Opinión

As ondas de Xurxo Souto

Premio, o que se di premio, non me deron ningún na vida, cousa absolutamente lóxica, por outra parte. 

Premio, o que se di premio, non me deron ningún na vida, cousa absolutamente lóxica, por outra parte. Premios, o que se di premios, recibinos a moreas nos meus 40 anos. Sen eles, aturar o castigo que sae por defecto no sistema operativo da vida resultaría máis complicado. E, que carallo, para bastantes deles algún mérito fixen. Vale. O caso é que hoxe quería falar dun premiado. Momento ñoño, aviso. Parecido a eses de cerimonia de subir ao estrado a dicir que grazas a este e ao outro e aos demais e chorar e facer o ridículo e logo maldicir a existencia de youtube e a súa teima por conservar a disposición de calquera e para sempre esas imaxes que tanto te proen. Aclarado isto, que comece a mamada

Por certo -pequena rectificación- eu si que recibín dunha volta algo semellante a un premio, en concreto un segundo premio, como certa pesimista e demoledora canción pop granadina. Déronmo hai 13 anos @s farmacéuticos da Coruña por un artigo cariñoso co seu traballo, simple recoñecemento dun asmático. Lémbroo non só para renovar o meu egocentrismo desatado, senón porque serve para exemplificar que ás veces, sen querer, o nome dos galardóns definen con bastante exactitude os intereses da persoa que os recibe (no meu caso chamábase Albarelo, como ese recipiente das boticas onde antigamente gardaban todo tipo de substancias dispostas a influír alegremente no corpo humano). Na historia que nos interesa -e á que podía ter chegado sen tanta leria, xa o sei- chámase Ondas, os premios de Comunicación máis importantes do Estado. Déronllo ao proxecto escolar Ponte nas Ondas e con el, o que aquí nos ocupa, ao gran Xurxo Souto. 

O Ondas recoñece así, xunto ao de outra moita xente, o traballo de alguén que, por certo, foi hai cinco anos expulsado por orde do PP das ondas públicas galegas

O Ondas recoñece así, xunto ao doutra moita xente, o traballo de alguén que, por certo, foi hai cinco anos expulsado por orde do PP das ondas públicas galegas, agora emendadas desde Barcelona. Foi aquela de 2009 unha inxustiza máis cun tipo xenial, un dos maiores intelectuais -no mellor sentido da palabra- que deu este país nas últimas décadas, e seguramente un dos poucos que foi capaz de mesturar alegría e erudición; vontade e rebeldía; xenerosidade e talento; legado e modernidade. Con cen máis como el, Galiza sería outra. Bastante mellor. Por desgraza, abondan os seus antónimos, non os seus sinónimos. 

Non son obxectivo, nin quero. Coñezo a Xurxo desde hai anos. Hoxe cúmprense exactamente seis meses desde que se puxo á venta a biografía que escribín dos seus Diplomáticos de Monte Alto, onde tivo tan bos cómplices. Entre iso e o Ondas, era evidente que este domingo non podía falar doutra cousa. No fondo, de min. Porque si -prepárense para o azucre hortera- eu sen Xurxo Souto non escribiría aquí. Porque non sería xornalista. Aos mestres hai que recoñecelos. E non todos están nas escolas. 

Falaba antes de premios. A min concedeume un en persoa Xurxo Souto, hai vinte anos. Non incluía trofeo, malia que copas arredor tiñamos moitas. El baixou ao antro de vicio e formación onde eu traballaba -xa deixándome a vida ás bravas por temperás pero perpetuas necesidades económicas- e díxome de colaborar no seu programa de radio. Aceptei. E cambioume o conto. Como antes comezaran facelo as cancións da súa banda. Como lle pasou a tantos e tantas, que por unha peza súa (ou un concerto nun festival, ou un programa de radio, ou unha visita a un colexio, ou unha palestra divertida, ou un viño cantado nunha tasca, ou unha festa na rúa, ou un discurso nunha manifestación, ou un guión televisivo, ou unha das súas obras literarias) pois sentiron esa electricidade xurxosoutiana que chaman bravura, a punkitude galega. A marabillosa actitude que tanto lle molesta a moit@ pedante con púlpito de tres pesetas; porque funciona, mentres o seu aburre ata o infinito. E porque sae de abaixo, sen elitismo. Poucos animais de escenario como o de Monte Alto son tan reacios ao que significa esa división entre o palco e o público, todo un mesmo lugar no seu imaxinario, entregado ao triunfo do popular. Da boa xente. 

Poucos animais de escenario como o de Monte Alto son tan reacios ao que significa esa división entre o palco e o público, todo un mesmo lugar no seu imaxinario, entregado ao triunfo do popular

Falaba eu hai unhas liñas do axeitada que pode chegar ser a denominación dun premio en relación a quen o recibe. Canda outr@s, Xurxo Souto recibiu un Ondas. Ninguén mellor que el para asumir algo que así se chama, como as Ondas sonoras das súas cancións ou os seus programas de radio ou como as Ondas dos mares dos que é cronista maiúsculo. Mesmo as Ondas de Riazor que decidiu cantar para ledicia branquiazul (e miña). E, máis que nada, as Ondas como semente de repercusión, como obxectivo, contra toda tentación ao ghetto inerte. 

Escribindo Non Temos Medo, Manuel Rivas díxome que o líder bravú era “como esas señoras que ían polos camiños cargando sobre a testa con ovos, fariña, leite... ou sexa, co que realmente vale. Pois Xurxo así é, leva todo o necesario na cabeza”. Agora tamén un premio Ondas. E, se quere, esta columna edulcorada que só pretende ser agradecemento.

Tómao como a dedicatoria que che mandaría nos premios que nunca gañarei, neno.

Comentarios