Opinión

Menos cobrar, máis traballar

Hai que facer un esforzo colectivo para que as nosas potencialidades (en recurso naturais e humanos) dén pulo a unha sociedade máis rica e cun reparto máis xusto desa riqueza.

“Menos samba e máis traballar”. O dito brasileiro seica o transformou alguén por aquí na primeira parte; tal cousa din, alomenos, os datos estatísticos.

O  INE estimou que, no remate de 2013 o custo salarial por traballador/a e mes quedou en Galicia en 1.778,2 euros brutos; o promedio estatal foi de 1.995.7 euros (un 12,2% máis que o galego). Quedou un 35,4% por riba do galego o País Vasco, un 31% Madrid, un 20% Cataluña ou un 18% en Navarra.  

No tocante á xornada laboral por traballador/a, Galicia está nesa estatística do INE por riba do promedio español nos tres aspectos analizados: horas pactadas (a segunda comunidade autónoma, só por detrás de Madrid), horas efectivas de traballo (terceira comunidade, tras Madrid e Castela - A Mancha) e horas non traballadas (cuarta comunidade).

A ninguén se lle escapa que se a base da competitividade dunha nación estivese en pagar menos á súa poboación asalariada ou en facer que traballen máis tempo por un mesmo soldo, estarían á cola do mundo Noruega, Suíza e outros Estados moi desenvolvidos economicamente.

 “Traballar coma chinos” foi un consello que deu un coñecido dirixente da patronal española que agora anda na cadea por varios delitos económicos, supoño que á espera de que vaian entrando moitos ex-altos cargos de Caixas de Aforro, persoas da trama Gürtel, das que se repartiron millóns de euros en Andalucía a conta dos EREs, algún “honorable” ex- presidente da nación catalana e de algunha outra comunidade (balear...), entre outros candidatos que penso que fixeron méritos de abondo para pasar unha temporada na sombra (unha vez devolto o esquilmado, coa súa multa correspondente, que esa é outra...).

Os alicerces da produtividade dunha nación non están en pagar menos salarios a unha poboación asalariada cada vez menor; están no investimento en formación, en investigación, desenvolvemento e innovación (I+ D+i), boa xestión empresarial; en definitiva, en ser quen de establecer un modelo produtivo que xere o maior valor engadido e o reparta equitativamente, facendo á poboación asalariada partícipe desa melloría económica.

Pasemos do traballado pola poboación asalariada á achega á creación de riqueza polo conxunto da poboación ocupada. O valor dos bens e servizos que producimos mídese co Produto Interior Bruto (con perdón polo de Bruto!) que, dividido entre a poboación, dá o PIB por habitante.

Como andamos comparativamente en Galicia? En 2013, o noso PIB per capita foi de 20.399 euros, fronte á media estatal de 22.729.

Que comunidades autónomas están por riba do promedio estatal? De maior a menos PIB por habitante, País Vasco, con 29.959 euros, Madrid, con 28.915, Navarra, 28.358, Cataluña, 26.666, A Rioxa, 25.277, Aragón, 24.732 e Baleares, 23.446 euros.

Hai que facer un esforzo colectivo para que as nosas potencialidades (en recurso naturais e humanos) dén pulo a unha sociedade máis rica e cun reparto máis xusto desa riqueza.

O “abc” comeza, claro, por non seguir a destragar o noso capital humano, por darlle unha saída produtiva á xeración mellor formada da nosa historia que non siga a pasar pola emigración forzosa ou a explotación laboral con máis e máis contrato de prácticas con soldos ínfimos.

 O INE contabilizou na EPA do primeiro trimestre de 2014 un total de 763.900 persoas asalariadas en Galicia, nada menos que ¡147.000 menos que no mesmo trimestre de 2008! En horas traballadas (...e pagadas), a destrución foi moito maior, porque a contratación laboral medrou sobre todo na modalidade de tempo parcial, anque moitas veces en realidade deberíamos chamalos a soldo parcial, porque o horario estírase e estírase ata chegar á xornada completa.

Menos samba e máis traballar?

Comentarios