Opinión

O fenómeno “Las otras políticas”, desde a teoría social crítica

Estas semanas a actual vicepresidenta do Goberno español, Yolanda Díaz, apareceu diante de centos de miles de persoas xunto a outras catro líderes femininas da esquerda estatal (como a alcaldesa de Barcelona e a xefa da oposición na Comunidade de Madrid) nun acto público celebrado en Valencia. O mesmo tivo unha notable proxección mediática e narrouse como a esperanza dun espazo político de esquerdas renovado. No plano máis afectivo, dous bos amigos de Barcelona e Sevilla, xubilados e vellos combatentes desde o sindicalismo contra o franquismo e nos movementos cristiáns de base, respectivamente, me manifestaban a súa ilusión nesta proposta.

Como as miñas opinións pouco valen, gusto aquí de facer unha análise de ciencias sociais sobre este novo fenómeno, que non sei se será efémero ou duradeiro.

Comezo cunha mestura heterodoxa da teoría económica e dos estudos culturais. Primeiro, o que me veu á cabeza foi o pensador económico J. Schumpeter que falaba da “destrución creativa” como fórmula do capitalismo para progresar. Esta idea que ven da dereita benpensante semella que é asumida agora pola esquerda. Creouse AGE en Galicia e logo saltouse de EU a Podemos, Barcelona en Comú para os Comúns; agora non xorde nada en concreto, pero emítese unha imaxe tan forte que fai xirar todo un espazo político. Isto ten pouco a ver coa tradición socialista, comunista ou alternativa, pero quizás a eclosión de Podemos foi a primeira dunha serie de performances que se suceden e sucederán. Non é malo que forzas da esquerda se reinventen moitas veces para seguir vivas e evitar previsibles declives electorais, pero as formas ás veces sorprenden. 

O seguinte paso é evidente, como xa enunciou o meu admirado G. Debord o filósofo francés que falou da “sociedade do espectáculo”. Con Las otras políticas asistimos a un espectáculo puro, como os que nos ofrece a presidenta madrileña Díaz Ayuso ou o superespectáculo da vitoria de P. Sánchez nas primarias do PSOE. Os espectáculos están ben, entreteñen e divirten, pero nunca esquezamos os seus contidos e significados. Neste caso, tampouco podemos pasar por alto que as cinco mulleres que se reuniron teñen moito mérito. Como M. Oltra moi importante para que Compromís acadara cotas de poder no País Valencià, M. García facendo fronte á onda reaccionaria do poder madrileño ou a líder da esquerda musulmá en Ceuta. Tamén hai claroscuros como A. Colau que por seguir na alcaldía de Barcelona pactou co PSOE, renunciando a moitos dos seus principios. 

Despois de analizar a mensaxe, o importante semella ser España, entendida como nación diversa

Para un xeógrafo coma min, o acto introduciume un pouco de confusión escalar, de escala xeográfica. A onde se dirixe a mensaxe, ao ámbito estatal español, ou aos territorios onde traballan as lideresas. Despois de analizar a mensaxe, o importante semella ser España, entendida como nación diversa. Unha España á que se dirixen os esforzos de xestión no concello de Barcelona e na Generalitat valenciana: tamén a narrativa da oposición en Madrid e en Ceuta. Máis esa escala semella difícil para procurar unha auténtica mudanza das cousas. A sorprendente irrupción de Podemos en 2015 saldouse, despois de numerosas eleccións e xiros políticos psicodramáticos, na súa entrada no goberno cun Ministerio real e outros catro microministerios (o de Consumo ten menos orzamento que moitas das Direccións Xerais da Comunidade galega). En Traballo si semella que hai entidade, competencias e un talante reformista. Trátase dunha área de xestión ben valorada, pero a súa acción política estrela, os ERTE para combater a crise que acompañou a Covid, foron tomados de modelos de goberno de A. Merkel en Alemaña. A pregunta resulta evidente, cumpre tanto esforzo para facer políticas socialdemócratas correctas, que logo obrigan a tapar o nariz nos escándalos do emérito ou nas chantaxes das eléctricas…?

Eu son da opinión de que unha esquerda estatal forte constitúe unha boa nova. Pero vistas as peaxes que se deben pagar por un mínimo acceso ao poder en Madrid, cabe preguntarse se pagou a pena. Se o desgaste evidente do espazo Podemos non obedece a esta domesticación e colaboración con políticas continustas co pacto constitucional. É bo que a esquerda comece a dar espectáculos positivos nos medios, pero o espectáculo sen programa, sen compromiso real cos cambios, remata antes ou despois en decepción.

Comentarios