Opinión

Rumbo certo

Dúas escenas recentes, unha en Vigo e outra en Estrasburgo, poden axudarnos a visualizar a situación actual do sistema portuario galego abrindo o debate social sobre cal é o modelo que necesitamos como nación e como traballadoras e traballadores.

Hai escasos días a prensa do país puxo o foco sobre o sistema portuario cando López Veiga, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, protagonizou, aguilloado polos intereses das patronais locais, numerosos titulares pola marcha dunha importante liña de contedores en favor do porto de Marín. Semella que Maersk Line, principal operador marítimo do mundo, decantouse por este traslado nunha poxa electrónica celebrada na India a causa dos menores “custes laborais” existentes entre empresas de estiba, seguindo así a lóxica da “competencia interportuaria” e os chamados “criterios de mercado” que os distintos gobernos españois foron impondo no sistema portuario.

Do que non se falou practicamente nada é que unhas semanas antes, a principios de marzo, o Parlamento europeo aprobaba un informe no que se emendaba as partes máis agresivas da proposta de Regulamento elaborada pola Comisión Europea para o libre acceso ao mercado, como principio xeral, na subministración de servizos portuarios. O texto orixinal certamente era un mísil en toda a liña de flotación do sistema portuario galego.

As emendas agora aprobadas pretenderon venderse como unha vitoria “progresista” fronte aos continuos embates privatizadores da Comisión. “Puido ser peor!”, exclaman algúns burócratas desde os seus despachos. Xaora! O problema é que o Parlamento tiña a posibilidade de devolver a proposta de Regulamento á Comisión para a súa revisión completa, mesmo podendo forzar a súa retirada, e non o fixo: isto parécese demasiado á vella estratexia do poli bon e o poli mao que sempre, dun xeito ou outro, acaba dando algún tipo de resultado.

Así é que o texto aprobado en primeira lectura (que aínda sufrirá modificacións no percorrido até a súa redacción final) continúa o ronsel liberalizador de outras normas anteriores como os denominados Paquete Portuario I e II: os defensores deste novo texto non din toda a verdade cando afirman que se van respectar os diferentes sistemas de xestión portuaria de cada territorio xa que ao abarataren os servizos portuarios poñen en serio perigo a autosuficiencia e rendibilidade do sistema, principios sobre os que os gobernos do PP e do PSOE fixeron pivotar o réxime económico-financeiro do sistema portuario a través da Lei 48/2003 e a súa reforma de 2010.

Estamos perante un chanzo máis no proceso de liberalización e privatización dos sistemas portuarios existentes no seo da UE

É por isto que cómpre advertir que non podemos deixarnos levar polos cantos de serea, estamos perante un chanzo máis, se ben de momento de menor intensidade que o proposto pola Comisión e o exixido polas poderosas patronais do sector, no proceso de liberalización e privatización dos sistemas portuarios existentes no seo da UE que aínda manteñan certo grao de participación pública que debilitará, por tanto, aínda máis esta participación e con repercusións directas sobre o noso país.

Voltemos agora á escena primeira que viamos en Vigo. Que mellor que o seu protagonista López Veiga, outrora flamante conselleiro de pesca da era Fraga Iribarne, para simbolizar o momento actual no sector xa que, precisamente, esa é a Consellaría que ten a responsabilidade dos asuntos portuarios: é desde aí onde se nomea a presidencia de cada unha das cinco Autoridades Portuarias galegas que xestionan os seis portos de interese xeral que hai no noso país e é a que dirixe o ente público Portos de Galiza que á súa vez xestiona os outros 122 portos.

O desleixo da Xunta e da Consellaría en materia portuaria é pasmoso. Non existiu nunca unha coordinación real das cinco Autoridades Portuarias e aínda a día de hoxe non temos unha lei galega integral de portos como si ten, por exemplo, Cataluña desde 1998. A actuación dos xestores do sistema, sintoma claro deste desleixo, é errática, sen horizonte estratéxico definido nin visión global de conxunto. E este marasmo ao que están abocando o sistema público portuario só irá a peor coas novas exixencias que veñan de Madrid e da UE.

Non existiu nunca unha coordinación real das cinco Autoridades Portuarias e aínda a día de hoxe non temos unha lei galega integral de portos como si ten, por exemplo, Cataluña desde 1998

En todos os anos que levamos de réxime autonómico non houbo vontade de deseñar unha política marítimo-portuaria en clave galega, cando este sector é estratéxico e vital para un país marítimo como o noso que conta, ademais, cunha posición xeoestratéxica privilexiada nas rutas comerciais. Contamos cun inmenso potencial a través dos seis portos de interese xeral que deberan ser a columna vertebral dunha estratexia portuaria autocentrada, atlántica, expansiva, para xunto cos outros 122 portos, podermos desenvolver unha nova xestión portuaria pública, galega e eficiente, na que os nosos portos non sexan apenas nodos loxísticos alleos á realidade social, territorial e ambiental, como pretende o catecismo neoliberal, senón tamén auténticos nodos sociais que exerzan de motores de emprego e repercutan no benestar non só de traballadoras e traballadores senón das comarcas dos que son parte indispensábel.

Desde a CIG exiximos para este Primeiro de Maio que xa temos ás portas autoorganización e plena soberanía política “como única forma de solucionar os problemas económicos e sociais da nosa nación”. Neste sentido, exercer a soberanía tamén en materia portuaria é poder decidir que modelo queremos de xestión portuaria, é defender os dereitos e conquistas de centos de traballadores e traballadoras e é situar Galiza no mapa do transporte marítimo transcontinental. E só así poderemos marcar rumbo certo a bon porto para esta exhausta nación atlántica “deitada rente ao mar, ese camiño...”

Comentarios