Opinión

1972, exemplo ou fetiche?

Estes días, e dende diferentes ópticas sindicais, estanse a lembrar as folgas do 72, que confluíron nunha resposta contundente da clase traballadora ao sistema fascista, e como tal capitalista, imperante no estado español; foi entón unha emenda á totalidade.

Todos os actos convocados arredor do 72, dun xeito ou doutro, analizan o acontecemento que desencadea a mobilización, e dicimos acontecemento en singular porque a pesares das diferentes ópticas que se lle dean é só un e ten que ver coa loita de clases coma motor da historia. Analizan tamén, estes actos, o desenvolvemento dos feitos, quen foron os protagonistas e cales foron as consecuencias de tal fito histórico.

Por vez primeira a clase traballadora galega comprendeu que podía ser o suxeito activo da súa propia historia sen necesidade de agardar por directrices alleas

Todo ese esforzo para facer da historia memoria activa pensamos que é positivo, máis obríganos a parafrasear a Lenin e preguntarnos: memoria para que? Esta pregunta facémola para enfocar o uso e a interpretación da historia que se está a facer. Ninguén dubida que o único certo son os feitos, máis quen e como se contan eses feitos inflúe no relato e na utilización que del se fai. Quen os viviu e os contou no momento correu o risco de facelo sen sosego e afectado en exceso pola subxectividade; quen os viviu e os conta agora pode facelo coa súa historia reconstruída mil veces dende entón, mesturando aquilo que foi e aquilo que pensa que foi.

Todo isto é normal e debemos contar con iso á hora de escoitar e ler o 72, pero o que si podemos e debemos evitar é utilizar a memoria coma fetiche ou como escusa para dar por finalizada a historia, para dicir que agora xa non fai falta un novo 72 porque vivimos nunha democracia plena, que xa non hai fascismo, que xa temos garantidos os dereitos... ou o que é máis insultante, para utilizar o 72 como sucedáneo das mobilizacións contundentes que os tempos actuais demandan máis que nunca.

O historiador Isidro Román defende que unha das conclusións máis importantes que se poden sacar do 72 é que por vez primeira a clase traballadora galega tomou conciencia de seu, comprendeu que podía ser o suxeito activo da súa propia historia sen necesidade de agardar por directrices alleas. Concordamos con el e dicimos que ese é o exemplo principal que debemos tomar do acontecido no 72, e dende aí impulsar de novo unha emenda á totalidade. A historia pode ser útil se somos quen de utilizala como exemplo para retomar as loitas inconclusas. O 72 foi un exercicio radical de democracia no sentido revolucionario, foi a toma das rúas contra o poder despótico como se fixo en Francia dende 1789 e varias veces durante o século XIX. A pesar das derrotas, a clase oprimida francesa seguía alimentando o motor da historia ata o seguinte impulso democrático de clase. O noso 72, aínda que non deu atopado a guillotina necesaria, foi o primeiro impulso para seguir no noso camiño revolucionario como pobo e como clase, non pode ser o fin da historia, ten que ser o inicio dela.

Hoxe, cincuenta anos despois do 72, temos un poder xudicial ao servizo do capital que foi herdeiro do TOP, un xefe de estado, nomeado polo ditador Franco, prófugo e que deixa ao seu fillo na butaca; un goberno "progre" composto polo PSOE, subvencionado no seu día pola CIA e a Alemaña Federal a cambio de garantir o aliñamento co capitalismo, e por Unidas Podemos garantido a persistencia deste sistema mediante medidas edulcoradas que fan rir a multinacionais e patronal, ao tempo que erguen o puño e celebran o movemento obreiro do 72.

Debemos xuntar a todas as organizacións sindicais que cren na loita de clase e pelexar pola convocatoria dunha folga xeral galega que emende de novo o sistema

Galiza estase tamén a converter noutro fetiche. De nada serve ondear bandeiras e facer versos sobre a independencia nacional se deixamos de ter país e lingua para falalo e construílo. Dende Europa e seu servo, España, están a destruír a nosa cultura, a nosa fala, os nosos recursos, o noso medio natural... para ser só un parque de atraccións turístico baleiro de contido e conciencia.

A solución non vai estar nas urnas, e elas non poden marcar as nosas axendas sindicais. A solución debe estar na mobilización de clase (esa debe ser a nosa homenaxe ao 72), debemos xuntar a todas as organizacións sindicais que cren na loita de clase e renegan deste suicidio consentido, e a toda a sociedade civil organizada e pelexar por unha mobilización que se traduza na convocatoria dunha folga xeral galega que emende de novo o sistema. Este exercicio require xenerosidade e vontade de antepor a defensa do común ás siglas particulares, sen deixar por iso de recoñecer que cada quen debe xogar o papel que lle corresponde.

Nós asumimos o noso papel e asumimos o exemplo do 72, o fetiche non nos move.

Comentarios