Opinión

Huppert & Mia Hansen, un tándem perfecto

Le métier d'actrice est évidemment aller très loin en soi et chez les autres. Je n'ai jamais pensé que c' était uniquement un métier du “paraître”, mais, évidemment une manière d' exister très puissante...

Isabelle Huppert

Cando lle preguntaron hai anos a Godard por que lle gustaba Isabelle Huppert, respondeu o seguinte: “parce qu' elle pense”. Na súa opinión, o cinema ten como obxectivo xustamente iso, meditar, así é que o feito de ser ela unha muller reflexiva, aumenta o seu atractivo, un atractivo que, se ben non provoca un impacto na retina, nun primeiro intre, como pode acontecer con moitas outras actrices, dunha beleza máis evidente talvez, si consegue penetrar dun xeito profundo nos ollos do público que a contempla. Isto acontece a ritmo lento, aos poucos, pero permanece, porque Huppert chegou para quedarse. Dende aquela inquietante moza que interpretou en Violette Nozière, de Claude Chabrol -unha historia que, posteriormente, recuperou François Ozon en Jeune et jolie- pasando pola extrema Erika Kohut en A pianista, do inmenso Michael Haneke, sen esquecer os seus traballos con Godard, en efecto -Sauve qui peut la vie (1980), Passion (1982)-, ou con Michael Cimino, Ozon, Tavernier e Preminger, até a muller madura que interpreta en L'Avenir, dirixida por Mia Hansen Løve, Huppert irrita, fai rir, intriga, conmove, inquieta, seduce, seduce, seduce... Por que seduce Isabelle Huppert? Porque, como di a canción, Elle l'a, elle l'a. O que? (...) je ne sais quoi/ que d'autres n' ont pas. E como notamos esa sedución, de que maneira se materializa? Moi sinxelo, elle nous met dans un drôle d'état. En efecto, Huppert ten algo que nos envolve, porque, cando miramos un filme no que ela aparece, podemos ter a sensación de que non hai ninguén máis. Até ese punto pode chegar o atractivo desta muller, que, como moi ben apuntou Godard, ten a capacidade de complicarse a vida, no sentido de ir máis lonxe, até o fondo do fondo, sendo esta cualidade súa a que lle confire maior atractivo e interese.

En L' Avenir Huppert agasállanos cunha interpretación máis que convincente, que incita á reflexión

Todo isto podémolo aprezar nun dos últimos filmes. Refírome, en concreto, ao citado máis arriba, L' Avenir, no que Huppert nos agasalla cunha interpretación máis que convincente, que incita á reflexión, algo que a directora Mia Hansen Løve, pretendía e que, en efecto, consegue en gran medida grazas á actriz. Cómpre pois salientar o esforzo de empatía por parte de Mia Hansen, cuxa xuventude non a afasta da posibilidade de se situar nun lugar ben diferente, o da madureza, e facelo sen clixés. Porque a Nathalie desta historia non reproduce ningún tópico. Non estamos ante unha muller sentimentalizada, que teña como obxectivo verse contemplada nos ollos dun home para refrendar o seu valor, algo que, loxicamente, ten moi claro que non procede de fóra, mais de dentro. O interesante, ao meu ver, é que, no canto de buscar a calma nun ronsel de actividades múltiples, propias, en moitos casos, de actitudes reactivas -en resposta ao que se experimenta como un ataque doutra persoa ou da propia vida-, que a alonxen do que é difícil de ver, Nathalie escolle un camiño diferente para saír desa espiral de dor e medo que provocaron algúns acontecementos inesperados na súa vida. Esa “petitesse bourgeoise” na que vivía inserida é posta en cuestión polo seu ex alumno, Fabien, e mais por ela propia. Esta profesora de filosofía elixe non vivir nun estado anhelante, mais dialogar coas propias ideas, con todas esas certezas que configuraban o seu sistema de crenzas. Parece entón disposta a revisalas, a abrir as portas a todo aquilo que apareza diante dos seus ollos, deixarse levar e experimentar esa “liberté totale”, da que fala no coche con Fabien, cando se dirixen a Vercors, onde el vive cun grupo de mozas e mozos de ideas libertarias, que conversan, entre outras cousas, sobre o tema da autoría, algo co que Mia Hansen nos remite, moi intelixentemente, aos textos Tiqqun. De todas as charlas que manteñen Fabien e Nathalie hai unha especialmente interesante. Refírome á que pon de manifesto iso de “matar a nai”, cando el lle reprocha a ela o seu xeito cómodo de vivir, sen compromiso evidente activo, propio dunha burguesía radicalizada á esquerda, que, curiosamente, preserva os seus privilexios e se limita a teorizar.

Que consideramos ou que é un pensamento radical? E, moi importante tamén, aqueles e mais aqueloutras que cren ter esa radicalidade son propietarios da moral?

Nesa crítica, que a profesora escoita con atención e recoñece, percíbese o resentimento, lexítimo, do ex alumno, que proxecta as propias carencias nesa acusación. Por outra parte, Nathalie respóndelle que ela se sente ben intentando que o seu alumnado se emancipe intelectualmente, como, á vista está, conseguiu con el, que ten, grazas á devandita emancipación á que ela mesma o impulsou, a capacidade e a vontade de a cuestionar. Un “zasca” en toda a boca? Un pouco si. Malia todo, o que di Fabien non deixa de ser certo, porque ela teña tamén a súa parte de razón. Nathalie sabe que o seu modo de vivir é cómodo, pero considera que o feito de querer fomentar un pensamento libre nos adolescentes, sen ser en si mesmo algo revolucionario, si ten un valor, que, segundo vemos, foi suficiente para ela ata ese momento. Esta conversa tan interesante que Mia Hansen nos ofrece neste filme, da man destes dous personaxes, lévanos a outras cuestións interesantes, que, sen dúbida, preocupan á propia cineasta. Cales? Esta, por exemplo: Que consideramos ou que é un pensamento radical? E, moi importante tamén, aqueles e mais aqueloutras que cren ter esa radicalidade son propietarios da moral? Este tipo de preguntas, que xorden á raíz do filme, son ben interesantes, a verdade. Por esta razón, paréceme que L'Avenir é unha proposta imprescindíbel, non só como desfrute, mais tamén para unha aula de filosofía, na medida en que trata, entre outros, un tema básico para acceder á calquera tipo de coñecemento, e, a partir del, elaborar unha reflexión propia, o autocoñecemento.

Escribo isto, na medida en que vexo, a través dese diálogo, o proceso de busca e reflexión abertas que tanto Nathalie como Fabien están a vivir, unha procura necesaria para calquera persoa que desexe saír da súa zona de confort, e, polo tanto, se atreva a saber máis de si mesma. Esta presenza constante da filosofía neste filme, procede, segundo explicou a propia Mia Hansen nunha entrevista que lle fixeron na Berlinale, onde levou o Oso de Plata á Mellor Dirección, da súa vida. Tanto a nai como o pai de Hansen son profesores de filosofía, así é que ese gusto polo pensamento, que lle inculcaron dende cativa, non para de recoller froitos, como sucede agora con esta fita, que, sen ser unha historia sorprendente, conmove e chega, por tanto, a atravesarnos un pouco, na medida en que amosa un modo ben intelixente de afrontar os acontecementos desagradábeis ou tristes, sen caer en percepcións dramáticas dos mesmos. Facer desa liberdade total inesperada un achado, poñerse no lugar do outro, entender o diálogo coas ideas propias e alleas como un modo de coñecer e recoñecerse, sen fuxir dos matices que require todo exercicio de reflexión que se pretenda minimamente profundo, son algunhas das cuestións que a singular Mia Hansen Love nos propón en L'Avenir, así é que, alén dos premios que reciba, algo que pode constituír un incentivo para un sector do público á hora de tomar a decisión de vela, a película merece atención, sobre todo, polo tema tratado, por como está contada, sen lugares comúns, e, por suposto, pola interpretación da actriz principal, porque, sinceramente, ver a Huppert en acción ben vale unha misa.

Comentarios