Opinión

A segunda onda da Covid-19: Lección para as políticas públicas

Desde a OMS, os comités epidemiolóxicos de distinto ámbito e mesmo os xornais, insistiuse en que habería unha segunda vaga da Covid e todos acertaron. Dunha banda, o acerto dos expertos dános seguridade fronte a unha etapa de desasosego e incerteza. Doutra, a tantas veces repetida noción de crise permanente na que se instalou a sociedade capitalista madura do século XXI semella reafirmarse.

Fronte a este segunda onda, como na primeira, cómpre preguntarse que conclusións obtemos. En primeiro lugar, que aprendemos a defendernos mellor do virus, con superior número de tests, deteccións prematuras e tratamentos máis eficaces. A crise da Covid supón a maior proba que as políticas públicas de saúde deberon afrontar nunca. Así, os sistemas desiguais, centrados na atención aos poderosos ou sometidos a continuos recortes de gasto público nos últimos tempos suspenden (Estados Unidos ou Brasil á cabeza, pero tamén a rexión de Madrid). Pola contra, naqueles territorios onde o servizo de sanidade para todos é prioritario, a segunda onda está sendo controlada (o indubidable éxito da China, tamén de Alemaña ou de Italia, e Asturias, a única autonomía que non recortou en orzamentos de saúde desde 2010). Tamén espiu mentiras que, de tanto repetirse, semellaban terse convertido en axiomas: por exemplo, que a sanidade española era a mellor do mundo. Sen dúbida que os nosos profesionais da saúde pública sitúanse entre os máis responsables do planeta, pero cando se recortan medios, cando se recorre á recontratación sistemática de persoal médico e de enfermería, resulta imposible que nos situemos diante da prestación dun servizo de calidade excelente (o voluntarismo  non pode corrixir os recortes en gasto sanitario).

Se seguimos con esta cuestión, descóbrese o panorama mostrado por esta segunda vaga da pandemia. Contamos con algúns dos mellores profesionais da medicina, da educación e dos servizos sociais. Pero nun contexto de austeridade e recortes non son quen de reverter a situación. Nos centros de Atención Primaria e hospitais minóranse os efectos da Covid, as clases comezaron con normalidade a pesar das imprevisións, e os traballadores da residencias de maiores atenden até a extenuación, moitas veces en condicións deplorables. Pero este heroísmo colectivo necesita de investimentos decididos nos servizos públicos, baixo o control directo da Administración. A titularidade privada da saúde e dos servizos sociais non axudou na crise, e mesmo a agravou. A este respecto cómpre dicir que até un estado do benestar barato (cutre en moitos casos como o galego), serve para frear os efectos xerais da Covid, iso si, cun compromiso notable do persoal traballador.

Entón podemos preguntarnos, que funciona e non funciona aquí durante esta segunda onda da pandemia. Funciona bastante ben a responsabilidade cívica e en particular o compromiso profesional de miles de traballadores. Funcionan as políticas de reforzamento do público na xestión dos servizos colectivos. Debería funcionar un mínimo consenso político para frear a expansión do virus (e ollemos Portugal), pero cun presidente galego que lle nega á líder da oposición un acordo de reconstrución, por exercer o dereito legalmente recoñecido a participar en folgas na feliz Galiza (sic), xa non imos ben. E se ollamos Madrid sobran as palabras para describir como as privatizacións e as insuficiencias na xestión provocan mortes, como se contribúe a expandir a enfermidade polo resto do Estado e como a resposta ameazante, pero sen concluír (claro, non son cataláns!), do Goberno central, tampouco arranxa as cousas.

Para rematar, unha conclusión rápida e simple: a pandemia subliñou a imperiosa necesidade de dispoñer de servizos públicos e políticas de calidade. Uns servizos baseados nos principios dunha suficiente dotación orzamentaria e con carácter universal. Sen dúbida, eses servizos son custosos. Até que as Administracións públicas non tomen conciencia de que só subindo os impostos aos que máis teñen (rendas por riba dos 100.000 euros) e das sociedades empresarias con máis lucro, non seremos quen de afrontar con solvencia outra vaga da Covid, outra pandemia, outro comezo de curso complexo ou unha atención digna aos nosos maiores.  

Comentarios