Opinión

A vía valenciana

O que poderiamos chamar «a vía valenciana» é o último MacGuffin ao que andan dando voltas columnistas de referencia para a progresía hispana coma Enric Juliana ou Esteban Hernández. Un contrarrelato ao «España é irreformable» do independentismo catalán que argumenta a posibilidade dunha España non radial aupada pola influencia, supostamente crecente, de Ximo Puig, presidente valenciano. O asunto non pasa de wishful thinking, pero nese argumentario a contraposición entre os «temas identitarios» do independentismo e a «neutralidade materialista» do Estado, ademais de tosca, resulta especialmente hilarante cando se observa desde Galiza. 

A globalización introducíu cambios. A última vaga de independentismo catalán non se entende sen a posibilidade enxergada polas elites daquel país dun acceso directo a mercados extraestatais. Pero sen a globalización tampouco se entende o proceso previo de rearme identitario español: a recentralización iniciada por Aznar para contrapesar Cataluña. Así xurdiu o Madrid «cidade global financeira» superposto ao xa abafante «Madrid capital do Estado-nación». Un esquema reprodutivo baseado no dumping fiscal que mirrou as expectativas da España central (Teruel Existe é un síntoma) ata que a cidade-Estado madrileña se puxo á par do Principat en termos de PIB. O «problema Madrid», que o dantesco ayusismo mediático contribúe a evidenciar, é froito dunha política identitaria (e polo tanto material) auspiciada polo Estado.

Tomemos a hipótese segundo a cal en anos próximos asistiremos a unha desglobalización da economía que fortaleza o mercado interno no espazo estatal. Do punto de vista galego (mesmo diría que do punto de vista de todo o NO ibérico) qué melloraría, a respecto do anterior esquema triangular Madrid-BCN-Bilbao, a alternativa valenciana e os seus plans de conectar con grandes infraestruturas de transporte Andalucía e a fronteira francesa? 

Se aquí percibimos con nitidez que non hai nada menos natural e máis ideolóxico-identitario que o Estado é porque a rearticulación dos fluxos económicos válida para Galiza non é española senón, como diría Castelao, Hespañola, é dicir, peninsular. Posto ao xeito dos columnistas citados: porque a única vía valenciana válida do punto de vista galego —e pola que o Estado español nunca amosa entusiasmo— é aquela que nos conecte coas urbes situadas ao sur desoutra Valencia, esta atlántica, chamada Valença do Minho.

Comentarios