Opinión

Florentino Pérez

Terra españolizada. Como as bateas ciclistas. E moitas festas municipais.


Terra españolizada. Como as bateas ciclistas. E moitas festas municipais. Lugares supostamente divertidos que ocultan mensaxes de dominio. Territorios deses que lle prestan a Wert, o ministro do Opus. Como o palco do Bernabéu. Estaba o gobernante en primeira liña do trofeo-homenaxe que lle ofreceron a aquel bo dianteiro que a canción pop bautizou, acertadamente, como “niñato”. Abaixo, o nocivo Real Madrid contra un rival sen fútbol pero millonario, construído desde a ditadura qatarí, seica moi apreciada tamén polo Barça. E polo rei de España, que alí se presentou para simbolizar o respaldo do réxime a si mesmo. Porque o palco do Bernabéu, Raúl, os Ultrasur, os negocios máis que feos con Oriente Medio, a monarquía, as fichaxes por cantidades insultantes -tipo 100 millóns por Bale- os pases de toureiro no centro do campo ou o sorriso sinistro do máximo defensor da educación elitista non son máis que distintas representacións do mesmo: a marca España. Cousa cutre. Até de risa senón fose polo seu perfil pernicioso.

Pero o centro da imaxe do poder tiña un ocupante claro. Entre o ministro da dereita neofalanxista e o Borbón en decadencia estaba Florentino Pérez. Un símbolo. Na súa figura encárnanse moitos males: o fútbol como dispendio afastado da súa esencia popular e centrado no obxectivo narcótico; a farsa da Transición de cando formaba parte de proxectos da dereita denominada reformista; o cemento e a construción coa súa burbulla rebentada sen culpabilidade; o compadreo do alto empresariado e a banca cun poder servil; o (presunto) financiamento irregular a políticos sistémicos que logo coincide coa obtención de contratos públicos ou recualificacións como a da cidade deportiva do Real Madrid....

E tamén o espolio de recursos públicos ou aquilo que aínda se pode chamar colonialismo. Ben coñecedor da concepción da empresa como rapiña, agora que o Deportivo pasa momentos duros, Florentino ofreceu ao seu equipo para xogar gratis un Teresa Herrera. Pero non é solidariedade, non, trátase simplemente dun movemento para recuperar clientela alí onde a perderon. Unha inversión para conquistar mercado. Nada de altruísmo. Só un voitre.

A Coruña xa é mercado de Florentino Pérez, e non polo Real Madrid, senón polas súas múltiples empresas. Súa é Albada, concesionaria da planta de tratamento de Nostián.

  Pero A Coruña xa é mercado de Florentino Pérez, e non polo Real Madrid, senón polas súas múltiples empresas. Súa é Albada, concesionaria da planta de tratamento de Nostián. O grupo ao que pertence, Urbaser, ten millóns de euros de beneficios. Pero aquí -ademais de non facer o traballo polo que cobra- quere botar á rúa a vari@s empregad@s. E baixarlle o soldo un 25 por cento ao resto. O capitalismo de doazóns, na súa faciana real. As indignas intencións de Albada contan co silencio cómplice do alcalde, Carlos Negreira. “Cantos cartos dos sobres de Bárcenas son de Florentino Pérez para que o PP da Coruña defenda desta forma os seus intereses?”, cuestiónase o comité de empresa de Nostián. Poderán preguntar directamente a próxima semana, se visita a cidade o presidente do Real Madrid para a súa operación de cosmética futbolística. Se lles deixan, que ao personaxe non lle gusta rodearse de obreir@s con conciencia. Por favor.

Porque esa é outra. Nin Wert, nin os Borbóns, nin Florentino poden presentarse en moitos sitios sen que se produza un importante balbordo na súa contra. Sintomático. Alá onde estean, a primeira liña das autoridades que o xoves presenciaron a pachanga esa do niñato necesita protección policial.

O palco do Bernabéu. Un fortín de poderosos defendido por cachalotes armados. A Idade Media. España.

Comentarios