Opinión

Nin derrogación nin reforma, foi unha farsa

Foi o Decreto-lei, igual que nos gobernos de Aznar, a norma legal elixida polo goberno “máis progresista da historia” para pór punto final a unha farsa. Dous anos estiveron afirmando que ían derrogar a reforma do ano 2012, como tamén ían derrogar o réxime do 78, para rematar asinando unhas modificacións que aplaude a patronal e o mesmo Partido Popular.

Os medios de comunicación, asentados na nulidade intelectual e no espectáculo, as representantes do goberno só interesadas en ambicións de poder persoal e as corporacións empresariais de UGT e CCOO, repiten unha e mil veces que o acordo é histórico porque ten o consenso das partes e recupera dereitos. Nós preguntámonos que valor ten o consenso dos representantes do capital para a clase traballadora -porque debemos recordarlle a quen se diga comunista que o comunismo non é posíbel no capitalismo, son ideoloxías antitéticas-; e preguntámonos tamén que dereitos se recuperan nesta farsa na que as indemnizacións por despedimento continúan igual, na que oficializan os ERES (que pagamos nós, como engano estatístico do paro), na que non se recuperan os salarios de trámite, na que se falan dos contratos fixos descontinuos como solución da temporalidade, na que non se remata coas empresas de traballo temporal... Nada se fai que non poida asinar a dereita máis conservadora.

Esta “reforma” laboral vén ditada pola Unión Europea, que é quen marca os parámetros para garantir a devolución dos fondos europeos acordados a raíz da pandemia, uns fondos que os partidos políticos dos diferentes arcos parlamentarios do Estado español están a discutir sobre quen os xestionaría mellor, pasando por alto que o verdadeiro problema é quen os vai pagar, e será, novamente, a clase traballadora. A “reforma” é o aval de pago que a UE pediu ao goberno español.

A resposta a esta nova aldraxe non pode vir dos partidos políticos, nin dos que contribuíron a súa sinatura, nin dos que sustentaron a investidura nin dos que din estar en contra da reforma. Non podemos artellar unha resposta de clase supeditada ás axendas políticas dos diferentes partidos nin aos seus cálculos electorais. A resposta sindical non pode vir dunha correa de transmisión entre os partidos e os sindicatos, debe provir do movemento da clase traballadora na defensa e conquista do seus dereitos, pois sen presión contundente nas rúas nada fará corrixir esta farsa aos seus autores.

Dende unha perspectiva sindical é imposíbel pensar que haxa outra vía que a mobilización para tombar esta e as anteriores reformas. Nós non imos ser cómplices dunha nova farsa dando lexitimidade a negociacións para introducir reformas ao texto aprobado no Decreto Lei, non exercemos de hipócritas ou cínicos.

Entendemos ben, e respectamos, o papel que xogan os partidos políticos, e o que queira xogar cada sindicato, do mesmo xeito que sabemos que o noso é pular pola mobilización permanente e a construcións de espazos onde a clase traballadora sexa quen de artellar as súas demandas sen ataduras e condicionamentos previos.

No momento histórico no que nos atopamos toca que as organizacións sindicais de clase sexamos xenerosas, e aceptando o papel de cada quen, poñamos as nosas ferramentas ao servizo do interese xeral da clase traballadora. Non é a hora da importancia das siglas ou dos cálculos das maiorías, é a hora de sumar, cada quen na medida das súas posibilidades, e turrar pola construción dunha folga xeral nacional galega que non se ate ao interese das axendas de ninguén, senón ao interese urxente da clase  traballadora. Para facelo cómpre pór en funcionamento todo o noso optimismo e comezar a traballar nos centros de traballo e en cada recuncho onde haxa un traballador ou traballadora.

Comentarios