Opinión

Outra maneira de vivir

In Memoriam Arcadi Oliveres

Cando non era unha relixión institucionalizada, senón apenas o soño de vida dun puñado de mulleres e homes, as primitivas comunidades cristiás espertaban unha estraña atracción entre as xentes que as contemplaban dende fóra. Púñano todo en común, atendían ás máis abandonadas (viúvas, nenas e nenos, persoas enfermas), xestionábanse de forma asemblearia… en definitiva, tiñan outra maneira de vivir.

Como sabemos, esa nova forma de vida tiña que ver coa necesidade de ser coherentes co que entendían que era a mensaxe de Xesús de Nazaret, unha mensaxe que, por moito que se teña distorsionado por uns e outros, polos poderes e as institucións, resumíase en aquilo de "amádevos os uns aos outros", ou, noutras palabras: "ama ao próximo como a ti mesmo". Isto, concentrado nunha soa verba, é o que tradicionalmente denominamos "fraternidade".

Dende as marxes da Historia e do sistema, son moitas as voces que apostan por novos camiños para dar resposta hoxe, neste mundo globalizado, a ese chamamento de Xesús. Pensemos, por exemplo, nun tabú do noso tempo: a propiedade privada. Se asumimos que o outro non é estraño, alleo, senón que é un igual, temos a obriga ineludible de esixir que se trate a todas as persoas con absoluta ecuanimidade, no so dende unha ética persoal, senón tamén nos planos político, xurídico e económico. A consecuencia é obvia: a propiedade privada debe estar sometida e subordinada ao ben común. Isto, que se recolle, cunhas palabras ou outras, en todas as constitucións democráticas, non acaba de cumprirse nunca, o que deriva das propias insuficiencias do sistema, que é inxusto per se. É o que dende o pensamento cristián emanado da teoloxía da liberación vense denominando "pecado estrutural" do sistema capitalista.

Dirémolo claramente: no mundo hai empobrecidas porque hai persoas ricas, hai empobrecidas porque hai desigualdade. Se queremos un mundo de iguais, un mundo fraterno, os bens deben ser compartidos, e polo tanto, ninguén debe ter máis cos demais. Dirémolo máis claro aínda: loitar contra a pobreza é loitar contra a riqueza.

Arcadi Oliveres, co seu exemplo, amosounos -xunto a moitas outras persoas e colectivos- como, para transitar ese camiño, hai dúas vías imprescindibles e complementarias: a denuncia incansable do sistema capitalista e a articulación de alternativas.

Sobre o primeiro punto: dende esta posición previa que acabamos de esbozar, se somos consecuentes, as persoas e comunidades cristiás deberíamos denunciar unha e outra vez un sistema inmoral e incompatible coa fraternidade tal e como a entendemos aquí. A denuncia debería ser pública, clara e constante. Non podemos ter ambigüidades neste aspecto. Non caben posturas intermedias. Non bastan reformas puntuais. Neste sentido, Rosa Luxemburgo tiña -e segue a ter- toda a razón cando escribiu o seu opúsculo Reforma ou Revolución.

Sobre o segundo punto, a articulación de alternativas, vivimos tempos precarios, si, pero tamén ilusionantes. O desenvolvemento das finanzas éticas, do consumo responsable, das ideas do decrecemento, da agroecoloxía, das pedagoxías emancipadoras, da non violencia e do pacifismo, do cooperativismo, do comercio xusto, das iniciativas culturais críticas e transformadoras, do feminismo altermundista, dos movementos da ecoloxía social, de propostas como a renda básica das iguais, etc., son correntes de augas cada vez máis fecundas para nutrir un novo mar de vida en plenitude.

Se chegaches ata aquí talvez esqueciches que estabamos a falar de como ser cristiá/cristián hoxe… talvez porque nese mar sen horizontes, nesa última morada, todas confluiremos no soño compartido das vítimas de tantas inxustizas, e entón os puntos de partida serán o de menos. Ata entón, o de máis é vivir doutra maneira, anticapitalista, antiindividualista, anticompetitiva, ou, falando propiamente, en positivo, cunha actitude solidaria, cooperativa, comunitaria, fraterna. Coma sempre, queremos o pan para todas, pero tamén precisamos as rosas, e temos á nosa man moitas alternativas para que a súa semente frutifique aquí e agora. Para construír, entre todas, outra maneira de vivir. Que así sexa.

Comentarios