1945. Non obstante, coa invasión todo se rompe. Ou Putin e o seu grupo dirixente se saen coas súas ou Ucraína entrará no mundo occidental pola porta grande, unha vez exaltada a capacidade de heroísmo dos seus cidadáns. Eu sorprendinme porque o Kremlin non se quedase só co recoñecemento das repúblicas de Lugansk e Donetsk, xunto a algunha expedición punitiva. Mais o homo soviético do KGB segue a ser máis un representante da vella xeopolítica que do contexto actual. Vou argumentar por que. 

Eu opino que V. Putin e o bloque dirixente ruso van saír claramente derrotados da operación, aínda que no corto prazo vaian gañando. Penso isto porque, no mundo globalizado actual, a interdependencia financeira e o emprego masivo da propaganda fronte a un feito reprobable pesan máis que un experimentado poder militar (se Estados Unidos deixou Afganistán, Rusia non aguantará en Ucraína). De feito, a economía tende a rexer as cousas, e só o feito de expulsar do capitalismo global á fracción oligárquica de millonarios que apoian a Putin, créalle máis desgaste que anos de manifestacións polos dereitos humanos. E logo virá o racionamento nalgúns produtos, a imposibilidade de saír ou investir no exterior e a sensación de ser un paria na sociedade actual de nacións. Ademais, Occidente é maxistral no manexo da propaganda (tendenciosa!!). Está claro que a resistencia ucraína xa é a icona como a francesa ou a italiana na IIª Guerra Mundial, que seguimos sen saber que defende o goberno de Putin porque todas as súas canles de comunicación foron silenciadas (e logo queixámonos de Hong Kong) e, por último, semella que ningún ucraíno desexa aos rusos (algo bastante estraño, despois de séculos de convivencia mutua, aínda que o divorcio brusco se materializase). 

Na contra, un vello KGB (e así se repite cada poucas horas), co poder descarnado das bombas. Sen máis obxectivo (e debe haber algún) que esmagar un pobo que escolleu liberarse. Nunca con estes argumentos tan parciais e asumidos por unha ampla maioría da opinión internacional se pode gañar. Isto é o erro de Putin. Ademais, o líder ruso non defende unha nova sociedade igualitaria ou comunitaria, como o farían os comunistas ou os socialistas. É tan capitalista e perpetuador das desigualdades como os seus opoñentes. Por iso, a expulsión do capitalismo global ten efectos demoledores.

Para rematar este relato un pouco acelerado, cumpre preguntar quen serán os gañadores e perdedores reais do conflito. Entre os perdedores sen dúbida o pobo ucraíno, mais tamén o ruso, e se non se asume unha mudanza radical na política enerxética os europeos sufrirán unha nova crise. Os gañadores, a China e Estados Unidos, que seguen lonxe da fronte de batalla. Os chinos van obter subministración a mellor prezo de Rusia e reafirmar a imaxe de potencia mundial tranquila. En Estados Unidos, produtor destacado de fontes de enerxía, o impacto económico notarase menos e a unidade construída por J. Biden en favor da liberdade crea conciencia unitaria nun país bastante fracturado e fai esquecer o fracaso de Afganistán.

Comentarios