Opinión

Contra Nadal e Iniesta

Antes da actual crise -a que leva dez anos en acción, non a de cada programa matutino da Sexta- España tiña un Superheroe. Non era o simpático Súper López nin o hípermusculado Aznar, senón unha figura intocable e ademais inviolable legalmente. Falamos de El-Rei, Juan Carlos I. Eran tantas as veces nas que a súa omnipresente realeza seica beneficiou aos desditados cidadáns, que calquera crítica pública contra o monarca provocaba un feixe de descualificacións, estas si, transversais, que só se podían evitar en ambientes reducidos e felizmente radicais. Porén, o colapso de 2008 e as súas diversas consecuencias foron despedazando á icona zarzuelita, que mesmo se viu obrigada a abdicar.

Xa desde un tempo antes do truco monárquico, o ecosistema do poder español comezara o reemprazo na peana do Superheroe inmaculado e oficial. Déronlle o posto aos deportistas. Especialmente a dous moi de moda os últimos días: Rafael Nadal e Andrés Iniesta. Pau Gasol e Iker Casillas tamén rozaron esa consideración, pero a perderon ao ter o primeiro algunhas opinións demasiado catalanas e ser o segundo derrotado por un portugués (Mourinho). España e os seus traumas históricos, sempre vixentes.

Só un pailaroco sería capaz de negarlle a Nadal e Iniesta os inmensos méritos deportivos que atesouran. Estamos a falar de dous dos mellores tenistas e futbolistas da historia. Un exemplo de rendemento dentro das canchas. Dentro. Esa é a palabra clave. Dentro. E xa. Pero non. Evidente resulta estes días que o que converteu a ambos nos novos símbolos consensuais do Réxime 78 foi outro relato: o de que son un exemplo para a sociedade fóra dos terreos de xogo. E non. Diso nada. A min as súas persoalidades (públicas) e o que representan non me gusta. Non conten comigo para o #VamosRafa nin para ovacionar ao manchego no meu estadio namentres perdemos por oito. Non o merecen. Estes reis tamén van espidos. E os puxeron a funcionar como ferramentas ideolóxicas.

Non conten comigo para o #VamosRafa nin para ovacionar ao manchego no meu estadio namentres perdemos por oito

 

O novo e discutible Ministro de Cultura e Deportes, Màxim Huerta, presenciou o domingo a décimo primeira vitoria de Nadal en Roland Garros, toda unha fazaña. “Nadal es España, representa los mejores valores de este país”, declarou sobre o evento o que é unha das estrelas mediáticas do novo executivo do PSOE, que se definiu como “feminista”. Pois a ver se nos aclaramos. Porque a Rafa Nadal o da igualdade entre homes e mulleres non lle vai. De feito, está en contra. Así o dixo hai poucos días. Segundo el, as tenistas non poden cobrar o mesmo que os tenistas “porque non xeran tantos cartos”. Ou sexa, non só lle saíu algo de machismo senón moito de depredador neoliberal. Somos o que o interese do mercado pague por nós. Desde logo, non se lle pode negar a Nadal conciencia de clase, da súa, da dominante. Pero como é o Superheroe de España, pois un goberno socialdemócrata destaca os seus valores sen que apenas ninguén diga nada. Iso se chama hexemonía.

Todo discurso de Nadal -fóra da técnica deportiva- é un gran canto ao baleiro, no que palabras como “superación”, “tenacidade” e todas esas milongas de charla TED introducen a cultura neoliberal na xente sen que esta se decate, facendo comúns a millóns teorías nas que só existe o individuo e nunca o colectivo. Non é casualidade. Nin Nadal nin Iniesta son produtos do talento popular que grazas a unhas boas condicións sociais -instalacións, clubs, axudas públicas...- chega ao máis alto. Ao contrario, o tenista é un froito do ocio profesionalizado da burguesía balear e o futbolista da captación infantil dunha multinacional (si, o Barça).

De Nadal tamén se sabe que defende posicións políticas afíns á dereita española, como demostrou con feitos como o de pedir eleccións contra a moción de censura ou increpando durante un partido a un espectador que amosaba unha estelada (iso si, logo cando lle preguntan polos asubíos da final de Copa asegura que el “nunca lle faltaría ao respecto a un símbolo”. Ehem). En todo caso, estas súas opinións son completamente lexítimas e forman parte da liberdade de expresión. Mais existen outras probas que anulan a Nadal como “exemplo de valores”. Son menos coñecidas. Entre elas está o recente pelotazo que o conglomerado empresarial que posúe vai pegar en Mallorca, co aval no bordo da legalidade de PP e PSOE e as protestas de perfil baixo de Mès e Podemos. Porque sabido é que contradicir a Nadal supón mal negocio electoral. Se un político quere boicotearse a si mesmo só ten que criticalo en público. Sería esnaquizado por un exército populista de tertulianos, portavoces parlamentarios e perfís de Twitter.

Vale, estarán pensando, Nadal ten as súas cousas, pero Iniesta? Por qué meterse con “Iniesta de mi vida”? Non lles quitaría a razón en canto a que o albaceteño cae mellor. Igual ata é bo rapaz e inocente do que fan con el, non o sei. Pero o problema non é tanto a súa persoa como o que queren emitir os que o converteron en Superheroe representante dos valores da España sistémica. Porque Iniesta, ese mediapunta xenial, ao saír do céspede é tamén un emblema do “ni fu ni fa”, do non dicir nada, do non mollarse alén do evidente, da humildade entendida como renuncia a todo tipo de compromiso incómodo. Xa nin entro no intento de convertelo en símbolo español no independentista Barça (ocultando para o caso que fala perfectamente catalán) ou que se fora tan detallista como din talvez evitaría poñerse a dar saltitos no medio dun Riazor que acaba de descender, senón que falo de como o relato cultural dominante aplaude a quen se mantén lonxe das realidades máis conflitivas (Iniesta) pero castiga a quen ten opinións alleas á norma (desde Guardiola ao Athletic).

Vale, estarán pensando, Nadal ten as súas cousas, pero Iniesta? Por qué meterse con “Iniesta de mi vida”?

 

En realidade, a elevación de Nadal e Iniesta como monarcas intocables do españolismo actual define moi ben as características históricas desa ideoloxía, a niveis incluso freudianos. De feito, ata se pode pensar que unha mestura Frankestein de ambos obtería como resultado o soño húmido dun fascista do 36: un español apolíneo de raza perfeccionada que, como pedía Franco, non se mete a opinar que iso dá problemas.

Non, non chamo franquistas aos dous espléndidos deportistas. Só digo que a utilización case divina das súas figuras vén con trampa. Porque, en definitiva, o que quere o ecosistema do poder mediante a louvanza dos supostos “valores” extra-deportivos de Iniesta e Nadal é converternos nuns caladiños namentres nos goberna Sergio Ramos, rompéndonos as pernas.

Comentarios