Opinión

Os espazos do común como negocio

Nos últimos anos produciuse na Coruña unha renovada preocupación pola perda de espazos públicos. Porén, o interese deste debate segue a estar polarizado pola formulación de dúas teses que, tomadas por separado, poden conducir a unha visión excesivamente simplista da realidade. O risco que se corre é que, ao apostar por unha das dúas posicións, se perda a posibilidade de obter unha visión global do significado real da perda de edificios e espazos do común que foron sempre unha referencia na historia da cidade.

Nas lexislaturas presididas por Paco Vázquez impúxose unha visión que identificaba a privatización de espazos públicos coma unha oportunidade de negocio inmobiliario, alleo ás necesidades máis urxentes da maioría da veciñanza. As argumentacións básicas dos seus valedores xiran en torno ao concepto do neoliberalismo, isto é, un sistema que organiza a produción social de cara a obtención de beneficios para os posuidores de medios de produción, constituíndo os espazos públicos a mercadoría que posibilita a obtención de saborosos dividendos.

A relevancia deste punto obríganos a repasar como A Coruña foi privada dunha parte importante do seu patrimonio público diante da indiferenza e permisividade de diferentes organismos públicos. Así, derrubouse o asilo de Adelaida Muro, construído en 1888, froito da xenerosidade da cidade a través da doazóns de terreos e cartos destinados á atención das persoas máis necesitadas. Descatalogouse o inmóbel, que gozaba da condición de protexido, mudándose a cualificación da parcela de uso asistencial privado a “área de transformación” para facilitar a construción de vivendas.

A relevancia deste punto obríganos a repasar como A Coruña foi privada dunha parte importante do seu patrimonio público diante da indiferencia e permisividade de diferentes organismos públicos

Non fai falla afondar nunha contabilidade de casos para comprobar de que xeito as actuacións especulativas ben ancoradas e estruturadas perante décadas foron o receptáculo apropiado para un sistema que contempla o común como unha oportunidade de negocio. Aí está, por exemplo, o vello cárcere provincial, un edificio abandonado porque o Estado pretende cobrarlle 1,12 millóns de euros ao Concello, cando ocupa un solar que o propio Concello mercara no seu día para cedelo ao goberno central en 1925. Tampouco cedeu o vello Hospital Militar, polo que houbo que pagar 1.100 millóns de pesetas.

Lamentábelmente, o actual goberno municipal non parece querer mudar a situación. Prefire un peche de filas, optando por manterse estritamente no campo dos intereses especulativos cuxo exemplo máis evidente é a intervención en Labañou. Nos actos de protesta desenvoltos para evitar o proxecto das Percebeiras, evidenciouse xa que a alcaldesa vai perdendo capacidade para conectar coa sensibilidade da veciñanza e mesmo de sedución no plano humano. Parece apostar por reproducir a orxía neoliberal instaurada na cidade por Vázquez intentando trasladar, iso sí, unha suposta prosperidade para a veciñanza.

Os grupos hexemónicos están a reformular toda a trama portuaria até o punto de que por primeira vez, dende 1850, pode consumarse a privatización dun espazo situado en primeira liña de costa

Desde esa perspectiva, a constitución da plataforma cívica Defensa do Común, en marzo de 2016, actuou como espoleta de concienciación social, mais tamén para evidenciar diante dos organismos públicos a necesidade de recuperar terreos do común, tutelados polos ministerios de Defensa e Fomento. Así, o departamento estatal de Defensa pretende desfacerse de tres parcelas no Campo da Estrada-Maestranza que suman 5.316 metros cadrados, cunha superficie edificábel de 29.262 metros cadrados, para a construción de 300 vivendas, ao igual que outra situada na rúa Adelaida Muro, de 373 metros cadrados e unha edificabilidade de 1.155 metros cadrados.

Este é o contexto dun futuro difícil de predicir para o común na Coruña, por canto os grupos hexemónicos están a reformular toda a trama portuaria até o punto de que por primeira vez, dende 1850, pode consumarse a privatización dun espazo situado en primeira liña de costa. É unha peza chave de cara a xerar plusvalías, mais tamén prexudicial para a cidade. É, pois, contra esa política contra a que nos pronunciaremos.

Extremando a cuestión, cabe dicir que a iniciativa para a defensa do común volve a situarse no terreo das mobilizacións.

Comentarios