Opinión

Días de orballo e desigualdade

É nos días coma hoxe cando un lembra e toma consciencia da súa soidade, aínda cando ten pais, irmáns, amigos, compañeiros de traballo e demais enredo biolóxico e social que nos rodea e se enlea ao redor de nós, en ocasións para sosternos e alentarnos, outras simplemente para arrastrarnos, abafarnos e afogarnos. Ese enredo, que nos ten feito esquecer a nosa propia realidade, facéndonos crer que viviamos tempos de bonanza e “progreso histórico das mentalidades” —que concepto tan soberbio—, pero sobre todo que estábamos seguros, algúns inclusive puideron chegar a sentirse iguais. Todo porque ¿unha vez ao ano se nos permite saír ás rúas en manada, a exhibirnos para fazaña populista duns, festa para outros e ganancia económica dalgúns máis?

Pero é en mañás como esta cando a dor e mailo terror que acosa as mentes espertas debe reactivarnos, despoxarnos das prendas do mundo, destas alas ignominiosas que unha vez máis nos fabricaron outros  —políticos e charlatáns varios, poucos coma nós— esbotalas ao lume e volver simplemente a “ser” quen somos. É nesta mañá cando moitos lembramos o sos que estamos, cando os nosos país non comparten o noso medo, cando o seu instinto e a súa experiencia do mundo debería facerlles sentir máis medo se cadra que a nós mesmos, cando os nosos amigos non se suman ás manifestacións para defender as nosas vidas, o noso dereito a vivir e a non ser executados publicamente “por ser o que non escollemos ser”. Porque o noso estigma é ser distintos a nosos país, e por iso a nosa ferida, a nosa soidade pode chegar a ser das máis difíciles de asumir. Esas feridas que nos fixeron pasar por covardes durante tanto tempo, namentres tentábamos sobrevivir, malvivindo.

Revivimos a dor que durante séculos nos fixo sufrir en silencio nas nosas familias, círculos e comunidades. Esa dor que alimentaba o medo, o medo a vernos efectivamente sos, o medo que construía cárceres invisibles, “armarios” —oxalá fosen armarios—, o medo que nos levaba irremediablemente á soidade, á fuxida —que aínda fai a tantos abandonar as súas vilas pero tamén cidades—, e ao desarraigo, para unha vez aí ditar a sentenza, dun xuíxo xa escrito e... executala. O medo que radicaliza e que esaxera os trazos que no distinguen nun xesto de autodefensa, e que a tantos ten arrastrado ao auto-odio e á miseria existencial, por “ser”... Porque nesta causa de segregación social e política non existen razóns, nin sequera froito do devir político e histórico, a razón é o porqué si que só mentes incomprensibles pode comprender, dende sempre e probablemente para sempre. Non sexamos inxenuos. A maldade, a agresión, o asasinato, son xestos de pura vontade, premeditada, preexistente antes da súa execución arraigados na mente e no corazón; o que nós somos simplemente ser, innato,  existencial, puro, natural. Hoxe debemos máis ca nunca recordar que non estamos sos, e lembrar aos que se esquecen de nós, ou non nos ven, téndenos diante, a nosos “amigos”, “compañeiros”, “pais”, “irmáns”, quen somos: os seus “fillos”, “amigos”, “compañeiros”, “médicos”. Persoas, non vítimas.

Comentarios