Opinión

Os grandes avances sociais foron, son e seguirán sendo socialistas

Galicia xógase moito na próxima lexislatura, xa que só dende o Goberno central se poden resolver con garantías os grandes problemas aos que se enfronta actualmente a nosa terra.

Galicia xógase moito na próxima lexislatura, xa que só dende o Goberno central se poden resolver con garantías os grandes problemas aos que se enfronta actualmente a nosa terra: o futuro da pesca, do leite, da industria e dos moitos mozos e mozas galegas que seguen condenados a emigrar. Estou seguro de que, lle pese a quen lle pese, só o PSOE ten a capacidade para acadar solucións xustas e negociadas co conxunto do Estado para beneficiar a Galicia.

Os socialistas galegos temos moito que dicir na conformación dun novo modelo territorial, que será un reto ineludible para o vindeiro mandato

Os socialistas galegos temos moito que dicir na conformación dun novo modelo territorial, que será un reto ineludible para o vindeiro mandato. E somos os únicos que, con valentía e sen ambigüidade, estamos a propor unha solución factible e realista ante o escenario de confrontación xerado en Cataluña. A nosa aposta clara é reformar a Constitución para devolverlle ao Estado unha estrutura territorial baseada nos principios do federalismo. 

Desexamos un modelo de Estado que recoñeza, respecte e integre as singularidades, a idiosincrasia e as necesidades específicas de Galicia. Porque o PSdG non deixará de ser socialista, pero tampouco deixará nunca de ser galego e de defender a nosa lingua e a nosa cultura propia, tanto fronte ás ideas daqueles “novos políticos” que, como en Ferrol, queren volver relegar o galego ao ámbito do fogar, como fronte aos excesos daqueles que se consideran os únicos e máis puros salvadores do país.

Estou convencido, ademais, de que non é o momento para experimentos políticos e remexidos de siglas

Estou convencido, ademais, de que non é o momento para experimentos políticos e remexidos de siglas. O Partido Socialista pode ter cometido erros no pasado, e os asumimos con autocrítica e ganas de mellorar. Pero ante os ataques duns e outros está a realidade máis cotiá: a dos feitos que van á esencia do que realmente afecta á vida xente. E a xente das nosas cidades, das nosas vilas e aldeas sabe que fomos os socialistas os que trouxemos a sanidade e a escola pública a España, os que creamos o sistema de pensións e as axudas ao desemprego. Os que puxemos en marcha  unha Lei de Dependencia esencial para a calidade de vida de moitísimas persoas (unha lei que Mariano Rajoy boicoteou ao chegar ao Goberno); os que lexislamos para que as persoas do mesmo sexo puidesen casar, os que creamos unha Lei de interrupción do embarazo e os que implantamos unha Lei de Memoria Histórica. Somos, en definitiva, a forza política que consolidou a democracia e os dereitos neste país da man de Felipe González e que converteu a España na vangarda mundial da tolerancia e do respecto, nos gobernos de José Luis Rodríguez Zapatero. E iso ninguén nolo poderá negar.

A día de hoxe, o PSOE segue a ser a única alternativa real para transformar Galicia e sacala do inmobilismo e decadencia na que a teñen sumida os dous gobernos do PP en Santiago e en Madrid. Sabemos que temos por diante moitos estragos que arranxar e que non vai ser un camiño doado. Pero anímanos a confianza recuperada nas pasadas eleccións municipais. Contra moitos prognósticos conseguimos aumentar os nosos concelleiros e alcaldes por toda Galicia, acadando incluso en alcaldías históricas do PP, como as de Trabada ou Lourenzá, por citar só dos exemplos na miña provincia dos que estou especialmente orgulloso porque as acadaron dúas mulleres novas, socialistas e valentes, que trouxeron aire fresco a pobos que nunca saíran politicamente da súa longa noite de pedra.

Só nós temos a capacidade, a experiencia e a confianza da cidadanía precisas para castigar o PP e para volver poñer en marcha políticas progresistas que melloren a vida das persoas. O PSOE de Pedro Sánchez será o que derrogue a reforma laboral do PP para devolver os dereitos aos traballadores e, especialmente ás traballadoras, mediante unha lei de igualdade salarial; o que leve a cabo a reindustrialización de Galicia e quen volverá a poñer en marcha os piares do noso Estado do Benestar: a educación pública, a sanidade universal e a protección social. Todo o demais é dialéctica.

Comentarios