Opinión

Galicia: Combustibles caros; salarios moi baixos

Os datos do ano 2013 son ben claros: o gasóleo “antes de impostos” subiu en Galicia 1´4 céntimos de euro por litro respecto ao ano anterior, máis do dobre que na media estatal (0´6 euros) . A nosa nación ten, por certo,  o gasóleo máis caro de todas as comunidades autónomas.

Os datos do ano 2013 son ben claros: o gasóleo “antes de impostos” subiu en Galicia 1´4 céntimos de euro por litro respecto ao ano anterior, máis do dobre que na media estatal (0´6 euros) . A nosa nación ten, por certo,  o gasóleo máis caro de todas as comunidades autónomas, mesmo cando soporta desde hai medio século os custos sociais, a externalidade negativa dunha refinería moi contaminante...e que cos seus oleodutos por baixo de miles de vivendas ten un perigo potencial que a ninguén se lle escapa.

"A nosa nación ten, por certo,  o gasóleo máis caro de todas as comunidades autónomas, mesmo cando soporta desde hai medio século os custos sociais, a externalidade negativa dunha refinería moi contaminante"

Cuns custos de distribución moitos menores que noutras comunidades autónomas que non teñen ningunha refinería, a proximidade, nesta ocasión, en vez de abaratar, encarece os produtos. A Compañía loxística de hidrocarburos (CLH) veña a mandar camións e camións desde A Coruña a Cantabria, Asturias ou Castela-León...e alí venden os combustibles a menor prezo. Isto é o mundo ao revés, económica e medioambientalmente! Seica disparan os paxaros contra as escopetas! 

No primeiro trimestre de 2014 agrandouse a diferenza: o gasóleo subiu en Galicia un 0´7% mentres que no promedio do Estado español baixou un 1´2%. No mes intermedio dese trimestre (febreiro) o prezo de gasóleo, sen incluír os impostos, situouse na nosa nación en 0´75 céntimos por litro, un 2´5% por riba da media española...e un 7´1% máis que na media da Eurozona! 

Algo semellante ocorre coa gasolina. En febreiro, sen incluír os impostos, o seu custo foi de 0´69 céntimos por litro en Galicia, á par da media española...e un 7´1% por riba da media da UEM! 

Nin que dicir ten que os salarios e as pensións na Unión Económica e Monetaria (UEM) están moi por riba dos que se cobran en Galicia, e tamén na comparanza co Estado español  a nosa comunidade autónoma está no “furgón de cola”dos ingresos das persoas asalariadas e pensionistas.

"No primeiro trimestre de 2014 agrandouse a diferenza: o gasóleo subiu en Galicia un 0´7% mentres que no promedio do Estado español baixou un 1´2%"

A comparanza tamén resulta desfavorable para a nosa nación se analizamos o prezo final dos combustibles (o que inclúe os impostos) despois da decisión do goberno galego de subir en 2013 o recargo autonómico sobre hidrocarburos  un 33´3% no gasóleo ...e un 100% na gasolina!.  

O prezo do gasóleo en febreiro de 2014 foi en Galicia de 1´37 euros por litro, un 3´1% maior que a media española, e a gasolina pagouse na nosa comunidade autónoma a 1´41 euros, tamén  por riba do prezo medio estatal.

Unha comparanza con Cataluña, unhas das tres comunidades “históricas” (como Galicia e Euskadi) que aprobaron democraticamente na Segunda República un Estatuto de Autonomía reflicte que, como media, un condutor que recargue combustible en Galicia paga 120 euros euros máis cada ano. 

Mentres, o Sr. Feijóo “a velas vir”. Despois de aprobar o seu goberno en 2013 unha fortísima suba dos tributos que gravan os combustibles vendidos en Galicia (33´3% no gasóleo e 100% na gasolina), asubía e mira para outro lado, declarando que espera que a Comisión estatal dos mercados e a competencia acelere a tramitación do expediente que lle abriu o 29 de xullo de 2013 a varios operadores petrolíferos por posibles prácticas restritivas da competencia.

"Mentres, o Sr. Feijóo “a velas vir”. Despois de aprobar o seu goberno en 2013 unha fortísima suba dos tributos que gravan os combustibles vendidos en Galicia"

Anque xogue ao despiste, as declaracións do presidente fixéronme lembrar dous fermosos versos de Uxío Novoneyra: “Xamais virá de fóra/ remedio nin esperanza”. 

Exerza axeitadamente, sr. Presidente,  a soberanía galega que recolle, no tocante á comercialización de produtos, o Estatuto de Autonomía de Galicia, e non mire tanto para alén Pedrafita!

Ao fin e ao cabo, xa foi “soberno” cos funcionarios da Xunta de Galicia, que viron como o seu goberno lles descontou en 2013 e 2014 un 40% das pagas extraordinarias, mentres a nivel estatal cobraron integramente esas pagas nese bienio. Vostede, máis papista que o Papa, xa manifestou que esta política de recortes continuará en 2015.

O austericidio continúa en Galicia. Menos ingresos para as persoas asalariadas...e o círculo (sexa vicioso ou non) segue: diminúe a demanda interna galega, baixa a produción de bens e servizos, despídense máis traballadores , medra o proceso de exclusión social, potenciase a pobreza enerxética, sube da desigualdade, seguen os desafiuzamentos, eta.

Pode o presidente da Xunta de Galicia seguir a facer malabarismos verbais para tentar xustificar o inxustificable (como na rolda de prensa de abril na que manifestou a súa opinión sobre o feito contrastado de que o gasóleo máis caro do Estado sexa o que se vende en Galicia). Eu penso seguir o vello consello de Celso Emilio Ferreiro de ter moito coidado “cos falsos profetas/ que andar a vender falsos paraísos”.

Xa unha serie televisiva nos advertiu de que sen jetas non hai paraíso.  Nin fiscais, nin dos que prometían contrabandistas...nin dos que buscan en Grecia os neonazis de Amencer Dorado. Que se di Dourado en galego? Pois desculpen vostedes: Amencer Dourado.

Comentarios