Opinión

Novo cinema galego

Creo que o máis interesante que pode acontecer con calquera manifestación cultural é a de xerar atracción fóra da propia contorna en que se produce. Refírome a suscitar o interese doutras persoas de lugares diferentes, con manifestacións culturais, lixeira ou radicalmente, distintas da propia, de xeito que provoque un desexo de emulación e mesmo de diálogo. Converterse en foco da mirada allea no canto de reproducir a expresión cultural doutros lugares é un reto estimulante para calquera país. Galiza non é unha excepción, así é que ben podería intentarse. De feito, no ámbito do cinema estamos xa nese proceso de nos converter en foco de interese da man dun grupo de directores con propostas diferentes das habituais, non sei se “vangardistas” -este concepto de “vangarda” paréceme arriscado e un chisco pretencioso, na medida en que sempre estamos a reintepretar discursos alleos-, mais si moi singulares, que, en certo xeito, parecen significarse, e, na medida en que se significan, atraen, e, sen caer en ningún tipo de sentimentalidade patrioteira, podemos afirmar que nos enorgullecen. Escribo isto e penso, entre outros, en Xurxo Chirro, Ramiro Ledo, Olivier Laxe, Lois Patiño, Marcos Nine ou Eloy Dominguez Serén, por exemplo. Este último presentará esta semana o seu filme No cow on the ice na sala Numax, xestionada por X. Carlos Hidalgo, Irma Amado, Pablo Cayuela, Ramiro Ledo e Antonio Doñate.

No ámbito do cinema estamos xa nese proceso de nos converter en foco de interese da man dun grupo de directores con propostas diferentes das habituais

De Eloy Domínguez Serén puiden ver Fillos de Sansón, un documental creativo bastante irónico, que, a partir do problema da calvicie, que afecta principalmente aos homes, aborda un tema de interese: a necesidade da construción dun novo tipo de masculinidade. Iso si, talvez esta proposta, alén de ser divertida e estimulante, non reflicta tan ben ese novo xeito de facer cine no que este director anda inmerso. Para desfrutar dese singular xeito de mirar sería máis acaído centrármonos noutras fitas del, como Jet Lag ou No cow on the ice. Nestas traballos, que non puiden ver completos, Serén consegue expresar a propia conciencia. En Jet Lag, poño por caso, pode verse nunha estación de servizo galega a rutina dun traballador no seu turno de noite. Nada sucede, mais si se escribe o silencio, o tedio. Esta observación minuciosa dese labor, trae a miña memoria, outros filmes nesta mesma liña observacional. Refírome a Costa da Morte e Montaña en Sombra, de Lois Patiño, que, ademais de nos referir a rutina, dá conta dunha reflexión que a Patiño parece interesar bastante, a duración. Ignoro se Eloy Domínguez Serén quería reflexionar exactamente sobre iso, mais, dende un punto de vista totalmente subxectivo, si provocou en min esa reflexión. En todo caso, fose ou non a idea da duración algo que lle interesase ao director pontevedrés, si considero interesante reflectir a posibilidade de interpretar isto, porque son da opinión de que a recepción de calquera manifestación do pensamento, completa o proceso de comunicación ao que nos convida quen inicia o devandito proceso, e que, no caso que nos ocupa, é o propio Eloy Domínguez. Á marxe disto, ao respecto da percepción do tempo -un interese evidente en Lois Patiño, iniciado xa polos estadounidenses James Benning e Peter Hutton, expertos na ollada atenta da paisaxe como medio para evidenciar a duración de marras- é interesante tamén a observación que poderemos aprezar no novo filme de Eloy, No cow on the ice. Nel, como o propio director explica, a presenza do brancor escandinavo, rodado, como moi ben apunta Brais Romero na revista A Cuarta parede, con “caméra-stylo”, intenta, por riba de todo, afondar noutra reflexión complexa, a da visión do outro. Esta cuestión sobre o encontro co outro, da que tamén trata Olivier Laxe en Todos vós sodes capitáns, ofrece un convite claro a autorreflexión ao respecto do proceso de descuberta que acontece cando nos vemos nos ollos do devandito outro. É ese punto o que tanto lle interesa a estes dous directores, o instante en que sabemos que somos contemplados, con total seguridade, do mesmo xeito en que contemplamos. Xusto nese intre é onde se inicia, talvez, unha aprendizaxe máis fonda da que, sen dúbida, tiraremos maior proveito.

Nada sucede, mais si se escribe o silencio, o tedio

De aí que Eloy Domínguez Serén dixese na entrevista que concedeu a este xornal iso de que “cando estás nun lugar tan distinto dáse o que Kapuscinski chamaba o encontro co outro, ese momento no que te decatas de que nese outro hai moito de ti e que ti mesmo empezas a incorporar moito dese outro. E si é certo que cando estás nunha cultura tan distinta comezas a cuestionarte a túa propia identidade e todos os códigos que ti coñecías teñen que estar en permanente cuestionamento porque tes que adaptarte ao novo lugar, e iso significa ter que abrazar esta nova cultura, o que dalgún xeito provoca que acabes distanciándote da túa. Tamén axuda a coñecer moito mellor a túa, porque cuestionala implica afondar nela.” 

Penso que o explica con claridade meridiana, a verdade. Desa explicación podemos inferir, creo eu, sen temor a equivocarnos, que existe neste grupo de novos cineastas galegos unha capacidade de exploración do propio e mais do alleo que os leva a coñecer outros lugares, daquela, outras visións que provocan neles unha especie de zozobra entre o vínculo coa terra e o desarraigo. Tendo conta disto, cómpre recoñecer unha certa dor -que lemos nas imaxes que nos escriben dende os seus filmes-, ligada ao propio proceso dialóxico entre a identidade asumida, a que crearon nos constructos culturais dos que proceden, e o desexo de xerar outra máis fonda, a partir doutras construcións ás que se achegan, na maioría das veces por vontade propia e outras, posibelmente por necesidade. Nese proceso de tránsito identitario no que andan inseridos hai unha constante, un desexo recorrente que os impulsa, o de aprender. Este afán por descubrir e redescubrirse abre fendas, coloca os nosos exploradores en lugares que non coñecen ben, e con “lugares” non me refiro unicamente a espazos xeográficos, mais a espazos mentais que esixen dun exercicio grande de autocrítica. A ausencia de autocompracencia é unha das chaves dos acertos desta xeración de directores que máis que emerxente eu prefiro considerar “insurxente”, na medida en que non se adscribe á retórica patria e aspira a expresión ben máis interesante da subxectividade. Máis interesante por modesta. Que hai máis pretencioso que pensarse capaces de representar toda a verdade ? Onde habita esa verdade? Ante a impotencia de a atopar, coido que este tipo de reflexións individuais, como a de Eloy Domínguez ou Olivier Laxe, poderán permitirnos, polo menos, certa proximidade, ao respecto daquilo que podería ser un pouco mentira.

Camiño e miro ao meu arredor: piso Galicia, Suecia, Noruega, o Sahara… A miña pegada é leve e efímera; borrarase trala miña partida, sepultada baixo o barro, a neve, a area… A súa pegada, porén, virá comigo onde vaia. (1)

(1) Citado en Domínguez Serén, Eloy (2014): “Buscando al otro” (2014, 12 de Xuño)

Comentarios