Opinión

Galiza con voz propia en Madrid

“Señorías: Pertenzo a un país, Galiza, que constitúe dentro do Estado español una realidade ben diferenciada

“Señorías: Pertenzo  a un país, Galiza, que constitúe dentro do Estado español una realidade ben diferenciada, un país que padeceu e padece aínda a distancia entre as súas aspiracións e necesidades colectivas e o recoñecemento e asunción das mesmas, especialmente por parte dos poderes públicos do Estado español …”.

Era o comezo do discurso do BNG nas Cortes en 1996, após de obtermos representación nas eleccións de marzo dese ano. A partir dese momento, os cidadáns e cidadás galegas, votantes ou non do BNG, decatáronse de que –por primeira vez dende a Segunda República- Galiza aparecía politicamente en Madrid, con personalidade propia e sen dependencias de ninguén. A partir dese momento tamén, os partidos estatais, os deputados e deputadas galegas deses partidos, víronse obrigados a posicionarse e a dar explicacións sobre os asuntos que comprometen o noso futuro como país. 

Nos últimos tempos, nomeadamente dende as pasadas eleccións municipais de maio, non parece, pois, de recibo, que, após de case 20 anos, haxa que ler e escoitar non poucas voces que insinúan, e mesmo explicitan, que chegou o momento de que Galiza teña voz propia en Madrid.

"Non é prepotencia nin auto bombo dicer, con claridade, que se Galiza existiu no debate parlamentar estatal dende 1996 foi pola presenza do nacionalismo no Congreso"

Ao BNG pódeselle discutir todo o discutíbel pero, após 5 lexislaturas, ninguén pode negar a nosa preocupación e compromiso con Galiza, libre de condicionamentos alleos aos intereses do noso pobo. E non é prepotencia nin auto bombo dicer, con claridade, que se Galiza existiu no debate parlamentar estatal dende 1996 foi pola presenza do nacionalismo no Congreso.

A imensa maioría das iniciativas presentadas por deputados e deputadas elexidas en Galiza levan a sinatura do BNG e iso obrigou a que os demais tiveran que intervir nos debates, a que, en moitas ocasións, tiveramos que ver con indignación como se posicionaban dun xeito diferente aquí ou en Madrid a respecto dun mesmo tema, e mesmo a que os distintos Gobernos tiveran que rectificar algunhas das súas posturas políticas máis agresivas con Galiza.

É, pois, constatábel, que a defensa dos intereses de Galiza, da súa cultura, da súa lingua, do seu territorio, dos seus sectores produtivos, dos seus servizos públicos, dos dereitos sociais e tamén da súa condición nacional, tiveron e teñen voz propia en Madrid.

"Cómpre que todos e todas as que cremos nas potencialidades imensas que temos como país, sumemos a prol da construción dunha candidatura nacional de unidade"

E é agora, após de que os galegos e galegas teñamos soportado a peor lexislatura dende o punto de vista económico, social, democrático e de negación dos nosos dereitos colectivos dende 1981, cando cómpre que todos os axentes activos e dinámicos –política e socialmente-, todos e todas as que cremos nas potencialidades imensas que temos como país, sumemos a prol da construción dunha candidatura nacional de unidade de cara ás vindeiras eleccións xerais. Unha candidatura que represente a Galiza como suxeito político diferenciado e, como consecuencia, defenda sen dependencia e subordinación máis que ao pobo galego, o dereito democrático de Galiza a decidir o seu futuro.

A nosa historia, e tamén a nosa experiencia no Congreso antes e despois de 1996, amosa ás claras que calquera outra fórmula que non camiñe cara á consecución dun grupo parlamentario galego soberano, sentenciaría a exclusión de Galiza dos eventuais debates sobre novos escenarios que se poidan abrir no Estado.

A día de hoxe, fica ben claro cal é a funcionalidade e a eficacia das forzas políticas propias e das que dependen de decisións tomadas moi lonxe (en todos os sentidos) de Galiza. A realidade, á que noutro momento podemos poñerlle innumerábeis exemplos concretos, é moi teimuda.

Comentarios