Opinión

Ucraína (mes dous)

No mes pasado comentaba o inicio da guerra de Ucraína resultado da agresión rusa e establecía un vaticinio: Rusia podía gañar no corto prazo, pero perdería no medio e longo, xa que estaba a ser amplamente derrotada nos medios globais de comunicación, e a súa expulsión do sistema financeiro internacional tería efectos devastadores na economía do país. O primeiro prognóstico está a cumprirse, o pensamento hexemónico na opinión pública é que Ucraína e a vítima e o seu pobo resiste heroicamente fronte ao malvado réxime de Putin. Isto puiden experimentalo hai días nunha universidade de Moçambique (nación neutral no conflito), onde os numerosos estudantes que participaban na nosa conferencia mostraron o seu apoio aos ucraínos, tamén simpatías pola solidariedade europea cos refuxiados (sic) e rexeitamento das vellas posicións xeopolíticas dos estados africanos. Semella que a primeira batalla, a dunha narrativa crible, gáñaa amplamente Occidente. Isto nun contexto onde a liberdade de expresión e de reunión son as grandes perdedoras nos dous bandos. Non sabemos case nada da versión rusa e en Rusia descoñecen o substancial do impacto da guerra.

Se nos referimos ao plano estritamente militar, o balanzo é máis confuso. Resulta evidente que Moscova non consegue o seu obxectivo de máximos, o colapso do réxime de Kiev; así e todo, Putin nunca se referiu en público a ir máis alá dunha operación de castigo para defender ás poboacións de Crimea e o Donbass. En calquera caso, o divorcio duradeiro entre a sociedade ucraína e a rusa é indiscutible. Ucraína está a ser defendida dun xeito sofisticado co apoio activo da OTAN. Ademais reforzou a súa lexitimidade coas imaxes de crimes de guerra (que, sen dúbida se están a producir). Estes crimes pasaron a converterse nun argumento moral central do conflito. No mesmo resulta importante definir para os medios quen xoga o papel de exército de liberación e de ocupación, se os obxectivos van ser finalmente xerais ou rexionais no leste e no sur e Ucraína. Penso tamén que en abril debe asinarse un alto o fogo, que pare o conflito, que seguirá manténdose de fondo (o 9 de Maio Rusia e Ucraína van querer celebrar cada unha a lembranza da Grande Guerra Patria contra os nazis).

Os dous bandos necesitan presentarse como gañadores e lexitimados. Con todo, os dous pobos son os grandes perdedores dun conflito pouco útil. A sociedade ucraína asume unha destrución sen precedentes próximos e a rusa o illamento internacional, que se tornará en problemas económicos no medio prazo. Tamén Europa non sae ben parada. De novo, cae baixo a hexemonía e dependencia de EEUU. Ao tempo sofre unha espiral inflacionista e unha moderación no crecemento. Aínda que as institucións da UE se mostran fortes de cara á galería, probablemente populares, a sociedade europea é outra das perdedoras neste conflito.

E quen gaña? Sen dúbida, China e os EEUU, que se ben expresan o seu rexeitamento público á guerra, non fan en absoluto mal negocio coa mesma. Reafirman a súa indiscutible posición de mando na escena internacional. No caso dos Estados Unidos, o Presidente Biden fai esquecer o desastre de Afganistán, os problemas no Congreso para sacar adiante os ambiciosos programas sociais deseñados pola súa administración e pode acusar ao réxime de Moscova de responsable de crimes contra a humanidade. Entre mentres, rompeu ou vai romper a cadea comercial e de subministro entre a UE e Rusia, facendo que Europa incremente a súa dependencia enerxética e mercantil do amigo americano. Ademais, o seu complexo industrial-militar pode ensaiar novas armas e sistemas de guerra contra o exército ruso.

No cumio da dupla moral norteamericana, Biden interveu en Polonia declarando solemnemente o "apoio aos demócratas de todo o mundo" fronte a agresión rusa. Se lembrades, ao día seguinte no deserto do Negev, o seu Secretario de Estado facía honor a estas palabras animando unha alianza militar explícita entre Marrocos, Exipto, Israel, Emiratos Árabes e Bahrein, como se sabe, réximes impecables na súa defensa dos dereitos humanos e da liberdade de expresión. Enfrontamos unha tráxica ironía. Como a que moitos de nós estamos a vivir co noso apoio nítido a causa da soberanía Ucraína, aínda que isto supoña ter coincidencias tan pouco desexables coa maioría dos moi interesados gobernos occidentais.

Comentarios