Opinión

Os rostros da reacción

En 1975, a Comisión Trilateral alertaba de que o aumento da clase media e das súas expectativas era un desafío para os gobernos. O exceso de demandas enxendrara administracións grandes. Frustración. Deslexitimación da autoridade. No albor da era neoliberal, o plan de choque contra os dereitos arrincados ao liberalismo no s. XX explicitábase nos papeis dos intelectuais orgánicos.

No presente, as consecuencias dese plan eclosionan no centro do imperio co regreso a unha sorte de republicanismo primixenio sustentado no ideal do pequeno propietario que porta armas para defender a súa liberdade. O Tea Party asalta o Capitolio. Historia como farsa. Esperpento insurreccional dirixido pola facción do capital que menos precisa o proxecto hexemónico imperial para reproducirse. 

Dado que os EEUU contan cun enorme consenso arredor dos seus fundamentos políticos, o «republicanismo reaccionario» ten a súa réplica tamén republicana: Nancy Pelosi enfatizaba o carácter non monárquico do país como aval ao proceso de destitución de Trump. 

Se este é o atuendo da reacción nos EEUU, no Estado español a cousa cambia. Aquí non hai un consenso «nacional» fundante asumido desde posicións populares. A reacción conténtase con recorrer ao imperio católico e ao imaxinario barroco, aderezándoo con neofalanxismo e liberalismo económico. A falta de potencia hexemónica do proxecto reaccionario español é a súa debilidade. O seu enquistamento nas institucións pos-franquistas, a súa forza. A negativa do PSOE (institución de orde onde a haxa) a investigar as andanzas de Juan Carlos I, un exemplo. 

Que Isabel Ayuso chame aos cidadáns madrileños a tomar as pás para paliar a incomparecencia das administracións públicas tras a nevada, lembra os tempos pre-Brexit, nos que David Cameron fantaseaba coa Big Society como antídoto á decadencia dos servizos públicos no Estado neoliberal. Acha da mesma madeira é o escapismo de Feijóo na xestión da pandemia (e non só): os efectos negativos que produce a súa neglixencia cárganse no lombo dunha cidadanía considerada «pouco responsable». Estaremos aquí, logo, nunha fase anterior á dos países anglosaxóns? Un tempo, aínda, de experiencia das carencias do Estado social mínimo? Pode ser. Mais a historia non é unha liña recta. Co espello norteamericano fronte a nós, a reversión a velocidade exponencial dese atraso relativo é posible. 

Comentarios