Opinión

Lugo: Ancares, vacas e 8 apelidos vascos

Tan ben lle foi ao Lugo nos dous partidos contra a Ponferradina que foi pena non ter apostado pola recuperación do Bierzo

Tan ben lle foi ao Lugo nos dous partidos contra a Ponferradina que foi pena non ter  apostado pola recuperación do Bierzo, territorio que foi galego até que en 1833 decidiron repartir España en provincias e Galiza quedaba demasiado grande.

Eu nacín en San Román de Cervantes, a metrópole dos Ancares, e sei de veciños de Piornedo que, con suma retranca, din que van recoller as vacas a España.

As vacas e o "jogo bonito" teñen moito que ver. A orde de campionatos do Mundo en Sudamérica, corresponde coas cabezas de gando dos países, sendo Brasil a que gaña por goleada. O espírito do "jogo bonito", ese que afirma que todo comeza cun balón, sintetízase coa mellor frase de Di Stefano:

"¿De qué está hecha la pelota? De cuero. ¿De dónde sale el cuero? De la vaca. ¿Qué come la vaca? Pasto. ¡Pues la pelota al pasto, carajo!".

Unha frase que podería asinar Quique Setién.

Devotos e dilemas

Durante o partido deste sábado, confirmouse que Iago Díaz e o sevillano Sergio sonche devotos da Semana Santa. Só a través da fe, un vai loitar por eses balóns perdidos.
Independentemente do resultado, o Lugo vén asentando nas últimas xornadas un estilo de xogo un tanto diferenciado no seu xeito de atacar a partir de 1/2 campo. Poderiamos dicir que se ve ben reflectido na elección de Quique Setién para a media punta, o que denomino o dilema "dos 8 apelidos vascos", porque entre un andaluz e un vasco anda o tema.

As vacas e o "jogo bonito" teñen moito que ver. A orde de campionatos do Mundo en Sudamérica, corresponde coas cabezas de gando dos países

A inclusión dun xogador coma Sergio réstalle elaboración, asociación e traballo ao fútbol do Lugo pero suma máis gol, un para un e velocidade.

O alquimista Quique Setién está misturando ben porque no fútbol, pasa coma cos neumáticos e na vida:
"a potencia sen control non vale de nada"

Comentarios