Opinión

O pretexto

Nesta lectura de verán vou partir de dúas referencias distintas, pero que me axudan a definir o estado de ánimo despois do cumio da OTAN celebrado hai uns días en Madrid. A primeira é ao meu prezado escritor e ensaísta británico P. Anderson, que nunha obra recente, Imperium et Consilium. A política exterior americana e os seus teóricos, demostra como as presidencias demócratas (sempre amables e máis progresistas) se asociaron desde 1945 con momentos álxidos do hexemonismo americano no mundo, de crecemento do gasto militar e de xurdimento de crises bélicas graves. Pola contra, os republicanos serían mais isolacionistas. Para Estados Unidos, o problema real é a perda de hexemonía; reconquistala de calquera xeito é a súa estratexia, evidente na administración Biden. A segunda referencia é complementaria, China vai camiño (como os emerxentes) de desprazar a Estados Unidos como potencia económica e comercial mundial. Isto débese evitar, involucrando a todo Occidente na operación.

Faltaba un pretexto para que a axenda imperialista norteamericana se acelerase. O autócrata Putin, estimulado por provocacións, cunha lóxica tamén expansionista pero menos sofisticada e confiado nun suposto pasado común, deulla coa inxusta invasión de Ucraína. Xa había unha boa causa pola que loitar. De paso reconstrúese toda a axenda militarista e agresiva no exterior, esquécense Oriente Medio e Afganistán e fórzase un reaxuste fondo no mapa enerxético mundial. Se os alemáns non querían renunciar ao gasoduto Nord-Stream, agora teñen que facelo. Estados Unidos incrementa as súas vendas e prezos de gas e petróleo, os países árabes tamén, e se cumpre levantar as sancións a Venezuela, un actor menor nesta nova estratexia, faise. Non esquezamos que a guerra de Ucraína é froito dunha agresión rexeitable, pero as imaxes da heroica resistencia ucraína (similar á francesa ou italiana no 1944), o secuestro da información que chega de Moscova ou a presión invisible sobre todos os aliados son outra cousa totalmente diferente.

O resultado deste novo conflito é unha primeira vitoria clara de Occidente: Suecia e Finlandia ás portas da OTAN; Moldavia e Ucraína países candidatos da UE, e Rusia isolada na maioría da opinión publica mundial. Xerouse un terremoto económico coa ruptura de relacións enerxéticas cos rusos, pero si se superasen razoablemente os problemas inmediatos (algo posible), a demandada transición enerxética da UE acelerarase bastante e a centralidade económica de Estados Unidos aumentará de xeito incontestable. Os efectos para Occidente comezan a ser claros, mais no canto desta situación Ucraína pon os mortos e a maioría da destrución, sen esquecernos do pobo ruso. Isto aínda que os seus dirixentes non teñan présa en reiniciar as negociacións de paz. De momento o seu territorio e o das súas rexións limítrofes son o laboratorio de ensaio de sofisticado armamento e sistemas de seguridade producidos en países da OTAN, mentres dure a guerra os gobernantes manterán a súa autoridade heroica intocable e, canto maior sufrimento e destrución, máis débeda moral se acumulará con eles no resto de Europa e na sociedade norteamericana.

Xa describimos o pretexto e o panorama actual. Pero unha guerra no noso continente e con tanta destrución, até onde é bo negocio? Por unha banda, para a organización militar de Occidente baixo o mando de Estados Unidos. A OTAN ampliou as súas fronteiras de feito (sistemas de defensa en Ucraína) ou de dereito (incorporación dos escandinavos) até os confíns con Rusia. O pretexto activado por Putin resultoulle altamente beneficioso. Ademais, sacou á alianza militar do seu ostracismo. O brazo armado recobre a variante económica: Estados Unidos avanza na recuperación dun mercado enerxético unificado coa UE. Todo isto con caras amables, chamadas á liberdade dos pobos e á democracia. Finalmente, por se acaso, a continua sospeita de que China segue na sombra permanece, aínda que non fixese nada máis que manter as súas obrigas e acordos internacionais. Probablemente China atravesou unha crise máis forte da admitida pola Covid, tardou en recuperarse e só cos últimos datos semella volver á senda do crecemento. Non puido actuar até o de agora, haberá que agardar en que senso procura situarse fronte a esta grande ofensiva norteamericana e occidental, na que só mediou un pretexto.

Comentarios