Opinión

Bipartidismo

Tras o ayusazo e o corte de coleta de Pablo Iglesias —sintomático do instaurado que está nos madriles o marco taurino-cañí—, Pablo Casado, ávido de agarrarse a calquera árbore que lle permita seguir empoleirado coma mono alfa do PP, declarou o regreso do bipartidismo. No que toca á dereita, algo de razón ten. A montería organizada contra C’s, partido que ansiaba ocupar o nicho liberal (ben ocupado xa polo PSOE), saldouse co cobro da peza. A contención relativa do fenómeno Vox, alí onde máis cómodos se senten, dá azos ao partido maioritario da dereita española.

Pero para falar de regreso do bipartidismo cómpre que ambos os dous pólos da quenda estean de volta. E, no caso do PSOE, a sensación é a contraria, mais se temos en conta que con Madrid inclúen unha nova CA na que perden o rol de principal partido da oposición e que a esquerda á súa esquerda, malia fragmentada e cun futuro nebuloso, non desaparece como espazo significativo. 

Cumpridos dez anos do 15-M, pódese analizar a sorte do PSOE como o dunha liña abovedada. O partido da rosa foi o máis interpelado polo 15-M. Moitos daqueles mobilizados eran fillos de socialistas ou votantes, eles mesmos, do ZP que prometera non fallar e fallou. Creado Podemos, os prebostes do felipismo envellecían a cada minuto que pasaba. Pero algo sucedeu. Algo que demostra resiliencia. Introducindo o relato do home común vs. o aparato a través de Sánchez, e aproveitando a inoperancia política de Podemos, reflotouse a idea de que os socialistas eran o partido referencial da “esquerda”.

No momento de valga actual, exemplificado co comportamento errático no affair Murcia, ao PSOE estáselle poñendo cara de partido socialdemócrata europeo.

É dicir, de partido que, malia as promesas, non pode dar trigo en forma de políticas redistributivas, entre outras cousas porque a enorme débeda exterior non permite ditas políticas —polo menos ata vermos, se chegan, os efectos do xiro de San Joe Biden. 

Como manterá o PSOE a maioría de goberno cando nada pode ofrecer aos cataláns? Como xestionará o machadazo ao benestar que implicarán as contrapartidas aos préstamos europeos? Adiantando as eleccións co efecto rebote postpandemia? Que vai suceder co disfuncional sistema de partidos se, malia nun hipotético adianto de eleccións, a aritmética segue a ser parecida na esquerda e á dereita non lle chega para ser alternativa? 

O cliclo do 15-M pechouse. Pero a estabilidade está lonxe de ter chegado ao estado español.

Comentarios