Opinión

Por un fútbol sen política

A medias entre os responsables gobernamentais e a nova directiva do Deportivo, o estadio de Riazor viviu o pasado domingo un episodio grotesco. Namentres na bancada dos seareiros do Sporting lucían un par de bandeiras para-nazis (con certa camuflaxe) a cen metros os seguratas retiraban ás présas unha pancarta en contra da reforma reaccionaria do aborto. Simbólico criterio. Houbo protestas, no campo, nas redes, nos medios.

A medias entre os responsables gobernamentais e a nova directiva do Deportivo, o estadio de Riazor viviu o pasado domingo un episodio grotesco. Namentres na bancada dos seareiros do Sporting lucían un par de bandeiras para-nazis (con certa camuflaxe) a cen metros os seguratas retiraban ás présas unha pancarta en contra da reforma reaccionaria do aborto. Simbólico criterio. Houbo protestas, no campo, nas redes, nos medios. Pero xa lles contestaron os que saben, os listos, tan puristas eles, con iso de que “non se debe mesturar a política co fútbol”. Baixo esa doutrina, avalan tamén que se lles retiren as bandeiras galegas con estrela vermella aos afeccionados do Dépor -tamén de Celta ou Obradoiro- ou mesmo algúns xustifican que esa decisión vaia acompañada dunhas cantas desmesuradas agresións policiais. Malditos radicais futboleiros.

"Namentres na bancada dos seareiros do Sporting lucían un par de bandeiras para-nazis a cen metros os seguratas retiraban ás présas unha pancarta en contra da reforma reaccionaria do aborto".

Pois vale. Se así o queren os ben pensantes, os que seguen os idearios hexemónicos, procedamos. Un fútbol sen política. As primeiras normas -só o bocexo dunhas poucas- para avanzar nesa senda poderían ser tal que así:

-Prohibidas as bandeiras oficiais que ondean en todos os estadios. A española con escudo constitucional, a galega co autonómico e a europea da UE son unha representación simbólica de institucións de carácter político. Fóra dos estadios, xa. 

-Prohibidos os mundiais, eurocopas e todo tipo das chamadas competicións internacionais, posto que nelas participan equipos que na súa aplastante maioría representan a Estados, unha forma de organización de carácter político, e a política non debe mesturarse co fútbol. Polo tanto, eliminada a existencia de La Roja, algo que sen dúbida encherá de gozo aos que piden “un fútbol sen política”, que é sabido que en ningún caso coinciden con aqueles que penduran bandeiras rojigualdas da súa casa cando determinadas competicións, en ningún caso, verdade?

-Dado que os palcos dos estadios son un escenario de poder, que normalmente buscan que determinados persoeiros atopen unha visibilidade propagandística que ademais vai acompañada de privilexios, quedará terminantemente prohibido que alcaldes, concelleiros, presidentes de calquera goberno ou outro tipo de autoridades institucionais -todas de carácter político- acudan a eles. Así mesmo, será duramente sancionada a celebración de triunfos acudindo a consistorios ou sedes oficiais, así como esas recepcións que a moitos equipos lles fai o Papa, un xefe de Estado, polo tanto un cargo político. Como é lóxico, esta norma tamén afecta á monarquía, unha forma política de goberno.

-Dado que as linguas delatan unha orixe e unha identidade, e sabido é que este último concepto resulta un factor político de primeiro orde, prohibirase falar tanto nas bancadas como no céspede. Nesta liña, o lóxico sería tamén eliminar as competicións entre clubs limitadas a un territorio baixo a mesma organización política (Estado, autonomía, provincia...) polo que será un sorteo universal o que designe quen xoga con quen, o Dorneda contra o Alaska United, por exemplo, xa que así se evitará ese concepto político que son as fronteiras, tal e como demandan os “cidadáns do mundo” que só teñen ollos para a Liga española á vez que piden un fútbol despolitizado. 

"Cando as da pancarta son unhas poucas mulleres, entón si, entón arrincan a faixa con toda a súa gallardía de machotes".

Se todo isto non é posible, talvez exista outra opción. Chámanlle liberdade de expresión mentres non caia na apoloxía de xenocidios e semellantes. Poderíanse respectar os dereitos democráticos dentro dos campos de fútbol e fóra deles. Igual é unha utopía, pero, tod@s somos demócratas, non? Aínda que... claro, igual a democracia tamén é política e hai que separala do fútbol. 

PD: Alén das retrancas, é ben constatar que ás moitas inxustizas que se cometeron coa retirada da pancarta sobre o aborto o pasado domingo en Riazor engádese unha na que case ninguén reparou: o machismo. Pancartas -lexítimas- das que chaman “políticas” aparecen en moitos partidos no sector dos Riazor Blues, por exemplo hai un par de semanas en solidariedade coa loita do barrio burgalés de Gamonal. Porén, como a portaban un grupo de rapaces de características obvias, pois a seguridade non fixo nada. Pero claro, cando as da pancarta son unhas poucas mulleres, entón si, entón arrincan a faixa con toda a súa gallardía de machotes. Quede aquí reflectida esa circunstancia e, como non, tamén todo o recoñecemento ás feministas branquiazuis que a colocaron. 

Comentarios