Opinión

Gasolineira no Miño. Novo capítulo das barbaridades do tándem patronal-goberno

Corría o mes de agosto cando recibimos a nova de que Carrefour obtiña licencia municipal para a construción dunha gasolineira nas súas instalacións, a escasos 25 metros do río Miño, curiosamente localizándose na mesma zona onde se continúa a poñer trabas para a execución dunha, perfectamente adaptada ao medio, praia fluvial pública. 

Corría o mes de agosto cando recibimos a nova de que Carrefour obtiña licencia municipal para a construción dunha gasolineira nas súas instalacións, a escasos 25 metros do río Miño, curiosamente localizándose na mesma zona onde se continúa a poñer trabas para a execución dunha, perfectamente adaptada ao medio, praia fluvial pública. Esta multinacional xa o intentou anteriormente, mais por diversas deficiencias non foi quen de acadar a licencia, agora ca Lei de Emprendemento que nos trae o PP, un centro comercial pode poñer unha gasolineira no seu recinto sexan cales foren as súas condicións, a pesar de que se atope nunha Reserva da Biosfera como é este caso. E dende a parte defensora dise que as medidas de seguridade evitarían que pasase algo, e total de pasar, de seguro que ao final como moito serían uns “hilillos de plastilina”. 

"Coa Lei de Emprendemento que nos trae o PP, un centro comercial pode poñer unha gasolineira no seu recinto sexan cales foren as súas condicións, a pesar de que se atope nunha Reserva da Biosfera como é este caso".

A resposta non tardou en chegar, o BNG oponse no pleno municipal a dita obra e convoca o que foi o primeiro acto de protesta, unha cadea humana sobre o caneiro das illas (caneiro situado en fronte do centro comercial), dende o cal se fai un chamamento para constituír unha plataforma, nacendo así MIÑO SI GASOLINEIRA NON, lembrando nesas datas tamén, que a fronte nacionalista xa se opuxera a principios dos 90 á colocación deste centro comercial ao carón do Miño. Esta plataforma comezou cunha ducia de colectivos, e actualmente xa van polos 30 os que se teñen sumado e participado das súas actividades reivindicativas. Malia a todo eu a nivel persoal, como membro desta asemblea, non deixo de facerme unhas importantes preguntas, como pode ser que de entre esa trintena de colectivos só haxa unha organización política? e mais unha vez sexa só o BNG? Ninguén ía agardar a participación de PP e PSOE posto que ben por activa ou ben por pasiva son plenamente culpables de que esta salvaxada se leve adiante. Mais, onde están todas as outras organizacións políticas? Non son eu quen poida dar resposta a isto, posto que é unha cuestión que non alcanzo a comprender por máis que o analice. Mentres vemos todo o que se está a falar nestas últimas datas de plataformas de unidade electoral, máis medra a miña sorpresa polo pouco interese existente cando se fala de unidade para outro tipo de loitas, que non sexan electorais, coma é esta.

"Imos continuar aínda que teñamos que ver rematado o soterramento dos máis de 100.000 litros de combustible na beira fluvial, ameazando dende o primeiro día con provocar un Prestige en Lugo"

O Miño e a súa contorna son un autentico símbolo de Lugo, a cidade adaptouse ao seu paso e é un elemento dunha grande importancia social para a súa xente, usado como lugar de ocio, deportivo, de descanso, de traballo... e malia a todo permítese que sexa usado como finca privada de diversas empresas, como poida ser a ocupación da súa beira por parte de Carrefour, os famosos vertidos de Leite Río, ou outros moitos elementos que aparecen na auga e que non se sabe “oficialmente” de onde proceden. Por todo isto é que a propia xente de Lugo non chega a comprender a necesidade de ter que correr este risco, nunha cidade na que sobran as gasolineiras, e nunha zona onde tamén merece ser mencionado que xa hai outra estación de servizo a tan só 300 metros. A aceptación social e mediática da plataforma foi moi boa, ao igual que o rexeitamento a este proxecto, malia a que despois as mobilizacións non tivesen o éxito que precisábamos.

A plataforma decidiu continuar ca loita, malia que as obras xa se iniciaron, onde terá unha agarimosa benvida toda aquela persoa ou colectivo que aínda se queira sumar. Nós, quedemos máis ou quedemos menos, imos continuar aínda que teñamos que ver rematado o soterramento dos máis de 100.000 litros de combustible na beira fluvial, ameazando dende o primeiro día con provocar un Prestige en Lugo e en todo o que hai río abaixo, que non é nada menos que medio país.

Comentarios