Opinión

A cona de Flau Blücher

Nese ano 1974 deron o seu primeiro concerto os Ramones, Patricia Hearst uniuse definitivamente ao Exército Simbiótico que antes a secuestrara

Nese ano 1974 deron o seu primeiro concerto os Ramones, Patricia Hearst uniuse definitivamente ao Exército Simbiótico que antes a secuestrara, a UPG redactou os seus primeiros Estatutos, o PSG presentou unha Declaración de Principios e naciamos Kate Moss, Ada Colau e eu mesmo. Tamén foi cando nos cinemas estreouse a que está considerada unhas das mellores comedias da historia, obra maxistral no sub-xénero da parodia: Young Frankestein, a que aquí -diglosia manda- coñecemos pola tradución castelá de El Jovencito Frankestein. Logo desta referencia moit@s entenderán xa a quen se refire o nome que aparece no título do artigo.

Flau Blücher é un dos personaxes do filme, concretamente a sinistra dona do castelo onde un descendente do Doutor Frankestein -”Frónkostin, chámeme Frónkostin”- volve xogar a moderno Prometeo con desastrosos e hilarantes resultados. Na súa primeira aparición, cada vez que ela ou @s recén chegad@s pronuncian o seu nome, os cabalos da carruaxe rinchan, asustados (mesmo o ceo estoupa en ameazadores lóstregos) nunha brincadeira que caricaturiza os tópicos das vellas películas de terror. Flau Blücher, hiiiiiiiii. Queda claro que é un nome que non se debe dicir.

O presidente da Xunta decidiu non pronunciar en público o nome da número 3 do seu partido e coordinadora da campaña electoral das europeas: Paula Prado

A actualidade política tamén está chea de palabras-Flau Blücher, que seica se evitan pronunciar por medo a que rinche a corrección, construída após décadas de dominio discursivo. Como se a cidadanía fose parva, o poder deduce que polo mero feito de non emitir determinados sons, o que estes significan desaparece. Ocorre cos nomes. E máis.

Por exemplo, defende tal teoría Feijóo. O presidente da Xunta decidiu non pronunciar en público o nome da número 3 do seu partido e coordinadora da campaña electoral das europeas: Paula Prado. Enlamada polas conversas que aparecen no sumario da Pokémon -nas que presume de (presuntas) facturas falsas ou de encubrir prácticas como mínimo sospeitosas (agasallos da hostia)- o seu nome desapareceu do vocabulario do líder do PPdeG, como se este tivera medo de que na cerimonial rolda de prensa ao afirmar algo tipo “defendemos a presunción de inocencia de Paula Prado”, se escoitase de seguido un enorme rincho, co escaralle asegurado d@s presentes. Paula Prado, hiiiiiiii.

Bárcenas, innomeábel

Niso o titular da Xunta tamén se limita a aplicar o que lle aprenden de Madrid. Alí, Mariano Rajoy teima en evitar como sexa nomear ao encarcerado ex-tesoureiro do PP, Luis Bárcenas, epicentro dunha trama corrupta que salfere ao seu partido, presuntamente, ou non tanto posto que o xuíz dá por probado o manexo de diñeiro negro, o que nun Estado normal xa tería provocado a dimisión en pleno do Goberno. Mais en vez de convocar ás urnas, limítanse a calar a palabra-Flau Blücher, non vaian activarse os leóns do Congreso: Luis Bárcenas, grrrrrr.

Como se a cidadanía fose parva, o poder deduce que polo mero feito de non emitir determinados sons, o que estes significan desaparece

No terreo municipal tamén se aplica esta absurda norma. A tenente de alcalde do concello de Vigo (PSOE) elevou á máxima potencia o localismo político cando criticou á portavoz do BNG por pasar fins de semana “noutra cidade galega no Norte”. Non dixo o nome da urbe. Nun paradoxo monumental, para o pacovazquismo olívico está prohibido ir e tamén dicir A Coruña, hiiiiiiiii.

Cortocircuito

Mais estes casos, e moitos outros, non deixan de ser unha mostra máis de estupidez, do ridículo cruel que define ás elites. Porén, máis preocupante resulta cando aquelas forzas chamadas a exercer o antagonismo contra estes elementos tamén caen na trampa das palabras-Flau Blücher. Prodúcese entón un curtocircuíto polo cal o que é normalidade e mesmo potencia nun ámbito, como a rúa, desaparece ao chegar a outros, concretamente ao institucional. Malia non ser eu alguén especialmente versado en cuestións de xénero e sen para nada intentar facer unha moción á totalidade dun traballo, vou poñer un exemplo.

Se algunha imaxe das últimas marchas feministas e contra a lei do aborto colleitou un éxito rotundo, de gran difusión polas redes, foi aquela pancarta que dicía “na miña perracha mando eu”, asinada por unhas “mulleres ata a cona”. E sen dúbida, se existe un lema querido e directo para definir estas mobilizacións, ese é o que di “fóra rosarios dos nosos ovarios”. Perracha, cona, ovarios. Hiiiiiiii.

As organizacións políticas alternativas súmanse ao uso deste términos nas manifestacións, mesmo nalgúns actos de carácter local -sei dun na Coruña (engádalle un hiiiiiiiii se é vostede do PSOE de Vigo)- pero cando chega o asunto ás alturas institucionais, agóchanos, non aparecen por ningún sitio. Porque, que eu saiba, non se dixo “na nosa perrecha mandamos nós” ou “fóra os seus rosarios dos nosos ovarios” nos debates sobre o aborto celebrados no Parlamento galego, asumindo así que hai palabras-Flau Blücher, ou, o que é o mesmo, interiorizando as normas de fonda tradición católica contra as que se loita. Quen debe levar á Cámara as palabras da rúa -onde están máis que normalizadas- opta por calalas, non vaia a ser que o inimigo se incomode, cando xusto diso se trata: de que os mesmos que cren que algo tan natural como unha cona ou uns ovarios son vergoñas que tapar -e sobre as que poden lexislar, dada a súa maldade intrínseca- teñan que retorcerse ante unha cidadanía e unhas mulleres que os reivindican sen tapuxos e os reclaman como propios. Como símbolo do seu poder de decisión.

Bildu, outra palabra Flau Blücher

Non, non se trata de facer política de “pedo-caca-culo-pis”, senón de evitar innecesarias desconexións. Supón un contrasentido admirar ás Pussy Riot pero logo avalar vellas moralidades negándose a pronunciar a primeira palabra do nome desa banda (pussy significa cona). Tampouco é lóxico que o que se berra na rúa haxa que calalo nos Parlamentos porque non o permiten os marcos que se queren rachar. Representar a quen protesta significa asumir o seu xeito de expresarse, non transformalo nun robótico formulario legal, por moi meritorio que sexa o seu contido en comparación con outros. Ademais, pódese facer. No Congreso de Madrid, Onintza Enbeita (deputada de Amaiur, ou sexa Bildu, ese nome que por desgraza tamén hai quen converte en palabra-Flau Blücher) dixo desde o estrado: “En mi coño y en mi moño mando yo”. Recibiu o aplauso de quen tiña que recibilo e, ademais, obrigou así a que lle fixeran un oco na prensa que adoito a ten vetada. Por suposto, o facherío escandalizouse. “Zafia”, chamárona desde os medios da dereita e a Conferencia Episcopal, xusto os que queren volver aos abortos para pobres en insalubres laboratorios de Frankestein. Os que cada vez que escoitan falar do dereito da muller sobre os seus propios ovarios, rinchan, asustados. Hiiiiiiiii.

Comentarios