Opinión

40 anos

Cantaba Carlos Gardel nun coñecido tango, que vinte anos non son nada, pero ao mellor corenta xa o son para determinados procesos históricos. De feito, a tan valorada sustentabilidade consiste na capacidade de manterse, avanzar no benestar, sen mudar os equilibrios básicos, sen degradar a contorna e sen renunciar aos principios. Por iso, os corenta anos do BNG lembrados nun documental da Fundación Galiza Sempre permítennos reflexionar tanto sobre o paso do tempo como sobre a viabilidade dunha proposta política enormemente coherente.

No documental aparecen argumentos básicos fronte aos que me situei. A efervescencia político-reivindicativa que acompañou o fin da ditadura franquista e o comezo do período da transición. Neses anos da miña adolescencia xa comecei a militar na esquerda revolucionaria, máis internacionalista que outra cousa. Sabía que a ANPG, a UPG, ou menos claramente o PSG, representaban un elemento novo entre os proxectos políticos do momento, a autoorganización e a apelación ao carácter nacional de Galiza. Isto xeraba unha corrente de simpatía moito maior do alcance destas forzas, pero a súa concreción política para min non era moi axeitada, e non afondarei por que neses momentos onde un podía escoller entre numerosas siglas a súa posición rupturista co réxime do momento.

Por iso, nin se me ocorreu ir a Riazor, aínda que si comprobei que algúns compañeiros do Comité da Facultade, como N. Rego e P. Jorquera, volvían moi ledos da xuntanza da Coruña, un pouco distintos. Neses tempos o BNG, e en xeral toda a esquerda soberanista, foi collendo forza. Primeiro, paseniñamente creando un discurso alternativo ao feble goberno autonómico. Logo incrementando a súa influencia nos movementos sindical, estudantil e na mundo da cultura. A forza dos seus argumentos cobrara entidade (sempre mirabamos que Catalunya e Euskadi marchaban mellor) e tamén era contraargumentada: o BNG percibíase como unha forza sectaria, afastada do entendemento de que Galiza mudara, e así moitas máis razóns. Por iso, nas eleccións do 1985 aínda que o nacionalismo avanzou, a maioría de votos foi para C. Nogueira e Esquerda Galega. E eu sumeime ao proxecto. Era a primeira vez que deixaba unha internacional e me pasaba a un partido político propio. Para min isto si supuxo unha mudanza de paradigma, tanto como deixar de crer na revolución inmediata e traballar sobre conceptos máis complexos de transformación da sociedade.

Desde o 2000 a 2015 acadei un sentimento de identidade profunda cunha organización plural, cunha dirección que apoio ou coa que discrepo

Como dicía no documental X.M. Beiras, a década dos 1990 supuxo a integración de practicamente todo o nacionalismo nas siglas BNG. A min colleume asentándome con forza na universidade, nun momento onde non reparaba demasiado na opción política que realmente máis se satisfacía. Así e todo, a enorme presenza do BNG en concellos e en movementos sociais, sempre che fai acabar colaborando (en alegacións aos PXOMS), participando dalgunha das súas actividades, discutindo semellanzas e diferenzas políticas, e, ao final, na mudanza de século, afiliándome. Realmente desde o 2000 ao 2015 acadei un sentimento de identidade profunda cunha organización plural, cunha dirección que apoio ou coa que discrepo, pero coa que me sinto moi cómodo. 

E saímos do goberno no 2009, e parte dos líderes do BNG non souberon entender ben o alcance do 11-M e o descrédito das formas políticas tradicionais. O espectro da disidencia, sempre tan importante para un profesor de ciencias sociais, volveu agromar en min. Amio e a súa división foi un mazo, e pouco a pouco comecei a distanciarme dunha organización querida, pero na que discrepaba en dous aspectos esenciais. A necesidade puntual de chegar a acordos con forzas estatais que recoñecesen o dereito de autodeterminación e o papel hexemónico inapelable da UPG na fronte. E un día, nunha desas partidas colectivas, funme a procurar novos marcos políticos desde o soberanismo. Pero cedo vin que as cousas non ían, que a nova política estatal presentaba unha visión menos renovada e máis española do que pensaba. E todo se rompeu no imaxinario. Reafirmei a idea de que a autoorganización política é fundamental (a identidade nacional é moi importante, algo que paradoxalmente como xeógrafo non ollara) e xa non fago causa de se siglas determinadas levantan dirixentes, se estes o fan ben. Así, volvín estar dentro dese BNG co que me identifico, que me permite expresarme libremente, e que penso é a forza fundamental de transformación dun país, a nova Galiza que debe agromar.

Comentarios