Opinión

Madrid

Cando un se achega á reflexión producida con posteridade ao "desastre" de 1898 pola plana maior da intelectualidade española vese sorprendido, sobre todo se se acode aos textos cos ollos do presente, pola centralidade que ocupa Castela. O papel de Castela como guía espiritual, estética, ética, teleolóxica do Estado-nación España, mesmo nos seus posibles erros históricos, predomina nos escritos de xente coma José Ortega y Gasset, Miguel de Unamuno e tantos outros.

Hoxe Castela apenas si é nada. Aldeas de palla-barro a medio caer, cidades provincianas envellecidas e milleiros de quilómetros cadrados de achandada grandeur perdida. Unha vítima máis do proceso de construción do Estado-nación; como moito, a promesa —esa vocación hexemónica non se perde nin para pensar a emancipación— dunha España diferente a través da memoria da revolta das Comunidades contra o Habsburgo Carlos V.

Pero a idea de excepcionalidade que daquela se atribuía a Castela segue ben viva no Estado español do presente. Castela hoxe chámase Madrid e ese retorno do reprimido é o que paira no revival de neocasticismo cultural e falanxismo político que segrega aquela Cidade-Estado ao resto de territorios. A omnipresencia do debate que ten lugar en Madrid, sobre Madrid e para Madrid permítenos pensar o Estado español coma un espazo no que os días se suceden con igual vórtice que lenta é a inercia dos seus séculos.

Dicía o escritor vigués Óscar Pazos que «Madrid é unha illa». Cada día, ese conglomerado de funcionarios do Estado, empresarios dependentes de contratos públicos, aristócratas decadentes e donos de grandes medios de comunicación que é o Madrid do poder semella afastarse máis e máis, coma a illa móbil de San Brandán, do sentido común dos habitantes dos territorios que a rodean. Pero, como desarmar esa estrutura de poder que, como demostrou o Procès catalán, segue a conservar unha gran rochosidade malia tratarse, o Estado español, dun corpo mantido coa respiración asistida dos organismos comunitarios europeos?

Comentarios