Opinión

A protección das infancias e as adolescencias

Os nosos sistemas de protección ás persoas menores de idade débense adaptar necesariamente a unha nova normalidade.

Comentaremos algúns datos que non debemos esquecer cando falamos das infancias e as adolescencias da nosa contorna. A franxa de idade que está en maior situación de risco de pobreza e exclusión é a de menores de 18 anos, e chega ata un 30% da poboación. Convivimos en España con 50.000 nenos, nenas e adolescentes que son atendidos polo sistema de protección de menores, e uns 15.000 contan co apoio de recursos de xustiza xuvenil. Estímase tamén que hai 147.000 menores migrantes en situación administrativa non regularizada dos cales máis do 50% teñen menos de 9 anos.

Tamén son importantes as cifras de menores de idade vítimas de violencias, 11.000 casos de acoso entre iguais, datos que medran con fenómenos como o ciberbullying ou o ciberacoso sexual por parte de agresores adultos tamén coñecido como grooming. Ademais, un 50% das vítimas de violencia sexual son menores de idade. 

Dende o inicio da modernidade as infancias e as adolescencias son tidas en conta socialmente como suxeitos dunha especial protección social e legal ao seren persoas en desenvolvemento. Así, os factores de vulnerabilidade insuficientemente atendidos a estas idades poden comprometer as posibilidades dunha maduración saudable.

O papel da psicoloxía neste traballo é fundamental ao tratarse dunha ciencia que, desde os seus albores, prestou especial atención ao desenvolvemento psicoevolutivo de nenos e nenas, ás súas necesidades emocionais e á súa conduta. Dentro da ciencia psicolóxica, a psicoloxía xurídica, como área de traballo e investigación onde conflúen psicoloxía e dereito, é de especial relevancia para as persoas menores de idade ocupándose da súa atención en eidos relacionados con situacións de risco ou conflito social. Esta importancia é particularmente actual tendo en conta todos os cambios sociais e xurídicos que se están a producir na nosa sociedade. Son moitas e importantes as implicacións destes cambios nas características da poboación infantil e xuvenil e o seu contexto social e familiar, así como no traballo a desenvolver con dita poboación. 

Os nosos sistemas de protección ás persoas menores de idade débense adaptar necesariamente a unha nova normalidade. As actuais infancias e adolescencias inscríbense nun marco sociocultural que mudou substancialmente nas últimas décadas. A estrutura e funcionalidade das familias articúlase na actualidade nunha diversidade de tipoloxías posibles, con diferentes formatos e cambios ó longo do proceso madurativo. Tamén mudan as referencias dende as que construír a propia identidade a partir da xeneralización do feminismo e a diversidade sexual como vectores de transformación social.

A dimensión dixital da vida cobrou unha importancia fundamental para os máis novos, tanto no acceso a información e coñecemento, como no aspecto relacional. Os procesos migratorios son crecentes como consecuencia da guerra, a crise climática e a pobreza extrema. Todo iso da lugar a un tecido social novo e moi diverso nun contexto que é de crise xeneralizada das institucións e que nos enfronta a horizontes de futuro incerto. 

Vivimos, en definitiva, inmersos nun período indefinido e pronunciado de cambio social. Un tempo atropelado que dificulta asimilar e acomodar as novidades. Neste escenario resulta prioritario actualizar e reforzar a protección dos menores de idade. Para atender as crecentes necesidades psicolóxicas daqueles que son atendidos nos sistemas de protección e xustiza xuvenil ou na atención a nenas, nenos e adolescentes vítimas de violencias, necesitamos dotarnos de sistemas públicos fortes e estables, con proxectos técnicos adaptados á nosa realidade contemporánea.

Precisamos entón dun maior número de profesionais especializados que apoien e acompañen vidas que se atopan, de xeito temperá, en situación de risco ou conflito social. A inversión no sistema de protección das infancias e as adolescencias non so é unha responsabilidade social de primeiro orde senón tamén unha aposta polo futuro da nosa comunidade.

Comentarios