Opinión

De máscaras e persoas

Persoa, personalidade, personaxe son palabras cuxa orixe está no ámbito teatral. Como nas traxedias antigas, nestes tempos revoltos confúndense as ideas de máscara e de persoa. Protagonizamos un pequeno drama diario desde que incorporamos a careta antivirus á vida cotiá. Nas interaccións con coñecidos a máscara é un lembrete: respecta a distancia. Bertold Brecht gustaría desta sensación de estrañeza anticlimática nas relacións sociais.

No político, a pandemia é unha mascarada. Nela acentúase a inocuidade da política institucional que padecemos desde hai anos. Case que todo é foguetería sen pólvora. Significantes sen significado. Xestos sen acción. De aí que debates como o da condena aos “totalitarismos” que tivo lugar no Congreso deixen a sensación de que, canto máis ideolóxica se volve a dialéctica política, máis agocha no seu seo a impotencia para o cambio substancial.

O efecto pantalla creado pola Covid-19 tamén chegou ao Parlamento galego. Feijóo alegou que, “en plena pandemia”, non era momento para que a oposición reclamase explicacións pola suposta caixa B do PP. O ítem pandemia actúa como unha sorte de paréntese eterno para esquivar debates incómodos. Porén, coma no baloncesto, o tempo morto axuda a tomarlle o pulso ao partido: se a negativa a pechar Madrid cando o virus aínda non peregrinara a esta fisterra evidenciou o papel de Galiza no concerto estatal, a barra libre para turistas estranxeiros en detrimento da liberdade de movementos para os aborixes evidencia o papel do Estado español no concerto europeo.

Mariano Rajoy declarou no xuízo polo suposto financiamento ilegal do PP. Do mesmo xeito que o pillabán Ulises ante o cíclope, o de Pontevedra despregou a súa propia pantomima asegurando que M punto Rajoy é Ninguén. En idéntico contexto deixouse ver a máscara de José María Aznar. Como era de agardar, esta botou balóns fóra e apelou á máxima “cada can que lamba o seu carallo” para desvincularse de todo o que demostre que houbo tal financiamento ilícito no partido. 

Pero, por que Aznar apareceu detrás dunha máscara se declaraba desde o seu domicilio? Prurito legalista do campión da liberdade individual e o acol antes de conducir, ou temor a que a dureza do personaxe cedese no interrogatorio e aflorase a inconsistencia da persoa? Velaí unha hipótese razoable para o Aznar enmascarado: conxurar a lembranza daquel peculiar cabaleiro medieval que, segundo o conto de Italo Calvino, só existía se estaba enfundado na armadura. 

Comentarios