Opinión

Un bo punto de partida

Foi chegando todo o verán, e xa antes deste, unha marabillosa nova dende Francia que sendo moi lóxica no seu contexto, parece imposible que ocorra algún día aquí. Sería, nembargante moito máis que desexable. 

Foi chegando todo o verán, e xa antes deste, unha marabillosa nova dende Francia que sendo moi lóxica no seu contexto, parece imposible que ocorra algún día aquí. Sería, nembargante moito máis que desexable. 

Estou a falar por suposto, non a decisión dese país de optar pola opción militar de forma precipitada no caso de Siria – o cal confirma a adhesión do goberno Hollande ao centrodereita máis que a calquera outra cousa – senón da proposta do ministro Peillón (Educación) de instalar unha “Charte de Laïcité” (Carta de Laicidade) en todas as escolas do Estado (a inmensa maioría), que explica os beneficios da escola laica, as normas que implica e en que son estas beneficiosas para a protección do alumnado fronte aos dogmas, ás posturas místicas e ás crenzas herdadas de seus pais. 

"A proposta do ministro Peillón (Educación) de instalar unha “Charte de Laïcité” (Carta de Laicidade) en todas as escolas do Estado (a inmensa maioría), que explica os beneficios da escola laica"

Unha carta que tamén expón de forma didáctica e práctica a idea da laicidade como elemento garante da igualdade entre o alumnado e que deixa sobre todo moi claro que a crenza de cada un non poderá xamais ser usada nas aulas como pretexto para negarse a aprender certas partes dos temarios (Darwin, por exemplo). Dá ademais unha idea de por que é preferible a non ostentación de simboloxía relixiosa no Templo do Saber, tal como lles gusta chamar en Francia aos establecementos da Education Nationnale .

Por temor á contestación cidadá supoño, non fai alusión á negación por parte dalgúns alumnos e pais a comer carne no comedor escolar nas datas coincidentes co ramadám entre outras cuestións prácticas que foron noticia recorrentemente en Francia pola polémica que suscitaban.  E é unha mágoa pois contestación non está a haber e un pouco máis de atrevemento por parte do ministro estaría sendo probablemente aplaudido non só en ese país, e ademais supoñería un precedente moi útil nun país europeo de cara a aplicalo noutros sen que ninguén bote as mans á cabeza.

"Defendemos unha das mellores ferramentas para protexer a igualdade e os valores dunha ansiada e máis necesaria ca nunca República Laica". 

Son benvidas este tipo de novas, moi benvidas, aínda que lonxe están da nosa realidade nacional, para recordarnos que a laicidade non é un fin en si mesmo, e que defendéndoa, defendemos unha das mellores ferramentas para protexer a igualdade e os valores dunha ansiada e máis necesaria ca nunca República Laica. Fago dende aquí un humilde e máis que probable fracasado de antemán chamamento a todos os partidos da esquerda  real a facer moito máis propia e moito máis visible a defensa e a posta en valor sen medo e sen ataduras da Laicidade, da Laicidade do Estado. Estarmos en crise non é escusa para deixármonos no tinteiro ferramentas e valores tan transcendentes, urxentes e esenciais como este tan precioso, insisto: A Laicidade do Estado. 

Probablemente sexa o punto de partida de moito do que queremos conseguir. 

Comentarios