Opinión

A nosa riqueza emigra polos fíos da luz

Cando vou pasar uns días de vacacións a miña parroquia natal dos Vilares de Díaz Castro, no axuntamento de Guitiriz, vexo que todo o horizonte que me arrodea está inzado de “ecolóxicos e modernos” muíños de vento que producen un montón de quilovolts-hora que van encher de euros os petos de empresarios sen escrúpulos que seguiron ao “dediño” o consello de Zapatero de que deixaran o negocio da construción, porque xa non era rendíbel e investiran, ou (mellor dito), especularan no negocio enerxético, dado que o goberno ía permitir a subida dos recibos da luz para facelo mais acorde coas súas apetencias económicas.

Cando vou pasar uns días de vacacións a miña parroquia natal dos Vilares de Díaz Castro, no axuntamento de Guitiriz, vexo que todo o horizonte que me arrodea está inzado de “ecolóxicos e modernos” muíños de vento que producen un montón de quilovolts-hora que van encher de euros os petos de empresarios sen escrúpulos que seguiron ao “dediño” o consello de Zapatero de que deixaran o negocio da construción, porque xa non era rendíbel e investiran, ou (mellor dito), especularan no negocio enerxético, dado que o goberno ía permitir a subida dos recibos da luz para facelo mais acorde coas súas apetencias económicas. Profanaron con estes muíños até as penas do Buriz que cantara Fermín Bouza Brei, queixándose de que antes xa intentara profanalas o exército español coa metralla e as bombas; as de Santa Cruz de Parga, ao resgardo das cales Manuel María e Uxío Novoneyra lían e discutían a poesía de Noriega Varela cando estaban no servizo militar. Desde alí tamén podo ver os fumes infestados que tira ó aire a cheminea das Pontes de García Rodríguez que producen a choiva ácida e fai podrecer até as hortas dos labregos.

"Os veciños de Guitiriz sentímonos estafados, xa que, ademais de pagar o recibo da luz relixiosamente todos os meses, temos un montón de cortes de luz case diario"

Andan neste negocio compañías transnacionais que cotizan en Madrid como “UNION FENOSA” (Unión Perigosa lle chaman en Guatemala), a que vinculan co narcotráfico en Latinoamérica e acusan, segundo “Radio Mundo Real” e varias páxinas de Internet, de contratar sicarios que asasinaron a varios activistas sindicais nese país centroamericano. Despois chegaron Florentino Pérez e outros “benfeitores” dese pelo, “desvividos” polo noso benestar e que acaparan o diñeiro na nosa terra para darllo logo a Cristiano Ronaldo e aos ex-presidentes Felipe González e Xosé María Aznar que privatizaron a enerxía que produce para logo utilizar a porta xiratoria.

Sen embargo, os veciños do Axuntamento de Guitiriz sentímonos estafados, xa que, ademais de pagar o recibo da luz relixiosamente todos os meses, temos un montón de cortes de luz case diarios e cada veciño tivo que facerse con un xerador eléctrico para cando eses cortes duran mais de tres horas, porque cando fai aire, xa que as árbores de arredor das liñas soamente as limpan de vez en cando, os postes véñense abaixo e os cables seguen polo chan durante varios meses nos campos por onde pastan as vacas diariamente e porque a FENOSA non lle importa a seguridade das persoas nin a dos animais. Ademais do perigo que isto supón é un gasto innecesario de enerxía que se perde en contacto coas ramas e co chan. En fin!... Case estamos nas mesmas condicións que cando eu era neno e tiña que estudar a luz do candil e andaba sempre coa “perrera” chamuscada porque o candil non daba luz dabondo.

Ademais diso; de vez en cando tamén hai uns baixóns de luz, xa que ao abrir a billa da auga e prenderse a motobomba do pozo non hai potencia suficiente para o alumado, e xa non digamos nas horas en que os paisanos da aldea se poñen a muxir as vacas, ou cando enchufamos as pranchas e os radiadores.
Namentres nosoutros nos atopamos nesta situación precaria, ese prezado produto en forma de enerxía eléctrica que escasea nas nosas casas vai criar postos de traballo lonxe delas. A nosa riqueza emigra polos fíos da luz e vai alimentar as industrias doutros países máis desenrolados que non a producen pero que a consumen, creando postos de traballo detrás dos que logo tamén temos que emigrar nosoutros e os nosos fillos.

"Xa que producimos este elemento tan esencial e de primeira necesidade para a era na que vivimos, compre criar aquí industrias que proporcionen riqueza e traballo, para que os galegos e galegas non teñamos que emigrar da nosa terra".

A enerxía non crea riqueza onde se produce: alí crea problemas expropiando terras, como nas Encrobas, asolagando os mellores vales; en Portomarín e Castrelo do Miño; contaminando o medio ambiente e profanando os nosos montes con muíños de vento, pistas forestais innecesarias e liñas de alta tensión por onde emigra cara a outras terras. Algunhas destas industrias enerxéticas contaminantes precisan colateralmente doutras que tamén son daniñas, perigosas e antipopulares como é o caso de “REGANOSA”, que abastece de gas á térmica das Pontes. Falando en termos culinarios: cociñan na nosa casa, déixannos aquí a graxa e levan a comida para a súa. Cando por casualidade crean algunha industria no noso país sempre se trata de explotacións que ninguén quere; crean escasos postos de traballo ou destrúen os poucos que hai, porque consumen moita enerxía e son moi contaminantes, como é o caso da Celulosa de “ENCE” na ría de Pontevedra, que verte ao mar velenos que acaban coa fauna e especies mariñas, arruinando o medio de vida dos nosos pescadores.

Xa que producimos este elemento tan esencial e de primeira necesidade para a era na que vivimos, compre criar aquí industrias que proporcionen riqueza e traballo, para que os galegos e galegas non teñamos que emigrar da nosa terra. Temos que deixar de ser unha colonia que so produce materias primas e man de obra barata que non reverten na economía da nosa nación. Iso so se pode conseguir sendo donos do noso futuro e utilizando axeitadamente os nosos recursos, que son moitos e moi cobizados por eses imperialistas que nolos están a roubar. Non podemos permitir que embarguen o futuro da nosa nación, nin que os seus habitantes carezan das riquezas que a nosa terra produce porque o digan os dirixentes que nos desgobernan na Xunta, eses mesmos que lembramos caladamente nas nosas blasfemias, como ben din os compañeiros de “A Quenlla”.

Comentarios