Opinión

Keep calm And Zorza Lugo

Iso é o que digo cando estou vendo un partido do Lugo e non me gusta o que percibo

Iso é o que digo cando estou vendo un partido do Lugo e non me gusta o que percibo. Foi o que me pasou durante boa parte do partido de onte contra o Mallorca. Un partido cunha primeira parte na que os dous equipos necesitaron que lle marcaran un gol para sacar o mellor de cada un.

Especialmente fermoso foi o zapatazo de Seoane que ocasionou o 1º gol de Lugo, Seoane demostrou, unha vez máis, que cando el era pequeno sí que valía furar e que o apelido Seoane vai ligado o arte. Luís foi dos máis grandes pintores galegos e Fernando, un Mauro Silva cunha perna dereita que fai recordar as obras de arte que facía a zurda de Roberto Carlos. Aclaración, se os eloxios parecen excesivos é o que se chama licenza poética.

Pouco control do xogo

Dicía que non me gustaba o que vía porque o partido podía caer para calquera dos dous, isto non deixa de ser gracioso cando un medrou vendo gañar o Mallorca unha copa do Rei ou no Bernabeu e ao Lugo en 3ª e 2ªb, pero o Lugo tennos tan mal afeitos que todo nos parece pouco.

O partido era un diálogo e a min, no fútbol e nos bares, gústanme os monólogos

Un partido que non me gustaba polo pouco control por parte do Lugo. A ausencia de Pita foi a que propiciou que o Lugo xogara máis balón en longo que en todo o ano e o resultado foi un partido moi aberto e con moitas chegadas. O partido era un diálogo e a min, no fútbol e nos bares, gústanme os monólogos. O mellor exemplo de monólogos no fútbol foi o Barça de Guardiola, cando collía o balón e só llo deixaba ao rival para collelo para sacar de centro. E os mellores monólogos de Lugo son os de Lois Pérez e os de Manolito, un dos afeccioados máis fieis e graciosos do Lugo, capaz de agardar a cada xogador do Lugo para pedirlles o que todos agardamos ver neles, AMBICIÓN.

Comentarios