Opinión

A rebelión d@s expulsad@s

A historia repítese. Non non dan gañado. Resistimos, malia que lles foda

Se chaman, imos. Esa é a simple premisa que utilizamos os dous. Por suposto, non pedimos un peso, pero sempre saímos gañando, especialmente eu, para quen este mundo resulta novo. Case sempre no seu coche, percorremos quilómetros por todo o país, para falarlle das nosas cousas a xentes encantadoras, ás que intentamos contarlle unha historia que, se pode ser, lles sirva para entenderse mellor a eles mesmos. Ás veces, incluso o conseguimos. Pero normalmente é a contrario, e -seguro que en plural, pero vou pasar ao singular- quen marcha máis listo do que chegou, son eu.

Sen pensalo -nin apuntalo nesa libretiña onde fago catro garabatos en forma de guión dos que logo paso totalmente- namentres falo, xurde dalgún misterioso lugar da miña pouco coidada cabeza a revelación. E todo colle sentido. Ocorreume hai uns días, nun barrio de recente construción, na miña cidade. Alí viven boa parte das amizades deste que fala. A maioría son xentes da miña xeración, que en plena burbulla decidiron artellar vida e mercar casa, pero non puideron facelo alí de onde eles son. Foron expulsad@s da cidade, onde os negociantes puxeron os prezos polas nubes para o seu beneficio -que cando estoupou obrigáronos a sufragar entre tod@s-, e tiveron que marchar cara urbanizacións do extrarradio, máis asequibles, pero moi caras en todo caso. Alí chegaron, sen case servizos, destinad@s polos poderes a pasar a súa existencia nun barrio dormitorio, sen nervio propio, robotizado. Pero, como dicía o outro, non contaban coa súa astucia.

"De inhumano e frío cúmulo de cemento, nada. Para sorpresa das elites, naquel inhóspito paraxe de bloques comezou a construírse unha comunidade. Cos seus erros, pero con persistencia e orgullo"

De inhumano e frío cúmulo de cemento, nada. Para sorpresa das elites, naquel inhóspito paraxe de bloques comezou a construírse unha comunidade. Cos seus erros, pero con persistencia e orgullo. E agora, aquel lugar ideado como molicie tamén mental é un fervedoiro de vida. E de actividade. E fomos botar uns discursos porque organizan unhas das mellores festas da cidade, moi por riba das do centro, coas súas carísimas horteradas.

Nós íamos alí a falar de moitas cousas, pero que remitían a algo moi semellante. Aos nosos pais tamén os botaron das súas aldeas, cara uns ensanches urbanos aparentemente incompatibles coa posta en común de forzas felices. Pero, ao seu xeito e chegando mesmo a inspirar un rock distinto, déronlle a volta ao negro destino imposto. A historia repítese. Non nos dan gañado. Resistimos, malia que lles foda. E a razón é ben doada de explicar. Este fenómeno rebelde segue reproducíndose porque, como di o xenio que me acompaña nestas aventuras, este país ten forza para tronzar o universo todo.

Comentarios