Opinión

10 de marzo, memoria contra da historia oficial

Na memoria colectiva da clase traballadora permanece o ano 1972, pero faino de diferente xeito, pois a nitidez do seu contido varía en función de quen o lembre. A algúns chégalles con que Amador e Daniel foran, naquel entón, "dos deles" para así pórlles flores, ao tempo que cada día, e dende a nova restauración borbónica, foron dándolle as costas á clase traballadora. Ficaron esas siglas de entón na mera estética e no discurso baleiro; Daniel e Amador xa non son deles, agora son de quen reivindica a loita de clases coma motor da historia, de quen non se perde nos escintileos das lámpadas e moquetas ou dos pactos sociais que claudican ante o capitalismo parlamentario. Este 10 de marzo volveremos ás rúas para reivindicar o que foron Daniel e Amador, traballadores galegos levantados en rebeldía contra a opresión de clase, exemplo histórico do que somos as galegas e galegos, moi na contra da conciencia sometida que, unha e outra vez, pretenden impornos.

E nesas rúas, que serán de memoria, haberá tamén un presente que delata a pulsión de clase que se vive dende o ano 2008. Nos primeiros anos daquela (outra máis) crise capitalista, agromou nas rúas un novo xeito de organizarse, dende abaixo, con debates, cuestionándose o sistema, e moitas das veces repetindo o que moitas de nós xa levabamos falando anos. Nalgúns casos incluso escoitamos cousas que nos fixeron ver con desconfianza, e un algo de soberbia, o que se estaba a dar. A pesar disto tomou as rúas o movemento popular con reivindicacións tan básicas coma necesarias (pan, traballo, teito e dignidade) arredor do que se coñeceu como "Marchas da dignidade". Nelas, superando o curto prazo e os prexuízos de cada quen, foi fixado un obxectivo común baseado no eixo central da loita de clases, que non foi outro que derrubar o réxime do 78 co que iso significaría: cambio de modelo económico e autodeterminación dos pobos sometidos no estado español. O motor desas Marchas, logrando mobilizacións históricas, foi o sindicalismo alternativo que conseguiu entender a importancia do acontecemento histórico e a necesidade de alterar as follas de ruta de cada sigla na busca dun fin colectivo.

A chamada nova política foi a encargada de parasitar as Marchas, utilizándoas coma trampolín electoral para logo dinamitalas en canto tocaron moqueta e esqueceron as palabras ditas. O seu papel foi o de lavar o réxime do 78, repetindo a historia do PSOE e do PC. Hoxe as rúas aproveitan o encadeamento do rapeiro Pablo Hasél, por exercer a liberdade de expresión, para poñer en claro que o sistema non serve. Non se trata de Hasél (que tamén), senón de que xa non aturamos máis represión, máis precariedade, máis discriminación de xénero... máis violencia "lexítima" porque a exerce o Estado. Trátase de explicarlle ao sistema que somos conscientes, como o foron Daniel e Amador, de que nunca o poder cede os seus privilexios negociando, hai que arrancarllos a dentadas e esa loita sempre ten o apelido de violenta porque non pode ser doutro modo, son as portas da historia. Non é vandalismo, é furia e desesperación ante a frustración que xera o capitalismo. A crise iniciada no 2008 deixou un pouso na clase traballadora que foi traizoado no político, agora chega unha segunda fase na que non debemos escoitar cantos de serea nin fe cega nas siglas, o noso motor non debe ser outro que o interese común da clase traballadora sumando todas as forzas posíbeis ou fracasaremos.

A mellor homenaxe que lle podemos tributar a Daniel e Amador é tomar as rúas non coma unha ofrenda floral, senón coma fío histórico de loita pola xustiza de clase. A nosa memoria rebelde arranca no ano 1789 que inicia a idade contemporánea, nela houbo violencia e tamén derrubouse unha monarquía. Foi violenta, e foi lexítima porque era violencia necesaria e nosa. A historia segue agardando por nós. Estamos coas palabras de Uxío Novoneyra, "Folga Xeral contra da historia"

Comentarios