Opinión

Podemos….?

Achégase o Día da Matria Galega (desculpando a mesa, pero o da “Patria” méteme medo, coa cantidade de barbaridades que se fixeron con ese nome en España e polo mundo adiante). Penso que é bo momento para facermos unhas preguntas sobre o que PODEMOS facer as persoas que vivimos nesta minguante –demográfica e economicamente- nación galega.

Achégase o Día da Matria Galega (desculpando a mesa, pero o da “Patria” méteme medo, coa cantidade de barbaridades que se fixeron con ese nome en España e polo mundo adiante). Penso que é bo momento para facermos unhas preguntas sobre o que PODEMOS facer as persoas que vivimos nesta minguante –demográfica e economicamente- nación galega.

PODEMOS permitirnos seguir cunha taxa de ocupación da poboación entre 16 e 64 anos do 57% mentres que a media da UE é do 64% (e baixando a porcentaxe galega  todos os anos no último sexenio)? . Por que nos imos resignar a ter sen emprego a sete persoas máis de cada cen en idade de traballar que na Unión Europea?

"PODEMOS pasar das 200.000 persoas desempregadas que levan máis de dous anos nesa situación?"

PODEMOS seguir aturando reformas laborais que só recortan dereitos das persoas que traballan e facilitan máis e máis o despido, coa lóxica consecuencia de que suba máis e máis a taxa de desemprego, que xa supera o 22% da poboación activa galega, máis do dobre que na UE coa que queremos homologarnos. 

PODEMOS pasar, por primeira vez desde que o INE elabora a Enquisa de Poboación Activa (1964) , das 200.000 persoas desempregadas que levan máis de dous anos nesa situación? Ben sabemos que aos dous anos remata o cobro da prestación por desemprego para os que cotizaron por un amplo período, e tamén que moitas persoas non cumprien os requisitos para cobrar o subsidio por desemprego(fill@s  ao seu cargo, eta.) ou outras axudas públicas.

PODEMOS consentir que a poboación labrega volva a entrar, unha vez máis, na dinámica de traballar arreo nunhas explotacións gandeiras que se ven obrigadas, polo oligopolio de demanda desa materia prima, a vender o leite por baixo do prezo de custo da súa obtención?

PODEMOS ver e calar cando, no último ano de aplicación das cotas lácteas, as multas por exceso de produción volven castigar á nosa gandería bovina mentres que ningún dirixente político di canto se lle deberá pagar á nosa poboación labrega para compensar os fortes investimentos que fixeron mercando cota láctea, co obxectivo de agrandar o tamaño das explotacións gandeiras e ser máis competitivos no mercado.

PODEMOS pechar os ollos ao continuo proceso de desmantelamento industrial e de deslocalización, agora potenciado polo despedimento da poboación asalariada “en rebaixas” mentres a casta dirixente se enche a boca a falar de modernidade e progreso?

PODEMOS ignorar que PP e PSOE consolidaron o bonsai naval galego coas súas medidas de impedir a construción de buques civiles en Ferrolterra e co incumprimento da promesa electoral de poñer a andar o dique flotante?

PODEMOS esquecer que o goberno galego (Yes, we can) impugnou nada máis tomar posesión  o proceso de adxudicación da construción de parques eólicos que fixo o goberno de coalición BNG-PSOE, impedindo así a creación de miles de postos de traballo que traia aparellados?

PODEMOS mirar para outro lado cando o goberno galego non recoñece os altos niveis de pobreza (tamén infantil, si,, pero non só...) e pon en cuestión datos aportados ao respecto polo INE, EUROSTAT, Caritas, UNICEF e moitos outros organismos e ONG´s , nada sospeitosos de querer trucar os datos?

"PODEMOS seguir a manter unha corrupción que cheira que fede, enviando un presidente do goberno español SMSs de apoio (“aguanta, Luís”) a un correlixionario e compañeiro na alta dirección do PP?". 

PODEMOS ollar como os gobernos recortan o gasto público máis e máis nas cuestións socialmente prioritarias (ensino, sanidade, servizos sociais, I+D+i...) e ao mesmo tempo non querer apeitar coas súas consecuencias: miles de empregos perdidos neses sectores, menor calidade na prestación dos servizos públicos esenciais, eta.).

PODEMOS seguir a ver como toda unha xeración, moi cualificada academicamente, ten que ir buscar emprego lonxe da súa nación, mentres os gobernos galego e español non  son quen de diminuír o gasto público onde realmente cómpre: supresión das Deputacións provinciais e do Senado, concentración de pequenos concellos, eliminación de privilexios da casta, poñamos por caso os deputados no Congreso: que teñan o mesmo trato que o resto da cidadanía (en cotizacións á Seguridade Social e na percepción de prestacións, que non cobren -entre outros varios membros do actual goberno que xa vimos con nome e apelidos na prensa-  asignacións económicas para aloxamento...cando teñen piso/s en Madrid, eta).

PODEMOS aforrar na construción da infraestrutura ferroviaria que o exministro de Fomento Xosé Blanco inaugurou como “de alta velocidade en Galicia” cando isto pon en xogo a vida da cidadanía, que teñen menores medidas de seguridade que no resto das liñas nas que o AVE presta servizo?

PODEMOS seguir a manter unha corrupción que cheira que fede, enviando un presidente do goberno español SMSs de apoio (“aguanta, Luís”) a un correlixionario e compañeiro na alta dirección do PP?. E facéndose de ouro parte da casta política ou sindical que se di socialista á costa dos fondos públicos que se tiñan que destinar a formación de poboación desempregada de Andalucía?

PODER, PODEMOS, e mesmo penso que DEBEMOS seguir facéndonos preguntas e buscando solucións axeitadas para esta nación que tantas décadas estivo a velas vir, esperando que algún conseguidor á caza dun busto que o inmortalizase trouxese algún beneficio concreto e moi puntual  a base de caciqueo e submisión persoal.

SE IMOS PODER, desde logo, ha ser desde o coñecemento da realidade economicosocial e cultural de Galicia e o traballo colectivo para darlle pulo ata que acade un posto privilexiado no concerto das nacións. 
Penso que o deixou moi ben escrito Uxío Novoneyra, por si alguén o esquecía:
 “Xamais virá de fóra
 remedio nin espranza”

Comentarios