Opinión

Lula, consenso

Adoito falar e escribir moito sobre Brasil, porque despois de decenas de viaxes á República Federativa, das teses dirixidas alí e das persoas amigas que teño, é o meu segundo país identitario despois de Galiza. Antes, nos 1990, fora Francia, onde en boa medida me formei academicamente, pero nestes afectos remata gañando o trópico cunha fala moi semellante á nosa e unha cultura ben diferente. Por iso, cando Bolsonaro gañou hai máis de catro anos a Presidencia case non puiden durmir algúns días co noxo que sentín. Agora o asalto fascista ás institucións do estado fixo que non me despegase nin da televisión, nin dos sistemas de comunicación a distancia para coñecer de primeira man o que acontecía.

O asalto á Praza dos Tres poderes en Brasilia mestura o ridículo e o moi preocupante. O ridículo porque se tratou dunha grosa imitación tropical do asalto ao Capitolio do 2020, pero xa cunha Presidencia exercida polo gañador das eleccións. Preocupante porque reflicte a forza e o descaro do movemento fascista do país, formado hai poucos anos e que se nutre dunha converxencia de factores. O primeiro, o odio visceral á esquerda encarnada por Lula, Dilma e o PT. En certa medida, o pasado escravocrático do país rexurde de novo, procurando negar validez ao voto popular que a maioría das veces outorga o poder ás forzas progresistas e socializantes. O segundo, como xa comentamos nestas páxinas, o auxe das lecturas ultraconsevadoras da relixión, exemplificadas por numerosos grupos evanxélicos en expansión por todo o país. O terceiro, a ausencia da máis mínima sensibilidade social dunhas elites, imbuídas dunha lectura que suma tropicalismo folclórico, idealización da orde publica e defensa do estado mínimo, entre outras compoñentes. De feito, Brasil é unha das sociedades cuns índices de desigualdade de renda maiores do mundo. Por iso, é lóxico que os grupos acomodados manteñan unha postura de confrontación coas masas traballadoras e populares máis numerosas.

O asalto foi unha expresión do dividida que está a sociedade brasileira, pero tamén se nos presenta como unha grande oportunidade para consolidar as institucións democráticas e a xustiza social no país. Aquí o Presidente Lula preséntase como a clave da bóveda para liderar este proceso de avance. O seu talante negociador, a súa indiscutible reputación na esquerda e as dotes de gran comunicador, deben traducirse nun incremento do respaldo á súa persoa e as súas políticas consensuais no político e no social. Ademais, a figura do opoñente Bolsonaro ficou moi deteriorada cos acontecementos. O Lula consenso avanzará se non comete erros. Agora cumpre ollar se esta imaxe dominante a construír se vincula a políticas efectivas de erradicación dunha pobreza que tivo unha repunta e de melloras laborais para unhas clases traballadoras cos seus dereitos moi danados en épocas recentes. O grao de acordo que acade cos distintos sectores sociais e actores económicos será fundamental para lograr estes obxectivos.

O que se agocha nesta ecuación é cara a onde irá a esquerda brasileira. Unha esquerda social re-mobilizada e vitoriosa, pero tamén en pánico polo que sufriu e viu. Máis disposta a renunciar as súas reivindicacións radicais, máis proclive ao consenso socialdemócrata. De feito, semella que a posición central de Lula na súas primeira e segunda presidencias (e non a máis nítida polas reformas de Dilma Roussef), é a que se impón. Unha esquerda que pacta con deputados e partidos do centro e da dereita moderada, que non choca coas igrexas e que sempre procurará calmar o gran empresariado e o exercito. No fondo, semella que esta onda de pragmatismo non é só cousa de Brasil; Petro en Colombia, Boric en Chile, coa nova proposta de proceso constitucional, e Arce en Bolivia semellan facer o mesmo. Será interesante comparar a primeira onda da esquerda latinoamericana no poder con esta. Ollar até onde chega o consenso, canto progreso combinado con calma social consegue e se esta ecuación aínda é posible. De momento temos a Lula consenso para os vindeiros meses. Agardemos que espante por tempo a ameaza fascista e, de paso, que avance nas alianzas e o empoderamento latinoamericano.

Comentarios