Opinión

Agora que se cumpren vinte anos

Agora que se cumpren vinte anos, agora que chega por fin o recoñecemento en forma de alado Premio Ondas para unha humilde radio interescolar quero lembrar a pequena parte do camiño que fixen ao seu carón e apoiar de novo a inciativa que daquela se fanou.

Agora que se cumpren vinte anos, agora que chega por fin o recoñecemento en forma de alado Premio Ondas para unha humilde radio interescolar quero lembrar a pequena parte do camiño que fixen ao seu carón e apoiar de novo a inciativa que daquela se fanou.

"Ninguén fica inmune á experiencia de Ponte…nas ondas! A súa ollada cambia, alárgase,  capaz de aprezar o un no diverso. Pular polo recoñecemento da tradición oral galego portuguesa significa aprender a querérmonos, un exercicio esencial de autoestima para este pobo esmagado".

En 2004 eu traballaba  na fronteira, alí onde  a radio confunde constantemente as estremas políticas. Alí, nesa liña imaxinaria,  no instituto Pedras Rubias, estaba eu nese ano e puiden asistir de ben preto ás angueiras dun feixe de Mestres con maiúsculas. Os integrantes de Ponte nas ondas, eses heroes civís, multiplicaban as horas dos seus atafegados días para poñérmonos no mundo.  Traballaban a prol de que a tradición oral galego-portuguesa fose recoñecida como patrimonio inmaterial por parte da Unesco e esa candidatura, pensabamos, tiña de gañar porque todo o tiña: sociedade civil, Escola,  eurorrexión, a  historia milenaria que pervive nas marxes do gran río, unha das fronteiras máis pacíficas de Europa. Non podiamos perder e mais perdimos.  Que fallou? Falaron da excesiva ambición da proposta, pero eu teño para min que algo tivo que ver tamén a cativa implicación institucional dos países. Aqueles políticos que tanto enchían a boca falando de Eixo Atlántico, de espazo interrexional, da reconfiguración do espazo europeo non acreditaron abondo na iniciativa dos mestres. Mágoa ante a cegueira. Porque o que eu vivín, implicada a pé de aula cos rapaces, foi un milagre que ás veces sucede. A mellor escola, aquela que axuda a saber quen es e de onde vés. Eu sentín a emoción dos nenos, dos adolescentes que alentados a pescudar nas súas orixes descobren o valioso da súa tradición, as precisas contornas da súa cultura. As avoas e avós como confidentes dun mundo fabuloso e singular. Ninguén fica inmune á experiencia de Ponte…nas ondas! A súa ollada cambia, alárgase,  capaz de aprezar o un no diverso. Pular polo recoñecemento da tradición oral galego portuguesa significa aprender a querérmonos, un exercicio esencial de autoestima para este pobo esmagado. A vella ponte de Túi, da que na miña nenez contaba todas e cada unha das súas trabes nas colas interminables ante a alfándega,  foi o escenario dun dos actos máis emblemáticos daquela campaña ante a Unesco. Cincocentos “meniños cantores” de mans dadas unían as dúas beiras e compartían, xa non bacallao ou café, senón cancións, palabra común, música, o sentimento de estaren feitos dos mesmos soños e de habitar no mesmo espazo. Unha forza revolucionaria. A forza do recoñemento. Ás veces a sociedade civil dá leccións así, ás veces a escola convértese nun lugar desde onde pode albiscarse o mellor futuro.  Por iso,  agora, cómpre apoiar de novo a candidatura, con todo o noso orgullo, con toda a  nosa convicción, a potencia orgullosa da identidade común,  a liña máis clara da esperanza.

Comentarios