Opinión

Galicia: Leite low cost

O sector gandeiro galego leva case tres anos á cabeza do  low cost do leite entre as comunidades autónomas e ademais o diferencial vaise abrindo máis e máis (era dun céntimo por litro hai un ano e agora xa é de 2,5 ).

O sector gandeiro galego leva case tres anos á cabeza do  low cost do leite entre as comunidades autónomas e ademais o diferencial vaise abrindo máis e máis (era dun céntimo por litro hai un ano e agora xa é de 2,5 ).

O prezo medio que está a pagar a industria láctea por litro chega a 38,5 céntimos en Andalucía e a 36,9 en Cataluña; nas comunidades autónomas que limitan con nós, págase a 35,5 en Asturias e a 34,6 en Castela-León. E en Galicia?: a 31´9 céntimos.

"O sector gandeiro galego leva case tres anos á cabeza do  low cost do leite entre as comunidades autónomas e ademais o diferencial vaise abrindo máis e máis (era dun céntimo por litro hai un ano e agora xa é de 2,5 )".

Das explotacións lácteas galegas procede o 40% do leite de vaca producido en todo o Estado, pero este dominio na cota de mercado non conleva unha forza d@s gandeir@s de Galicia para asegurarse prezos na banda media-alta do promedio estatal.

Calcúlase que, no trienio 2012-2014 o sector gandeiro galego deixou de ingresar uns 100 millóns de euros debido ao baixo prezo que a industria láctea lle pagou. Que necesaria sería esa cantidade para facerlle fronte en mellores condicións financeiras á liberalización do mercado lácteo da UE que está a piques de comezar!.

CÁRTEL DO LEITE:NOVA SANCIÓN?

Ademais do cártel de Melledín e de outros dos que sabemos polos medios de comunicación, hai un cártel da industria láctea no Estado español, que  aproveita o elevado grao de concentración da demanda de leite de vaca: unha ducia de empresas recollen máis dun 60% do leite.

A Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia (CNMC) impuxo, hai só uns meses, unha multa de 98,2 millóns de euros ás empresas do cártel do lixo. Penso que a industria láctea está a incumprir tamén o artigo 62.4 da Lei de Defensa da Competencia, normativa que contempla por este abuso do oligopolio lácteo sancións de ata o 10% da facturación total das empresas.

O expediente sancionador incoado en xullo de 2012 á industria láctea pola CNMC, ampliado en marzo de 2014, debe ser resolto canto antes. Afecta a quince empresa e a dúas asociacións sectoriais, unha en Galicia (Asociación de Empresas Lácteas de Galicia) e outra en Cataluña (Gremio de Industrias Láteas de Cataluña).

Entre as empresas (e as marcas comerciais) investigadas pola CNMC están CAPSA (matriz de LARSA), Calidad Pascual, Central Lechera Asturiana,  Central Leiteira de Galicia (CELEGA), Danone,  FEIRACO, Industrias Lácteas Asturianas, LACTALIS, Leite Río, Leite Celta, Nestlé e PULEVA. Co agravante de que sete das firmas implicadas neste abuso da súa posición dominante no mercado lácteo foron xa sancionadas nun expediente anterior: Danone, LACTALIS, Leite Celta, Leite Río, Nestlé,  Pascual e PULEVA.

"O prezo medio que está a pagar a industria láctea por litro chega a 38,5 céntimos en Andalucía e a 36,9 en Cataluña; 35,5 en Asturias e a 34,6 en Castela-León. E en Galicia?: a 31´9 céntimos".

Algún dos documentos filtrados do expediente da CNMC son correos electrónicos entre as industrias lácteas, como un de Nestlé: “sugiero que mantengamos el precio en febrero y marzo y abril, con la contundencia que sea necesaria, pero acompañados por la mayoría de la competencia, para no ser señalados por los ganaderos y los medios”.

    MULTA AO PROPIETARIO DUNHA VACA, EN COMPOSTELA

Mentres, o  concello de Compostela xa lle enviou ao gandeiro Jorge Piñeiro a segunda proposta de multa (tamén de 750 euros) porque que en A Sionlla, lugar rural pertencente á capitalidade de Galicia, unha das súas vacas defecou nunha vía pública.

O BNG  propuxo no Parlamento de Galicia que a Xunta promulgue unha norma de rango superior ás ordenanzas locais, para que se retire esta sanción non se podan impoñer outras nas moitas zonas rurais colindantes con áreas urbanas que hai na nosa nación. A proposta foi votada a favor por toda a oposición (BNG, AGE, PSOE e Grupo Mixto) pero o PP impuxo a súa maioría absoluta para que estas pegadas fecais bovinas podan seguir sendo sancionadas.

    COMPOSTELA, CONCELLO MODÉLICO…EN IMPUTACIÓNS DOS EDILES

"Mentres, o  concello de Compostela xa lle enviou ao gandeiro Jorge Piñeiro a segunda proposta de multa (tamén de 750 euros) porque que en A Sionlla, lugar rural pertencente á capitalidade de Galicia, unha das súas vacas defecou nunha vía pública".

Paradoxalmente, nese concello todos os que foron na lista do PP ás pasadas municipais foron imputados pola autoridade xudicial. A maioría, polo uso dos fondos públicos para pagar a súadefensa xurídica, cando legalmente procedía pagala do seu peto; no caso do primeiro alcalde (xa van polo terceiro…nun trienio) , o señor Conde Roa cobrou o IVE pola venda dos chalés dunha urbanización…pero seica non lembrou que tiña que ingresalo á Facenda Pública.

        DESAGRAVIO DA VACA DEFECADORA

En persoal desagravio da vaca que, pola súa incontinencia anal, meteu ao seu propietario nun problema ante o Fisco do concello compostelá, púxenme neste Antroido a reler unhas páxinas do SEMPRE EN GALIZA, de Castelao; as que escribiu en Valencia e en Barcelona en plena guerra civil , a finais do ano 1937, “para louvar as tres fontes de riqueza galega: o albre, a vaca e o peixe”. Velaí algunhas das súas palabras:

Xo o dixo un dos nosos economistas; o albre xenealóxico d-unha vaca de leite é máis útil que o albre xenealóxico d-un aristócrata.

Os concursos de vacas leiteiras valen máis que os “concursos de Belleza”

A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila.

A vaca é a ama de cría da Humanidade.

O día que nós emitamos papel-moeda, non estamparemos n-él o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estamparíamos, somentes, a figura d-unha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuida.

O día que Galiza sexa unha comunidade cooperativa ergueremos un gran moimento c-unha vaca en bronce dourado.

O día que seipamos o que val unha vaca, Galiza quedará redimida.

Redimida, esperemos, da situación de dependencia externa política, socioeconómico e cultural, pero tamén dos políticos autóctonos moito máis mirados para detectar o ronsel dos restos dunha vaca nas vías rurais que para darlle bo uso aos fondos públicos que pagamos a cidadanía.
        

Comentarios