Opinión

Sabe vostede canto debe?

Independentemente de que vostede teña algunha débeda que se cadra só vostede e o seu acreedor coñecen (unha persoa da familia, amiga...) nas Contas Económicas que elabora o Banco de España podemos informarnos do que, como media, debe cada habitante do Estado español.

Independentemente de que vostede teña algunha débeda que se cadra só vostede e o seu acreedor coñecen (unha persoa da familia, amiga...) nas Contas Económicas que elabora o Banco de España podemos informarnos do que, como media, debe cada habitante do Estado español.

"Cada habitante de España debe, como media e redondeando a cantidade á baixa, nada menos que 20.000 euros"

 A  DÉBEDA PÚBLICA

Supoño que  vostede non se parou nunca a botar conta de canto debería pagar para poñer “a cero” o contador da Débeda Pública do Estado español. Non se me asuste, non pase á páxina seguinte aínda;  as contas están moi claras: cada habitante de España debe, como media e redondeando a cantidade á baixa, nada menos que 20.000 euros.

Multiplique polo número de persoas que forman a súa familia e xa ten os miles de euros que esta debería pagar para que o Estado español quedase coas contas equilibradas.Son tres persoas na súa famila? Pois deben 60.000 euros, que ao cambio veñan ser nada menos que dez millóns das antigas pesetas. 
Cal é a débeda total do Estado español actualmente? Pois ascende a 952.359 millóns de euros. Sí, case, case, un billóns de euros! Quere que llo poña en euros; pois aló vai o dato, que espazo temos de abondo: 952,359,000,000 euros.

Ben sabemos que un dos moitos miragres que Rajoy prometeu na campaña electoral foi o de baixar o endebedamento público. Sabe como variou no bienio negro do goberno Rajoy? Pois medrou a débeda pública en 218.024 euros: en porcentaxes do PIB, pasou do 70,5% de decembro de 2011 ao 93,1% do mesmo mes de 2013.

Vaia diminución! Subiu nun 32% no primeiro bienio marianista. Pero non se preocupen, porque, se cadra para compensar, hai cousas que prometeu que as baixaría e subiunas: os impostos (IRPF, IVA, impostos especiais...) e varias taxas. 

"Medrou a débeda pública en 218.024 euros: en porcentaxes do PIB, pasou do 70,5% de decembro de 2011 ao 93,1% do mesmo mes de 2013".

Para que “diminuíse” o endebedamento público (...ese que medrou nun 32% nos dous últimos anos), o goberno foi quen de introducir novas fontes de ingreso público (como o repago dos medicamentos polos pensionistas da Seguridades Social... que xa financian cos  tributos) e de rebaixar drasticamente o gasto público. Velaí algúns exemplos dos recortes: en sanidade, ensino, dependencia, servizos sociais, na retribución dos empregados públicos (impago da “extra” de nadal en 2012, diminución do 40% das dúas “extras” en Galicia nos anos 2013 e 2014, etc).

A DÉBEDA PRIVADA

Si, seguro que moitos de vostedes  teñen, ademais, una débeda persoal, privada, pola parte do préstamo hipotecario que aínda non amortizaron... ou polo que non devolveron dos cartos que pediron para a compra do coche. 

E se son empresarios, posiblemente deban sumarlle o endebedamento derivado da súa actividade económica. O conxunto da débeda privada (das familias e máis das empresas) é moito maior que a débeda pública. Tratarei noutra ocasión da débeda empresarial; céntrome hoxe na privada.

O endebedamento das familias ascende a 860,356 millóns de euros no total do Estado español.; un 90%  é débeda a longo prazo(771,006 millóns de euros)... polo que durará ben anos.

A  DESIGUALDADE MEDRA

Seguro que ese endebedamento (público máis privado) non vai ser unha carga moi pesada para as 20 persoas máis ricas de España, xa que acumulan tanto diñeiro como os 10 milllóns de persoas máis empobrecidas. 

"Medrou a desigualdade nun 41.5% en España desde o estoupido das burbullas inmobiliaria e financeira".

Si, escribín empobrecidas e non pobres, porque dá unha visión dinámica do proceso da sociedade: moitas familias que formaban parte da clase media foron expulsadas dese grupo mediante un empobrecemento moi importante no último quinquenio.

O 20% de persoas máis enriquecidas de España multiplicaban por 5´3 no ano 2017 o patrimonio do 20% das máis empobrecidas. Na actualidade o multiplicador pasou a ser 7,5. 

Si, medrou a desigualdade nun 41.5% en España desde o estoupido das burbullas inmobiliaria e financeira. E asi chegamos a un triste record: a conseguir a medalla de plata en Europa, por detrás tan só de Letonia. Co ben que estabamos sin pisar podium...!

“ESPAÑOLITO QUE VIENES AL MUNDO...”

Non sei se unha das dúas Españas  (a centralista, conservadora e máis a progresista, respectuosa coas nacións e rexión que a integran) ás que alude un coñecido poema de Antonio Machado lle vai xear o corazón aos “españolitos” que veñan ao mundo. 

Tampouco sei se traerá un pan baixo o brazo, pero estou seguro de que virá cunha pesada carga nas súas costas, polo peso dos miles de euros que lle deixou de recordo a anterior xeración. A “xeración límite” á que cantou Miguel Rios?

Comentarios